Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xénese da Noosfera e algunha aplicación (1)

Rubal, Pedro - viernes, 20 de febrero de 2026
A NOOSFERA é un termo que popularizou Teilhard de Chardin nas súas obras, despois de utilizalo por primeira vez no traballo "Hominización", que, curiosamente, publicou E. Le Roy, para cubrir a prohibición que afectaba a Teilhard, segundo parece, pola condición de relixioso. Trátase dun concepto estrutural do noso universo moi recorrido na actualidade na cosmovisión e paradigmas da nosa cultura, na que se utiliza sobre todo en estudos especiais de bioloxía e ecoloxía.
Pero o contido denotativo deste concepto, vinculado ás teorías cosmolóxicas de cada época, xa emerxía en ámbitos culturais, principalmente de matiz filosófico. E no que respecta á "noosfera", Anaxágoras fai referencia ao NOUS (en grego, "noos", contracto "nous", co significado de intelixencia, mente, pensamento...). Este filósofo grego, "presocrático", consideraba -en oposición a Parménides, que pensaba que só o SER é- que existe un número infinito de elementos diferenciables, con propiedades irredutibles, con cuxa mestura xorden as cousas visibles, inicialmente desordenadas, que ordenaría o "nous", a mente. Partamos, pois, de que aquí o "nous" era o principio da orden, mediante un movemento carente de intencionalidade algunha. Estamos, polo tanto, no marco dunha filosofía natural, aínda que o "Nous" foi equiparado a un "Zeus" por Metrodoro; a un Sol, por Aquiles; ao éter, por Agamemnon. (Diccionario de Filosofía, de José Ferrater Mora).
Sen dúbida, a orixe da "noosfera" pode situarse, claro está, na mesma orixe do universo, no moi recorrido Big Bang, coa cautela que recentemente suxire o achado de que se encontran galaxias que acusan unha maior antigüidade que o mesmo Big Bang, xa que neste suposto desembocamos nunha situación indefinible pola súa carencia de confirmación. Non obstante, cabe preguntarse que nos di a tendencia dalgúns físicos cuánticos a considerar o universo como algo mental. Precisamente, A. Addington chega a conclusión de que o mundo está composto dun material mental, co que algo tería que ver a "noosfera". Parece contraditorio: materia/ mente; pero Jean James, matemático inglés, abunda na mesma conxectura, xa que nos di que o universo está empezando a parecerse máis a un "gran pensamento" que a unha máquina, algo así como se estivéramos desvelando a súa natureza mental. Engademos a isto que R. Conn, en 2.005, escribe un ensaio na revista "Nature", dicindo que o universo é inmaterial e espiritual; pero unha moi recente teoría sostén que as liñas virtuais trazadas nas comunicacións neurolóxicas no cerebro, para conformar un pensamento, parece que describen figuras xeométricas, que, con analoxía virtual, podería aplicarse a "noosfera".
Pero, aínda que este termo nos remite ao pensamento de Teilhard, o significados connotativos, máis ou menos situados na súa liña, non os aceptaría este culto relixioso, na miña modesta opinión, sobre todo porque el considérao tanto físico como mental, aínda que parte de que toda ENERXÍA, iso si, é esencialmente psíquica. E, como é sabido, el divide a enerxía en TANXENCIAL e RADIAL. A tanxencial enténdea como MATERIA TRANSFORMABLE EN ENERXÍA, e a radial, como UN COÑECEMENTO elemental, hoxe algo así como un SOFTWARE, que, como integrada na materia, elévaa a obedecer as leis que a rexen, e, entendida como coñecemento, xera un certo debate.
Considérase, pois, o "nous" como ordenador, como Zesus, como mente, como éter, etc., e o seu concepto teilhardiano da "noosfera" como emerxente dun "campo de enerxía mental" PRE - BIG - BANG, que os científicos denominan "campos cuánticos gravitacionais"; pero estes están rexidos por leis que é mester dilucidar de onde proveñen, é dicir, seguimos pendentes da confirmación desas galaxias anteriores ao Big-Bang e parécelle a este indocumentado escribidor que a "noosfera" talvez teña algunha relación coa enerxía chamada "escura", que se iniciou ao par que o universo material, sen esquecer que neste inicio, cada vez que un sistema se destrúe -caso materia/"antimateria"- din os especialistas que se libera enerxía MÁIS coñecemento, elemento que se acumula nos campos cuánticos do coñecemento a modo de "noosfera", e que se parece máis a un cerebro que a un computador: transmite, recibe e almacena información, que procesa por medio material e mental. É que, no caso do universo, a computación dirixe a si mesmo o comportamento, e o resultado deste computación é información e coñecemento cada vez máis complexo (Seth LLD y D, Programa The Universe, Random House, EE.UU., 2006).
Creo que a extensión na comprensión deste concepto está xustificada polo mesmo Teilhard, posto que na súa obra, "Fenómeno humano", deixa entender que a "noosfera" non só pertence ao humano, senón que actúa en todos os niveis da materia. E, como o universo concentra gradualmente os seus elementos físico - químicos en núcleos crecentes de complexidade, pareceulle que debía ser a entropía a que evitaba a posible crecente marea dunha "nooxéneses". Mais intuíu que en varias estruturas do universo existía unha inversión correctora da entropía, precisamente mediante a información facilitada pola mesma "noosfera".
Ben; se a "noosfera" actúa en todos os niveis da materia, procede dicir algo acerca de cómo se produce a súa integración nela. O incremento da información e o coñecemento leva consigo o incremento das leis da física cuántica, da física clásica, da química inorgánica e orgánica, a ao chegar ao biolóxico, a conciencia experimenta un incremento, camiño da vida. Pero todos os sistemas teñen un final, e o universo parece que non vai quedar excluído, pola 2ª Lei da Termodinámica, fuxindo da corrección. Por outra parte, a interacción entre a "noosfera" e os sistemas materiais é unha realidade, que se interpreta como información, e os mesmos campos "noosféricos" de información relaciónanse actuando mutuamente mediante a biosfera.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES