San Mamede dos Anxos, 3.02.2026
Na sociedade Foi alentador da actividade asociativa e cultural, merecendo ser recordado o apoio xeneroso a moitas actividades culturais e lúdicas dos veciños e asociacións dun longo contorno, que mesmo se extendeu por toda a provincia.
A ollos de hoxe, pode parecer tema menor, pero non hai moito tempo que os veciños de Recimil lembraban con agarimo a excursión que a Samos organizara Serafín hai agora uns setenta anos, facéndose a viaxe no camión do Sr. Xesús de Xan Reixa, que levaba a caixa chea de viaxeiros.
Eu recordarei toda a vida que a primeira vez que subín a un coche, coma moitos rapaces vilalbeses do meu tempo, foi unha festa de San Cristobo, que pola festa dos condutores, cargaban as caixas das camionetas de nenos, e levábannos ata Santaballa que queda a uns sete ou oito kilómetros e volver. Esta viaxe a Samos tivo que ser xenial.
Onte, un amigo del e meu lembroume que era un bo xogador de fútbol, chegando a trazar un campo en San Antonio, preto da estrada a Sarria, na man dereita, campo que xa agora non hai, para xogar entusiastas partidos, dignos de ser lembrados.
Foi membro fundador da Cofradia Sacramental Lucense, Vicepresidente do C.D.Lugo, e durante máis de vinte anos presidiu a Peña Amigos de San Roque.
Precisamente, como presidente desta Peña hai 35 anos acudiu a min para que lle botase unha man. Cumpríanse 150 anos do nacemento do xenial músico Xoan Montes, que daquela tiña o seu monumento no xardín de S. Roque.
Como Presidente da "Peña Amigos de San Roque", sentíu a necesidade, a obriga de render homenaxe ao músico no mesmo barrio, e pediume colaboración para a homenaxe que se celebrou do 26 ao 29 de abril de 1990, organizado por un Comité do que el era Presidente; eu, secretario; sendo os outros membros Xosé Trapero Pardo, Indalecio Fernandez Groba, Enrique Alvarellos, e Francisco Cedrón, secretario de Amigos de San Roque.
No comité de Honra, que presidía Manuel Fraga, estaban o Alcalde Vicente Quiroga, o Conselleiro de Cultura, Gobernador Civil, Cacharro como Presidente da Deputación; González Trigo, Presidente da filarmónica; Javier Fernández, de Caixa Galicia, e Sánchez del Valle, Presidente do Círculo das Artes.
O orzamento de 3.407.500 pesetas conseguiu que fose aportado pola Consellería de Cultura, Deputación, Concello de Lugo e Caixa Galicia.

Dicia Pena Souto no programa que os Amigos de San Roque, xa que neste barrio Xoan Montes tiña o seu monumento, sentíranse na obriga e no dereito de renderlle homenaxe "ao noso mellor compositor nacionalista e unha figura preeminente do seu rexurdimento artístico".
O pregón estivo a cargo do musicólogo de orixe lucense Juan Bautista Varela de Vega, e viñeron cantar a Lugo 15 corais da provincia en homenaxe a Montes: Ecos do Ulla, de Monterroso; Capela San Roque; Coral Xolda; Coral do C.I.T. de San Ciprián; Meigas e Trasgos, de Sarria; Coral Casino de Viveiro; Polifónica de Burela; Polifónica de Chantada; Polifónica de Foz; Coral de Ribadeo; Coral de Sober; Coral Renfe de Monforte, Orfeón de Obreiros de Mondoñedo; Polifónica de Vilalba; Orfeon Lucense e Banda Municipal de Lugo.
Houbo un concurso de poesía entre os estudantes lucenses, e colocouse unha placa no monumento a Montes.
O día central da celebración, en plena praza, contou coa presencia do presidente da Xunta, Fraga Iribarne. Fraga tiña a mala costume, non de chegar puntual, senón de chegar moi cedo, de forma que moitas veces cando el chegaba o resto das autoridades aínda non compareceran.
O domingo, 29 de abril de 1990, ás 12,00, estaba previsto o acto de clausura, que Fraga presidiría. Pero Fraga chegou antes das once e media, e só estaba eu para recibilo. Entreter media hora a Fraga ata que chegaran os demais, era unha misión imposible.
Afortunadamente, a presencia de Fraga orixinaba unha forza centrípeta, especialmente entre as señoras de certa idade, e arredor de nós foi medrando un grupo de devotas. A súa presencia deume unha idea que resultou moi efectiva. Pactei con Fraga, que estaba feliz pola compañía, un café colectivo nun bar inmediato... E media hora despois, a comitiva rescatou ao Presidente para o comezo do acto oficial. E todos contentos.
O monumento está agora na praza maior. Fun velo, busquei a placa; non está. A saber onde foi parar. Cando o traslado limparon tan ben o monumento que desapareceron as historias adosadas. Tanto esta como outras que coido lembrar de Sociedades de emigrantes en Hispanoamérica, na honra do noso músico.
Coa xente Marcial González Vigo, en Praza Maior, de febreiro de 1987, dedicou unha reportaxe a San Mamede dos Anxos, citando ao entón crego Alfonso Mato, que falaba da xenerosidade dos veciños para a renovación do templo, para o que os veciños xuntaron máis de 400.000 pesetas, mencionando que se distinguira Serafín Pena Souto, tenente de alcalde, veciño da parroquia con casa en Viador, que puxo diñeiro e moito material e man de obra.

Era profeta na súa terra. En Conturiz recibíu unha homenaxe popular na que participou arredor dun milleiro de persoas. En Recimil, proclamado como "un dos nosos", recibiu en 2009 unha homenaxe dos seus veciños de sempre, polo seu vínculo durante toda a sua vida. Decían os amigos organizadores que "Tiña desenvolvido unha importante actividade como industrial e como político, pero a homenaxe facémoslla á persoa, ó home, polo seu vencello connosco durante toda a vida".
Unha das súas principais virtudes era o seu apego aos que consideraba os seus veciños de toda a vida. Confesaban estes que "a amizade que conservaban con el, e Serafín con eles, era imperecedeira e baseada nunha convivencia de irmáns de toda unha vida".
Tiña un gran don de xentes. Falaba con todos, pero era tímido, calado, pacífico, tranquilo. Pero na casa era plenamente expresivo. Na casa e no traballo, dominaba a situación; na familia e na empresa, non tiña timidez.
O seu segredo, ou un deles, era que se paraba coa xente, falaba coa xente, preocupándose polas súas preocupacións; consultábanlle as cousas; era un pouco psicólogo e moito xestor... diante de consultas, de problemas, aconsellaba que facer, onde o facer, e como facelo.
Coñecía a xente do rural, e a xente coñecíao a el. Era como da familia, porque escoitaba. Escoitaba dos pais a preocupación pola educación dos fillos e polo seu futuro; polo emprego, polo xeito de vivir... e daba consellos precisos, acertados e discretos... E aquel escoitar, opinar, aconsellar; a palabra de alento... a información atinada, resultaba unn proceso fluido, natural, familiar, doada de obter pola proximidade que tiña Pena Souto. Sempre tratou a todos os veciños con agarimo; sempre atoparon nel amparo e proteccion.
Un dos meus informadores lembraba que era un traballador infatigable, que sempre soubo ser amigo dos seus, preocupado por todos, e que no seu traballo deixou sempre moi claro por encima de calquera ideoloxía, que sabía que o rural lucense é a nosa procedencia e o noso destino, e soubo ser imprescindible para o medio rural do concello de Lugo.
Un compañeiro de partido, afirmaba que era un home prudente; a prudencia feita persoa. Non tiña inimigos. Era un home cunha vocación política marcadísima; cunha carreira firme e importante, que sabía abrir portas en Santiago, conseguindo axudas para o Concello de Lugo en cuantías que nunha antes se tiñan recibido. Concluía este experimentado político de goberno que sendo prudente, non era timorato. Tiña unha firme personalidade. Non rexeitaba o diálogo, senón que dialogaba con firmeza, fuxindo da discusión; buscando acordos.
Outro político, e non do seu partido cualificouno de "boa persoa". Outro máis, definiumo como "unha gran persoa; sin dobleces". E por fin outra política con longa experiencia de goberno, concluía que era "un político sano".
Os que acompañaban polo rural nas campañas electorais afirman que "era unha magnifica persoa; excelente compañeiro. Era dunha especial esplendidez. Ao rematar unha xuntanza, invitaba aos asistentes ao bar máis cercano, e alí corria particularmente con todos os gastos".
Esta cualidade reafírmase con outras opinións que non dubidan en afirmar que "era o primeiro en sacar a carteira" para pagar en calquera lugar.
Era, en xeral, tan xeneroso, que moita xente acudia a el para solucionar problemas urxentes. E non sempre se acordaban de devolverlle os préstamos.
O Partido Popular de Lugo creou, en memoria deste seu membro especial o Premio Serafín Pena Souto para honrar a xente que se distinga polo seu traballo a prol do Rural lucense, tendo concedido o primeiro destes premios a Xenética Fontao, empresa de Esperante con prestixio nacional e internacional polos traballos desenvolvidos no campo da reproducción animal.
Sempre foi do Partido Popular, en todo momento. E non escoitou ofertas doutras forzas políticas, cando quixeron convencelo de formar parte das súas listas.
Lembrámolo aquí, agora que se cumpren dez anos do seu pasamento, para demostrar e demostrarnos que segue vivo para todos nós, que o lembramos con agarimo por todo o que para nós significou en vida.
Estando eu traballando no concello de Lugo, alguén mencionou o alcume que non sabemos quen lle puxera: "O suave". Que resultaba ser a mellor homenaxe que se pode facer a unha persoa, xa non digamos a un político.
Nestes tempo que abundan as broncas, e as arideces; o vencer máis ca o convencer, dicir de alguén que é "suave", ven dicir que o gobernan as boas maneiras; que non berra senón que fala; que non levanta a voz; que di as cousas como se deben dicir... Suave por humildade, timidez, tranquilidade e paz.
Ao millor, esa "suavidade", especialmente, foi o aspecto máis iomportante para navegar nun mar tan proceloso como é a política.
A mellor conclusión para este meu recordo (con axudas doutra moita xente que o tratou) é constatar que non tiña inimigos; que tiña numerosos amigos, especialmente na zona que mellor sentiu, na que viviu; para a que viviu.
O día que morreu, xuntou a toda a familia, e pediulles perdón a todos polo mal que lles puidese ter feito. El, do que ninguén lembra nada malo; nin un feito, nin unha palabra; nin un xesto, pedindo perdón.
Sensible, respectuoso, entregado, sempre "Suave", coa familia, con todos, ata o final.