Cando morreu a miña avoa a todos pillounos a contra pé. Tiña 96 anos pero ninguén contaba con que sentase a durmir unha sesta e non espertase, porque parecía tan eterna coma un bosque e todos dabamos por sentado que chegaría aos 100 anos.
O mesmo pasou con Xesús Alonso Montero. Estabamos tan afeitos a súa lonxevidade, a súa brillantez na madurez, aos seus artigos de prensa e a súa presencia coma defensor das súas ideas que non eramos conscientes de que, coma todos, tiña unha cita ineludible en Samarra.
Os lucenses tivemos a sorte de contar con el coma veciño temporal no físico pero permanente no simbólico. Lugo foi a súa terra de adopción durante, segundo dicía Alonso Montero, os mellores anos da súa vida. Foi mestre de moita xente, incluída a miña nai, que garda un agarimoso recordo da súa labor coma docente, e que loitaba nas trincheiras das aulas polo orgullo do Galego que tanto defendeu.
A cidade deulle o máis que merecido título de "fillo adoptivo" de Lugo, e tan só hai uns meses que foi homenaxeado no Vello Cárcere coma o que era, un embaixador de luxo do noso recuncho, e un loitador incansable polas súas ideas.
Incluso o BNG, que tanta oposición lle fixo (lembremos que incluso no Pleno do Municipio de Lugo os únicos votos en contra do seu nomeamento veu das filas nacionalistas, algo que aínda hoxe segue a crear malestar e tensión dentro do Bloque) publicou onte unha mensaxe de pésame polo seu falecemento.
Non o coñecín persoalmente, só a través dos seus artigos de prensa e da súa pegada na cidade, pero non foi necesario para que, dende as antípodas do pensamento, o respectase e incluso o admirase.
A súa defensa do galego non era agresiva nin impositiva, senón que animaba coa súa amabilidade a usalo lonxe da "liturxia" oficial e sen enmascaralo, que foi o que probablemente lle costou a súa imposible relación co BNG, xa tocada de morte ao nacer porque, coma bo comunista, era contrario ao nacionalismo.
Non son quen de dar leccións sobre isto. Este blog o escribo en castelán porque é a miña lingua materna, pero unha vez mais, coma homenaxe a Don Xesús Alonso Montero, este artigo o fago en galego porque é o menos que merece unha figura coma el.
Nunha entrevista en La Voz de Galicia lle preguntaban como se salvaría o galego, e dicía isto:
O galego sálvase o día que as clases sociais acomodadas, instruídas e cultas falen o galego na súa casa. Poñer á xente un galego como o portugués ou moi próximo ao portugués? Sería a debacle! A xente botaríase a rir. Xa é bastante difícil ver como defendemos o galego na época de Franco ante o castelán para despois ter que defendelo despois ante o portugués. Todos partimos do feito de que hai que salvar o galego, pero por ese lado non se salva... Podería salvarse na escrita, pero falaría a xente ese galego? Non. Se queremos salvar o galego, en primeiro lugar hai que reivindicar que o castelán non debe desaparecer de Galicia. Sempre crin que non tiña sentido propoñer aos galegos unha sociedade que erradicara o castelán para que se implantara o galego.
E engadía en outra pregunta a radiografía que moitos pensamos que hai neste momento:
O galego fálase na televisión, no Parlamento, en certas institucións... Liturxicamente.
Tiña razón. Moita xente usa o galego coma se usaba o latín en misa: coma parte do espectáculo. Non escoitei unha palabra en galego a moitas das persoas que nos diferentes foros públicos o falan "obrigados" pola corrección política. Existen excepcións coma Elena Candia ou Rubén Arroxo, pero son minoritarias, e incluso notorios membros do BNG de Lugo cambian ao castelán cando non hai cámaras ou micrófonos. Liturxia.