Non, non é que o expresidente quedara coa súa mente en branco, aínda que polo que se ve e oe así o pareza. Nunha das súas últimas comparecencias públicas, concretamente no foro chamado "Desayunos en el Ateneo" en Madrid, manifestou que si Pedro Sánchez se presenta como candidato do PSOE as eleccións xerais, el votará en branco, por pura incoherencia (engado eu) de militante socialista de cuxo carné non pensa desprenderse.

Cousas veredes de Felipe González!, de aquel que foi ao congreso de Suresnes con chaqueta de pana case coma ouvinte, e saíu de alí coa mesma chaqueta pero como secretario xeral do Partido con outros folgos logo da renuncia de Nicolás Redondo co que tivo máis adiante notables discrepancias, pero esa éche outra historia.
Confeso que a súa elección coma presidente do Goberno no ano 1982 chegou a ilusionarme, coma a tanta xente que pensabamos que o proxecto socialista ía impulsar ao país cara unhas desexadas reformas sociais que poñerían a España no grupo das vellas democrácias europeas, e digo isto porque xa vou entrado en anos e fun testemuño daquela etapa esperanzadora. Pero o tempo pasa e as persoas tamén, agás algúns que se resisten a non deixaren o seu protagonismo como popes no devir político do país, como é o caso de Felipe González. Por suposto non me doen prendas ao recoñecer que el talvez fose dos presidentes do goberno que levantou maiores expectativas, o que non é óbice para que arestora me decepcione dabondo o personaxe. Non remato de entender ese cambio tan radical cara a postulados máis propios da dereita máis rancia que aos do partido no que di seguir militando e a inquina case enfermiza que ten ao actual secretario xeral do partido e presidente do goberno.
Aludindo de novo á idade: os que andan pola miña, que xa non é pouca, lembrarán que se dicía "felipismo" ao xeito de gobernar do expresidente para controlar ao partido sen que lle tremese o pulso. O socialismo era el sen maís ambaxes. En fin... hai que ver canto involucionan algúns que non se resisten a asimilar que o seu tempo xa pasou!
El non negociaría con Bildu, preferiría facelo con Vox (segundo manifestou no aludido foro madrileño sen pestanexar). A verdade, non sei que espera Feijoó para fichalo e el para deixar o PSOE. Nos bolos que está a facer por aí máis semella un portavoz da oposición que un exlíder que foi do Partido Socialista. Manda bemoles! Pois éche o que hai!