Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 17 de febrero de 2026
Os pais medran despois de morrer

Os pais medran despois de morrer, di Carlos Mella no seu libro "Memorias dun ninguén". Ten -e doulle- toda a razón do mundo. Non hai un día no que non pense en todo o que fixeron.
Mais deixando á parte os seus sacrificios, eu aínda penso máis nese deixamento, nesa desidia, nesa ignorancia que temos deles mentres viven. É agora, ó estar mortos, cando botamos as mans á cabeza e nos maldicimos unha e outra vez por non querer saber, por non coñecer máis das súas biografías en vida.
Pingas de Orballo No meu caso, o delito é aínda moito máis grave: con todo o que me gusta escribir desde sempre, non entendo como non os machuquei, como non os aburrín a preguntas sobre a súa infancia, sobre a súa mocidade... Que meu pai estivo na guerra, por Deus! E só sei de dúas batallas súas, de dúas aventuras que viviu naquela contenda (unha vez, mandando na súa escuadra -era cabo-, perdeuse na néboa e case deu co inimigo; noutra ocasión fíxolle un ofrecemento á Virxe dos Milagres na batalla do Ebro -ou cruzando un río, xa non lembro ben-), e iso grazas a que as contaba el pola súa conta, non pola miña insistencia. Agora estou máis que arrepentido dese desinterese.
Os pais medran despois de morrer. A ver se medro algo eu; porque o que me sucedeu cos meus penso que lles sucederá tamén ós meus fillos: nunca preguntan nada, non amosan interese en saber. Certo é que eles terán a vantaxe de que deixarei todo escrito. A miña vida está nos meus escritos. Dependerá de que os lean ou non. En principio, nin isto. Despois, entendo, que tamén botarán as mans á cabeza. Malfadados!
Os pais medran despois de morrer. E tanto que si. Ó non telos, vaia se os botamos en falta. E a súa memoria álzase agora por riba de todas as ignorancias das que nos arrepentimos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES