A ensaísta, investigadora e catedrática María Lopo, experta na vida da actriz galega exiliada en Francia María Casares, á que dedicou varios libros e exposicións, acaba de publicar neste 2026 unha obra imprescindible para coñecer a represión política e a supervivencia intelectual que tivo que afrontar o pai desta, dirixente republicano, pero tamén apaixonado bibliófilo e home de cultura: O exilio intelectual de Santiago Casares Quiroga. Biblioteca expatriada e ensaios ingleses.
Tan destacada contribución, editada polo Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses como primeira das súas monografías,

súmase a un libro anterior sobre o exilio dos Casares no que María Lopo exhumou o epistolario entre o pai e a filla conservado no Institut Mémoires de l'édition contemporaine (IMEC), cuxos fondos se custodian na abadía normanda de Ardenne: Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949), editado por Baía Edicións no ano 2008. Mais se estas Cartas no exilio se centraban na expatriación dos Casares en Francia tras a segunda guerra mundial, en O exilio intelectual de Santiago Casares Quiroga recupérase o período da propia contenda, cando o pai tivo que fuxir a Inglaterra debido á invasión alemá de Francia mentres a nai e a filla moraban no París ocupado polo exército alemán.
A primeira parte desta minuciosa investigación exemplar, titulada "A biblioteca expatriada", céntrase na espléndida biblioteca de Santiago Casares Quiroga, incautada e dispersada polos asaltantes fascistas á súa casa da Rúa Panaderas da Coruña, hoxe Casa Museo Casares Quiroga. Mais María Lopo demostra neste libro que, alá onde viviu, o fundador da Organización Republicana Gallega Autónoma creou unha biblioteca, mesmo nos inestables anos do exilio, cando fixo levar algúns dos seus libros preferidos a París, actualmente conservados en La Maison Maria Casares na finca La Vergne, situada en Alloue, nas terras da Charente, e na propia Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, neste caso grazas á doazón de parentes franceses da actriz xestionada pola propia María Lopo.
Esta ambulante "biblioteca que o fascismo non detivo" naceu pois na Coruña da casa familiar, prolongouse no Madrid republicano no que Casares foi ministro, viaxou en parte a Francia nos anos iniciais do exilio alí e acrecentouse en Inglaterra durante a segunda guerra mundial e de novo en Francia tras dita contenda. María Lopo conseguiu seguir a pista deste tesouro bibliográfico, do que detalla cumprida relación, e mesmo dá conta de todos os libros dedicados polos seus autores ao seu posuidor.
Non estraña que María Casares se considerase formada nesta "biblioteca multilingüe, na que estaban representadas todas as ramas do saber", inicialmente formada por uns "vinte mil volumes", como escribe María Lopo: "A biblioteca expatriada de Santiago Casares Quiroga estivo pois conformada por libros da biblioteca da Coruña que se atopaban en Madrid en 1936, pola biblioteca creada en Inglaterra, por libros que puido mercar en 1939-1940 e a partir de 1945 en Francia ou en países que visitou como Bélxica, Italia ou Suíza, e por libros cos que foi agasallado. Logo do seu falecemento, esta biblioteca persoal quedou integrada na biblioteca da filla".
Pero, ademais do apaixonante e detectivesco relato do contido e da peripecia desta biblioteca, María Lopo analiza e exhuma neste libro os cinco inéditos ensaios que Santiago Casares Quiroga escribiu en inglés como prácticas de aprendizaxe cando estaba estudando dita lingua na Inglaterra bombardeada polos nazis e que aquí aparecen en versión galega do tradutor e novelista Santiago Lopo.
Así o resume María Lopo: "Tres deste cinco textos son ensaios literarios, sobre a obra

de James Matthew Barrie, John Millington Synge e Aldous Huxley respectivamente; o cuarto é un ensaio gramatical, no que Casares plasma a súa reflexión persoal sobre o proceso de aprendizaxe do inglés e, por último, un ensaio, que poderiamos cualificar de sociolóxico-humorístico, trata das pantasmas na sociedade británica. Unha profunda ironía, un humor que conecta á vez coas raíces galaicas e coa súa vivencia cotiá en Inglaterra, así como unha extrema lucidez nas súas análises sociopolíticas e unha gran cultura erudita irrigan por igual a súa escritura, facendo dos seus ensaios non só documentos dunha sorprendente actualidade, senón tamén textos que podemos certamente cualificar de literarios".
"Non resulta estraño que Casares se interese polo universo creativo de John Millington Synge, e que lle dedique o seu ensaio inglés máis longo", destaca María Lopo, pois a súa filla "María Casares debutou como actriz profesional no Théâtre des Mathurins encarnando a Deirdre escrita polo autor irlandés, feito do que Casares tivo coñecemento en Inglaterra". En consecuencia, tal "ensaio remata cunha análise de Deirdre of the Sorrows", cuxa lingua compara coa das Comedias bárbaras de Valle-Inclán, "facendo unha interesante lectura do emprego do gaélico e do inglés na obra de Synge, así como do galego e do español na obra do noso Valle-Inclán". Enriquecendo a cuestión, María Lopo lembra "que Casares e Valle-Inclán se coñeceron e se trataron, e que este último asistiu, segundo María Casares, á súa primeira actuación teatral, cando tan só era unha nena, no Madrid republicano". Ademais, andando o tempo e segundo a mesma autora, a actriz escribiu dous textos en francés sobre Valle-Inclán e participou en diversas montaxes de obras do autor, entre outras, por certo, "estas Comedias bárbaras que o seu pai comentaba con fondo coñecemento durante o seu exilio británico".
Máis cada ensaio casariano resulta ser un mundo de relacións culturais e sociais de todo tipo plenamente vixentes, pois como explica María Lopo: "Unha das características do ensaio como xénero literario é a atemporalidade dunha reflexión que, se ben pode partir dun feito ou idea contemporánea á súa redacción, permanece actual e capaz de seguir xerando pensamento durante séculos; por iso seguimos lendo a Montaigne. "Un mundo feliz" de Santiago Casares Quiroga é unha boa proba disto, pola actualidade das súas reflexións nos nosos días e polo que nos revela do pensamento intelectual do seu autor", quen reflexionou aquí a partir da homónima novela de ciencia-ficción de Aldous Huxley.
Capítulo á parte merece a excelente ilustración e maquetaxe do libro, que reproduce interesantes fotografías xa históricas e oportunas imaxes en cor, entre elas a de libros encadernados con teas polícromas e a miúdo florais, escollidas persoalmente por Casares, todo un degustador da encadernación, como pon en evidencia algunha obra do seu adorado escritor portugués Eça de Queiroz, un dos seus novelistas preferidos. Por todo isto, este libro é unha importante contribución á biografía dos Casares, á historia do exilio republicano e ao ensaio e pensamento intelectual contemporáneo español, pero tamén á bibliotecoloxía, á bibliofilia e á historia da encadernación e do deseño das artes gráficas do século XX.
En suma, O exilio intelectual de Santiago Casares Quiroga. Biblioteca expatriada e ensaios ingleses, é unha obra humanística, erudita, lúcida e brillante tanto pola edición e análise realizados pola súa autora, María Lopo, como polos intelixentes e irónicos ensaios, tan cheos de humor inglés como de retranca galega, de Santiago Casares Quiroga.