Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A guerra, fracaso da política

domingo, 15 de julio de 2001
As guerras semellan solucionar problemas e por iso se fan, pero de feito só os solucionan aparentemente e a prazo curto. A prazo longo complícanos aínda máis por introducir factores que antes non existían e porque fan perder a serenidade e o bo xuízo ós que están chamados a resolver eses problemas. Non se di nada novo cando se afirma que a política é un avance humano para a resolución dos conflictos sen ter que recorrer á guerra. Por isto, hoxe, en pleno século XXI, cando se fai unha guerra, como a que comezou contra Afganistán, é preciso convencer ó mundo de que foi inevitable. Quizais o fose, fáltannos datos para sabelo, pero en todo caso é un fracaso da capacidade humana para o acordo e o diálogo.

-É un fracaso constatar que foron necesarios milleiros de mortos o pasado 11-S para que os USA pagaran a débeda que tiñan contraída coa ONU e recoñeceran o papel preponderante que este organismo debe xogar na resolución dos conflictos internacionais. Ou para que tendesen a man a centos de países, que antes descoñecían e mesmo desprezaban, na procura do respaldo político necesario nas accións de guerra que están levando a cabo. Ou para que entenderan que non poden actuar dun xeito unilateral e pola forza impoñendo o seu criterio sen consultar a ninguén e mesmo manifestasen a posibilidade de considerar o establecemento dun Estado palestino.

-Mentres segue latexando a posibilidade de que a guerra se estenda a outros países, a concesión do premio Nobel da paz á ONU e ó seu Secretario Xeral abre a esperanza de que, aproveitando o pulo do grupo de nacións que se uniu fronte ó terrorismo, renaza nese organismo o convencemento de que non son necesarias represalias bélicas, destruccións de rexións enteiras, nin máis mortes de civís inocentes para chegar a certos acordos decisivos.

-Un acordo, por exemplo, para o control do tráfico de armamento e para a prohibición total das armas nucleares, bacteriolóxicas e químicas e das minas antipersoa, agora cando resulta tráxico que os EEUU rexeitaran a aplicación do tratado que prohibe as armas biolóxicas alegando razóns de seguridade nacional.

-Outro para a construcción dun novo orde global asentado en fundamentos xurídicos e moi especialmente no estricto cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que implique a persecución da delincuencia transnacional sexa terrorista, financeira ou narcotraficante coa implantación de leis internacionais, a aceptación dun Tribunal Penal Internacional e a axuda para conseguir réximes democráticos nos países rexidos por dictadores. Un novo orde que remate coa sumisión dos Estados ós intereses das empresas transnacionais, que permita controlar os paraísos fiscais e que se dote de instrumentos para combater a especulación financeira internacional.

-Por estes camiños probablemente seguirá habendo guerras máis ou menos inevitables, non sexamos inxenuos, pero terase avanzado considerablemente para que a maioría dos asuntos se solucionen pola vía do diálogo e non pola da guerra.
Casal, Benxamín
Casal, Benxamín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES