Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reconstruír xuntos a comuñón

García Cadiñanos, Fernando - viernes, 20 de febrero de 2026
Reconstruír xuntos a comuñón
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol no inicio do tempo da Coresma 2026.

As festas de Entroido da nosa terra poida que nos fixeran esquecer que hoxe comeza a Coresma, un tempo moi especial na vida da Igrexa e dos cristiáns. É unha oportunidade para entrar na necesaria ITV que necesitamos e descubrir como estamos, cara a onde camiñamos, que buscamos, que priorizamos... Son preguntas que sempre nos axudan e que, respondelas con sinceridade, nos permiten crecer, camiñar, avanzar cara á meta. Son preguntas que nos poñen en camiño de conversión como resposta a unha invitación previa.

Os cristiáns comezamos este tempo de camiño cara á vida nova que se nos regala na Pascua co xesto da cinza. Trátase dun xesto antigo que nos convida á penitencia, á conversión, á austeridade de vida. É un acto que indica vontade de cambiar, de seguir a chamada que o Señor nos fai a "ser máis" na vida, nese itinerario de desenvolvemento e de crecemento que todos levamos no noso interior. É fermoso que o fagamos xuntos para expresar este camiño comunitario ao que nos comprometemos.

Permitídeme que, nesta Coresma, vos faga unha proposta comunitaria de peregrinación compartida descubrindo o mundo que nos toca vivir. Co papa León convídovos a que este tempo de Coresma sexa unha ocasión privilexiada para "reconstruír xuntos a comuñón".

Todos levamos dentro unha sede de comuñón interior: estamos feitos para a filiación divina, para a fraternidade entre iguais, para a unidade interior, para a harmonía co universo. E, con todo, os feitos fálannos de rupturas, enfrontamentos, desasosego interior, explotación, afastamento de Deus... Por iso, a comuñón como tesouro e meta a reconstruír e traballar durante a Coresma paréceme unha fermosa tarefa compartida. A iso convócanos constantemente a Palabra, se a escoitamos e acollemos. Unha meta que, se avanzamos cara a ela, encheranos de vida e xerará moita vida ao noso ao redor. Por iso, convídovos a unir as nosas mans nese horizonte común e de conversión.

A primeira tarefa é reconstruír a comuñón con Deus. O pecado é o que rompeu esa unidade. De Deus prescindimos en moitas ocasións; outras veces ignorámolo; non poucas o utilizamos; noutras o faltamos... O misterio da Pascua que nos dispoñemos a celebrar é a demostración do amor de Deus que ansía entrar en comuñón connosco. É El quen nos convoca a vivir nel, e percibir que o noso corazón está feito para acollelo e ter os mesmos sentimentos que El. A oración e as celebracións coresmais, especialmente a celebración do sacramento da reconciliación, constitúen un fermoso camiño para reparar esta unidade danada.

Urxe tamén reconstruír a comuñón connosco mesmos. Na nosa conciencia percibimos as nosas propias contradicións, a nosa falta de unidade interior entre o que pensamos e facemos, entre o que sentimos, vivimos e dicimos. Precisamente a Coresma ten moito de introspección, de escoita, de proceso interior, de procura de integración e harmonía interna. Necesitamos traballar ese corazón que nos centre e nos dea harmonía e paz, nos serene e nos integre. O xaxún pode axudarnos a traballar esa comuñón interior.

Tamén habemos de reconstruír a comuñón entre nós, especialmente cos máis pobres. Quizais é a máis elocuente e a que se visibiliza na polarización, a ausencia de vínculos, o individualismo atroz, as guerras entre iguais, as palabras que feren, a indiferenza ante o sufrimento... Tamén na nosa Igrexa coóusenos a división e a fractura, cústanos a unidade e a sinodalidade. Necesítase urxentemente reconstruír tantos camiños que nos permitan camiñar cara á fraternidade e procrear esa comuñón entre diversos. Sen dúbida, a esmola como instrumento coresmal pode axudar a xerar esas pontes.

Por último, reconstruír a comuñón co creado: a nosa casa común que habemos de administrar e coidar para, en xustiza, doala ás futuras xeracións. Non caben miradas explotadoras ou economicistas cara ao noso planeta, senón que hai que fomentar a ética do coidado e da responsabilidade.

Sen dúbida, neste desexo de "reconstruír xuntos a comuñón" ábrense moitas perspectivas, iniciativas, procesos... Camiños para percorrer xuntos. É o camiño da Coresma, da túa conversión cara á Pascua. Feliz peregrinaxe.

O voso irmán e amigo,
Reconstruír xuntos a comuñón
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES