Gañamos
Santalla, Iago - miércoles, 25 de febrero de 2026
Gañamos. Malia que hai moita mágoa parece que Altri se despide por falla de conexión. Non home! A conexión co pobo non (a quen lle importa o pobo?), a conexión eléctrica, que esa é fundamental. Fundamental que chegue para Altri, non para o pobo. Pois velaique, cando estiras os pés máis que manta, alá vas (cataplás!).
Non está mal facer leña da árbore caída cando ten raigañas de soberbia pero o que conta é celebrar: gañamos nós. Por iso cómpre felicitar e agradecer á xente de Ulloa Viva por dar a cara e loitar. De vós aprendemos que, como dicían os Mejía Godoy, podemos ser pequenos pero xuntos somos un volcán.
Parabéns e acabo cunha reflexión: a loita ten sentido, pode gañarse ou perderse pero sen contestación seríamos ovellas agradecidas. Ao erguerse Palas deu un novo exemplo de civismo.
Xa o dixo o meu querido Bernardo García Cendán:
COA FORZA DO NOSO POBO
HOXE PROCLAMO O MEU CREDO:
"QUERO SER UN HOME NOVO,
PORQUE EU RENAZO GALEGO".
Imos adiante!!
Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora