Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cantar triste de Eurovisión

Pinto Antón, J.A. - viernes, 27 de febrero de 2026
'Triste o cantar que cantamos' chora o verso de Rosalía. A nosa Rosalía de Castro. Cancións tristes no festival de Eurovisión de 2026. Purpurina e luces para uns, defensa dos dereitos humanos para outros. Cinco países deciden poñerse de costas e abandoar a frivolidade dun concurso que coa participación de Israel pecha os ollos diante do xenocidio palestino. Países Baixos, Islandia, Eslovenia, Irlanda. E un dos Big Five que máis cartos aporta, España. Algún gañador devolve o trofeo.
A resposta foi distinta na brutal agresión a Ucraína polo nostálxico imperialismo de Putin. Organismos da decencia internacional, da música, dos deportes expulsaron ao país agresor. A democracia soporta mal o matonismo. O multilateralismo abomina do unilateralismo. Por iso custa entender que non se tomen as mesmas medidas contra a traxedia humana e material na Franxa de Gaza. Cunha tregua que apenas é tregua. Contra a brutalidade dunha guerra interminable que nunca foi guerra.
Xusto cando veñen de estrear "La voz de Hind". A historia triste da nena palestina de seis anos. Atrapada no coche coa familia xa morta. O fío de voz no móbil tenta pedir axuda. Pero, como no conto de Carapuchiña Vermella, os lobos están á espreita no tanque blindado. Desde a torre de aceiro os verdugos contemplan a vítima: o coche familiar destrozado. Dentro, cadáveres dos tíos e primos. A nena aínda viva. Illa diminuta nun mar de sangue. Hind. Chora e pide axuda antes de que a noite esperte o instinto depredador dos lobos. Homo homini lupus, escribíu Plauto en Asinaria. 'O home é un lobo para o home, e non un home, cando ignora ao outro'. A voz da nena chega ata a casa da avoíña, a casa da Media Lúa Vermella. Tentan chegar ata a nena, salvar á inocente. "Estou moi asustada. Por favor, ven. Ven e lévame. Por favor, virás?". Canción triste de Hind. Foron. En van. Os lobos só mostran solidariedade coa manada. A pel de ferro dos tanques é insensible a pel humana. A poucos metros, destruída por un proxectil de fabricación Usa, a ambulancia e os corpos de dous sanitarios.
A nena Hind Rajab, os civís palestinos, atrapados entre dous fascismos: o de Hamás e o de Talión. Os dous desapiadados. Cunha sede de vinganza que non se apaga. Que converte ás vítimas de onte en vitimarios hoxe. Neste conto de terror escoitamos o timbre de crueldade do goberno israelí e o delgado fío da voz de Hind. Os dous son dos nosos: o oubeo dos lobos humanos e as bágoas da cativiña.
As luces, os decibelios e as cores do concurso televisivo borrarán esta historia miúda. Silenciarán os versos.
"Triste o cantar que cantamos
mais que facer se outro mellor non hai".

De verdade non hai outros cantares en Eurovisión sen crueldade, música sen sangue, versos sen ollos pechados?
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES