Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alonso Montero, na memoria

Santalla, Iago - miércoles, 18 de febrero de 2026
Foise un dos grandes, desas persoas que che enche o peito telas coñecido. Non o tratei directamente pero o seu recordo queda para min ligado a Monterroso e á Facultade de Humanidades. As súas disertacións sempre tiñan algo de orixinal. A primeira vez que o coñecín foi na presentación dun libro do meu querido Sergio Vences, alí deime conta do que significaba Vences para a liberdade deste país e fun descubrindo pouco a pouco o silencio absoluto que caía sobre aqueles que verdadeiramente construíran a democracia, fronte aos que simplemente a institucionalizaron.

No ano 2005 celebramos a Lorenzo Varela en Monterroso. Alí, Alonso Montero expuxo unha disertación impresionante sobre o poema "Ofrenda a los franceses". Nel, ante a esperanza da liberación de París, Lorenzo Varela regaláballe aos franceses a palabra Cairón: un monte de Monterroso. Dixo don Xesús que era algo único que un poeta regalara unha palabra. O certo é que nin os franceses nin Europa mereceron nunca tal agasallo...

Pasando os anos, cheguei á Facultade de Humanidades de Lugo, onde don Xesús era unha visita habitual para pechar ou abrir congresos. Lembro con especial agarimo aquel sobre as vítimas do 36 dirixido por Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco. Sempre me impuxo a súa humanidade e o seu xeito de disertar cheo de contido e reflexión. O que dicía don Xesús era discutible pero eran argumentos ben armados e ben transmitidos; quizais, xa non quedan oradores como don Xesús.

Con especial agarimo, recordo unha vez que asistín a unha destas disertacións co meu tío Pepe. Falaba don Xesús da política na época da república. Concretamente dos socialistas; entón, dixo: "quero facer un inciso: eu falo dos socialistas cando os socialistas eran socialistas, non como agora que son do PSOE". Abofé que rimos o meu tío Pepe e eu.

Vaise a facer os camiños do alén un dos grandes, tan controvertido como indiscutible. Por iso, sei ben que non todos concordan coas loas pero para min é unha persoa fundamental para a cultura e a historia de Galicia. Lembrareino sempre.
Boa viaxe, don Xesús e que a eternidade sexa republicana.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES