Opinión en Galicia
Soliloquios (2)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 03 de marzo de 2026
Prosa / poesía?

Prosa / poesía,
equilibrio corporal.
Corpo / espírito,
sensibilidade e fortaleza.
Corpo e alma,
vida en definitiva,
xa que nós, coma as abellas,
libando,
sempre librando,
¡coñecemos e aprendemos!
-.-
O corpo pide flexións,
e a alma reflexións.
Non son contrarios, non son contraditorios;
é simplemente
unha cuestión semántica:
¡cada quen mantense
pola súa man!
As verbas saen do corpo
pero fabrícanse na alma;
do que se infire que,
desalmados,
son os homes sen palabra.
O gaiteiro sopra,
e fai notas,
pero a música sae de dentro,
de dentro do fol.
¡Meu Deus; canta harmonía
levamos no peito,
e que complexos nos fixeches!
¿Para que?
¡Para sobrevivirlle á morte,
nada menos!
-.-
O corpo mantense con alimentos,
e o espírito con pensamentos.
Os alimentos poden ser crús,
pero os pensamentos,
nunca,
nin crús nin verdes,
e mellor aínda
se están remoídos
no propio caletre!
-.-
Para caletre o da miña dona,
que baixou do Ceo,
¡era unha estrela!,
para casar comigo,
un martes trece,
e a maiores,
¡por poderes!
Ela di que se namorou dos meus versos...,
pero a min cativoume
a bondade
dos seus sorrisos abertos;
e logo que os seus ollos,
nunca choran para fóra,
aínda que o fagan por dentro.
O casamento e maila mortalla
seica baixan do Ceo,
pero, no meu caso,
¡palabra!,
fun eu o que subiu
a do as estrelas estaban;
e daquela decidín:
¡Esta, a que mellor rutila,
para min;
polos séculos dos séculos,
Amén!
-.-
Quero pensamentos limpos,
que me baixen directamente do espírito,
pois,
para enlodalos xa teño
a saliva bucal,
esa que molla e remolla
os alimentos manexados.
Quero pensar con pensamentos de Adán,
con aqueles que tiña,
con aqueles que utilizaba,
antes de aprender a pecar.
Quero mazás limpas,
do alto do pomar;
quéroas das ramas altas,
desas ás que a serpe
non puido chegar.
-.-
¿Somos agradecidos cós cireneos?

Se preguntásemos,
diríannos que si,
pero eu,
que levo moitas leguas percorridas,
deses marcos pouco atopei.
¿Onde están esas leiras,
esas ofrendas,
esas paisaxes idílicas?
¿Tódolos favores son desinteresados,
ninguén os fai
agardando polos réditos?
Daquela,
¿por que serei malpensado,
e iso a pesares de que vivo
nun mundo idílico
rodeado de
santos?
¿Rodeado de Santos?
¡Si, cando estou na igrexa,
que os hai en tódalas paredes,
pero aínda non vin ningún
dedicado a San Cireneo!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora