Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os maratóns da Granell e a homenaxe deste ano a Abella

Sampedro, Pilar - jueves, 26 de febrero de 2026
A Fundación Granell xestiona o museo surrealista da cidade. É Granell porque se formou coa obra que xenerosamente a familia cedeu á cidade, é surrealista porque esa foi este o movemento cultural no que o pintor militou, por iso, ademais da súa obra, en Bendaña atopamos a de moitos outros surrealistas amigos ou seguidores. Un museo surrealista que nos enorgullece e nos sitúa no mapa mundial desta corrente artística.

Os maratóns da Granell e a homenaxe deste ano a Abella Na RAE aparece esta explicación sobre o surrealismo: movemento artístico e literario que tenta ir máis alá do real impulsando o irracional e o onírico mediante a expresión automática do pensamento e o subconsciente. Recolle, sen ningunha dúbida, todo o que nos pasa pola cabeza cando pensamos no termo que tivo a súa máxima expresión na primeira metade do século XX.

Son múltiples as exposicións que se realizan na sede da Fundación, con obra de Granell e doutros artistas, cos colaxes de Amparo Segarra, a súa colección persoal de arte primitivo e as expresións de grupos surrealistas de calquera parte do mundo. Igual menos sentido teñen as residencias e as exposicións de artistas contemporáneos non relacionados con esta corrente, pero iso é unha opinión sen máis. Ademais das exposicións, a Fundación ten un sinal de identidade nos maratóns de lectura realizados ano a ano, nos que participa unha parte importante da cidade. Este ano, cando se cumpren trinta anos da súa creación, repite maratón o día do aniversario de Eugenio Granell e debemos confesar que é xenerosa ao recoñecer a unha persoa que ten colaborado nestas lecturas e que xa non o pode facer agora. Xenerosa, igual que o foi a persoa á que se quixo renderlle homenaxe este ano o mércores 26 de novembro de 2025, nunha hora de lecturas. Alguén a quen Alonso Montero denominou poeta laudatorio porque ía recoñecendo a todas as persoas que facían ben polo país e a humanidade.

Xoán Xosé Fernández Abella (este mestre, coorganizador da Universidade Popular de Ortigueira, polo tanto, activista, e tamén poeta) colaborou coa Granell sempre que lle foi posible. No maratón de lecturas, na homenaxe a Valle Inclán no Día do Teatro e en canta actividade foi convocado.

El formaba parte da paisaxe cultural da cidade: aquí, no Museo do Pobo Galego, no Ateneo, en Alumni, na plataforma de Pensionistas, en Teenses pola Igualdade e tantas outras plataformas. El era cidadanía activa no cultural e no social. A súa participación nos roteiros da dignidade e de Memoria Histórica quedan na memoria... de cando David Otero nos recollía, aquelas mañás de sábado, no Pícolo (Os Tilos) e percorríamos o país honrando a quen o merecía,

Botámolo de menos. Nunca poderemos esquecer a súa maneira de declamar, esa poesía feita vitalidade ao vento, que nos emocionaba... e queremos corresponder con este pequeno recital da súa poesía para mantela viva, tal como el nos pediu cando reclamaba "Guardad mi voz". E niso estamos, gardando a súa voz e mostrándoa para que resista o paso do tempo.

Acoden voces de diferentes lugares, de Lalín e de Silleda, de Cuntis e dos Tilos, de Bertamiráns e Boqueixón. Unhas fixérono directamente na sala e outras enviaron audios para que fosen reproducidos. Comezou a lectura o seu neto Manuel e rematamos citando a aqueles que por diferentes circunstancias non puideron participar e se desculparon. De calquera maneira, a hora que tiñamos programada quedou pequena para recoller todas as lecturas que querían honrar a Abella, o home que recoñeceu a moitos outros e outras. Para dar fe, alí estiveron tamén as representantes de Teenses pola Igualdade.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES