"Unha vida é máis ca unha vida", escribiume Bernard en francés na dedicatoria dun dos seus libros: "parce qu'une vie est une vie, et plus encore". Sorrío agora ao relelo porque probablemente non exista mellor definición da súa. Bernard Le Gonidec viviu 94 anos agrandando existencias, a propia e a de todas aquelas persoas que tivemos a inmensa sorte de compartir con el algún momento das nosas.
O hispanista bretón Bernard Le Gonidec naceu en Pléhédel, municipio do Goëlopróximo ao porto de Paimpol.

Foi pioneiro no ensino do español en Bretaña e desenvolveu unha boa parte da súa carreira investigadora e docente na Universidade Rennes 2, da que chegou a ser vicerreitor, especializándose como lingüista e civilizacionista nas culturas do Uruguai, de Galicia e de Bretaña. A súa libre concepción dunha universidade pensada dende o humanismo, a apertura e o pluralismo, converteu o profesor Le Gonidec nun sólido elo nas relacións entre Galicia, Bretaña e América Latina. Os traballos de investigación por el dirixidos, os intercambios e os encontros persoais por el fomentados, fixeron posible escoitar ecos bretóns na costa de Espasante, refráns galegos nos carreiros de Pléhédel e acentos latinoamericanos na invernía de Rennes.
O seu apelido era amuleto ou contrasinal para todas as persoas galegas que arribabana Rennes ou que simplemente pasaban por Bretaña. A paciencia infinita e a acollida xenerosa de Bernard e da súa compañeira Marie-Yvonne, da parella e da familia Le Gonidec, converteron o seu fogar e a cidade enteira en porto de recalada para nómades atlánticos de toda idade e condición. Lembro aínda o gran cesto de vimbios que no salón da súa casa rebordabapostais enviadas polas amizades dende todos os lugares posibles e imposibles da Terra.
Co seu sorriso pillabán e a súa atlántica retranca habitual díxome ao pouco de coñecernos que el era máis galego ca min, porque pousara por primeira vez os pes en Galicia en 1959, cando eu non era tan sequera un proxecto. Cando soubo que tiña un avó mariñeiro gañei moitos puntos, aínda que tal comodín non me evitou ser sometida aos seus tests de galeguidade: lingüísticos, literarios, xeográficos, gastronómicos... imposibles de predicir e que xurdían con urxencia nos momentos máis inesperados.
Instalada en Rennes, descubrín que existía en Galicia un novo Macondo chamado Espasante. Como podía eu non coñecer Espasante e ser lugar tan familiar para bretóns, chilenos, andaluces, mexicanos, arxentinos, parisienses e mesmo para unha querida amiga hispanista de Dijon? Tal constatación rebaixou bastante, debo confesalo, a miña puntuación nostestsanteditos.
Traballar con el me permitiu descubrir a interesante e complexa posta en práctica da democracia asemblearia, e medrar como docente, pois as responsabilidades que adxudicaba aos máis novos obrigaban a estar á altura intelectual e profesional da confianza en nós depositada.
A súa esixencia -e autoesixencia- unida a unha curiosidade sempre alerta e ao seu respecto pola diferenza facían de el un excelente investigador de terreo,sempre e cando o estudo partise do factor humano ou natural, do vínculo estreitamente tendido coa vida, fose esta a dos emigrantes retornados a Galicia, encarnados no seu querido Máximo, a dos mariñeiros bretóns que pescaban o bacallau en Terranova, Islandia e Saint-Pierre et Miquelon, redivivos na palabra do avó Louis, ou a dos habitantes animais e vexetais dunha Loiba anterior á tolemia autodestrutiva do turismo masivo.
A Bernard gustáballe máis preguntar que responder, e sempre escorregaba como unha anguía cando me interesaba polo seu papel na sinatura da Carta de Brest (1974-1979) por parte dos movementos de liberación nacional, ou polavisita de Manuel María a Bretaña. Ben ao contrario, un longo listado de preguntas agardaba por min despois da súa atenta lectura dos meus estudos, novos cuestionarios que poñían agora a proba a miña "bretonitude" e que mostraban o seu respecto polo outro e un interese emocionante e verdadeiro polo saber.
Non é este o lugar para establecer o longo currículo dos seus escritos de investigación e creación, tanto publicados como inéditos, en francés, en bretón, en castelán e en galego, nin o extenso listado de proxectos nos que a súa colaboración foi indispensable para que visen a luz e poder así restablecer ou reforzar nos séculos XX e XXI os contactos entre poboacións eterritorios unidos polo mar dende a Prehistoria. Mais si é o lugar para lembrar que Bernard Le Gonidec posibilitou un espazo verdadeiro de unión e intercambio reais entre persoas e saberes, entre Bretaña e Galicia, sen pasaportes nin fronteiras, senrecoñecementos oficiais, deseñado en base a unha fonda humanidade. Velaí a raiceira da vizosa fraga Le Gonidec.
Cando pensaba que Bernard estaba en Pléhédel, chamábame dende o teléfono de Lola en Espasante, cando quedabamos en Rennes, xa marchara para Pléhédel, e cando a cita era en Espasante -porque por suposto me acolleu no seu Macondo- el e Marie-Yvonne aparecían por sorpresa para tomar o polbo en Lugo "camiño" de Ortigueira dende Bretaña. As súas rutas alternativas entre as dúas Fisterras atlánticas darían lugar a un excelente libro de exploración etnográfica.
Se teño que elixir unha imaxe de Bernard en Galicia seríaa da súa silueta tripando acantilado arriba con elegancia e seguridade, en harmonía coa pedra e os liques, en acordo profundo coas aves e o vento do mar. Se elixo unha de el en Bretaña é certamente a transmitida nunha conversa telefónica invernal dende Pléhédel, estando eu en Galicia; o extremo pudor do bretón radical que el era daba voltas e voltas sen abordar o motivo real da súa chamada, aumentando progresivamente a miña inquietude, ata que no momento de despedirnos me di: "Sabes, María, hoxe nevou no mar. Boas noites". E colgou. Boas noites e "bo vento" na travesía, benquerido Bernard.