Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A derruba da Muralla de Lugo

Otero Canto, Xosé - miércoles, 18 de febrero de 2026
Sábado 7-2-26.

Foi pola media noite, cando as meigas saen do seu leito nun bater de vasoiras acompasadas, e o Moucho da estreita rúa deixa os ocos acariñados do seu niño para botar as ás ao desengurro e estarricar as súas orellas de Moucho que son as plumas ergueitas coas que fachendea e escoita, porque o Falcón da outra rúa veciña atopábase durmindo e por iso, el denantes de saír do seu cubil revólvese e xira a cabeza canda as bruxas, A derruba da Muralla de Lugo dunha sorte tal que empezan a caer as pedras da muralla onde tiñan acubillo e acaeulles ben botarlle a culpa á borrasca "Marta" ou Garduña, que como furatoxos depredadora nocturna que é, aliouse ao Moucho e entre os dous coa axuda das meigas tiveron a ben mal derrubar a muralla.

Aquelas pedras en ringleira, paredadas de arriba-abaixo, botando man da chumbada dos exipcios, embarculándose na tanza de liño para asegurar a verticalidade e facer harmonía no seu conxunto de liñas rectas, que acubillaban a homes e mulleres: patrici@s e plebei@s de todas as guerras e catástrofes na dramaturxia consecutiva dos séculos... esas mesmas pedras que amparaban os fieitiños e couselos que nacían polas "entrotoiras" galgadas das pedras, alí onde o betume dos séculos depositaba substancias de carbono e hidróxeno e facían nacer embigos de Venus ou orelliñas de frade, que recibían os orballos cunhas gotiñas diminutas de auga, e cando xeaba, convertíanse en perlas diamantinas gardadas na carnosidade arredondada das súas follas gordas e "vírides" penduradas en acios coma as uvas das paredes, sombreiriños das bolboretas gardadoras de auga para os animais máis pequeniños, desde a formiga ata o mosquito.

Sete metros de pedras e couselos tiveron a ocasión de virse abaixo e abandonar a orde e a harmonía da comunidade de pedras que seguían a regra da altitude, gardando liñas da congregación e o sacramento da orde, que os canteiros galegos da Gallaecia lles administraron, como bos facedores e de persoas sometidas ás regras profesionais da murada ben formada, aguantando silencios e tempestades un pouquiño despois ca Xesús Cristo e ata hoxe que nos visitou Marta, a Garduña da auga, no "mensis februarius" ou mes das purificacións e dos ritos expiatorios dedicados ao deus dos mortos no calendario romano, o mesmo que as Lupercais na honra de pastores e dos gandeiros que fixeron tractoradas na honra do deus Pan e de Lucina para que a fecundidade das nosas "rubias" galegas sexa competitiva co Mercosur, que se asina ás nosas costas, que tanto pode ser ao carrelo noso como ás costas de costar ou custarnos os nosos empregos e "ende mal" a vida.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES