Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pena Souto, dez anos despois (1)

Xiz, Xulio - lunes, 16 de febrero de 2026
San Mamede dos Anxos, 3.02.2026.

Cando Carlos e Luis me invitaron a estar aquí, para falar de José Serafin Pena Souto o día no que se cumpren dez anos do seu pasamento físico, comprometinme a vir falar, pola memoria fresca e viva que del teño.
Pena Souto é exemplo claro de que unha persoa non morre de todo mentras del quede memoria. A presencia vosa é unha proba, e o que eu diga -froito das miñas lembranzas e de conversas varias con xente coa que conviviu- revalida esta crenza, na que todos vós tedes parte activa. Ao comezar pido perdón polas inexactitudes que poidades observar, e agradezo que más comuniquedes para tomar boa nota.
Pena Souto, dez anos despois (1) La Voz de Galicia o 3 de febreiro de 2016, daba noticia do pasamento de Pena Souto indicando que "era un dos grandes referentes do P.P. de Lugo, e posiblemente o político máis influínte na comarca rural lucense". Mencionaba o seu carácter de empresario, exconcelleiro e exdeputado, significando -tema a ter en conta- que "nos últimos anos do franquismo, defendeu que nos dìas de festas sinaladas, a bandeira galega colgase na fachada do consistorio, o que provocou unha forte oposición dos edís franquistas".
O Faro de Vigo, daba a noticia, significando que fóra un dos referentes do P.P. na provincia de Lugo. E en El Progreso, Barreiro definíao como "loitador incansable, home comprometido cos seus veciños, cos lucenses... que merece todo o noso recoñecemento tras una vida de servizo público con maiusculas".
Dez anos despois, resumo a miña percepción sobre a traxectoria vital de Serafín Pena, tal como a fun descubrindo, furgando na miña memoria e na memoria dos que memoria gardan deste home de Recimil, de San Mamede dos Anxos, de Lugo… Especialmente do mundo rural de Lugo.
É doado achegarnos á figura de Pena Souto en diversos lugares, destacando o portal "Galegos" de Galicia Digital, onde está a información facilitada polo seu amigo Alejandro Pumariño. Tamén a Wikipedia se ocupa da súa figura. Pero, tendo como base esa información, e o meu trato persoal con el, quixen dar un paso máis falando coa familia, amigos e compañeiros, para que o achegamento á persoa sexa máis xusto, máis humano.
Naceu na Coruña o 22 de maio de 1928, e morreu en Lugo o 3 de febreiro de 2016. Para os que o coñecemos, era de Nadela, e respiraba o aire do rural lucense. Ninguén coma el para coñecer, o rural de Lugo. Pena Souto, dez anos despois (1) Eu estiven seis anos no concello de Lugo... un arquitecto levaba o tema de urbanismo; Mosteirín levaba o tráfico e a policía; Pena Souto era o do Rural.
Eu sabía del desde anos antes. Aínda non entrara en política. Tiña varios negocios e, nun deles, traballaba un compañeiro meu, que falaba e non paraba do seu xefe e amigo. Hai unha semana, atopeino pola rúa -moito maiores el e mais eu -, pregunteille como era Pena Souto e respondeume con entusiasmo cunha frase lapidaría. "Era magnìfico". "Só era malo para el, porque perdía do seu para beneficiar aos demais".

Neno do Rural

De quen viña sendo ? – como en tempos se lle preguntaba á xente...- Pois era fillo de José Pena Arias, da casa de Teresa de Vilar, e de Manuela Souto Alonso, da casa de Fouz de Recimil. Se naceu na Coruña, moi axiña veu para Recimil para quedarse coa nai, na Casa de Fouz. Vivíu en Recimil ata casar con Concepción Puentes Carreira o 1 de agosto de 1953.
Pasei onte por diante da Casa de Fouz, onde hai unha pedra cunha placa homenaxe a Pena Souto, colocada o 14 de novembro de 2009, que proclama ser "Testemuña de gratitude ao veciño agarimoso don José Serafín Pena Souto, os pobos de Recimil e Vilar".
Ser neno nos anos trinta non era doado. Eran tempos difíciles, para maiores e nenos. Os pais estaban separados. Seu pai tivera problemas no tempo da guerra, logrando superalos grazas á súa amizade co almirante, logo Ministro de Marina, Pedro Nieto Antúnez. Vivía en Vigo, rexentando o Bar Pena.
En Recimil non había escola, e non a houbo ata 1941, cando foi xestionada polos veciños diante do Ministerio de Educación, e se construíu o edificio na finca de Xan de Reixa.
Por non ter en Recimil escola, os nenos e nenas tiñan que ir á escola de don Jesùs Barreira, en San Vicente de Coeo. E para ir á escola, tiñan que cruzar o río, e nos dias de enchente podìa ser problemático, para seguir logo por camiños de carro, cheos de lama no inverno.
Daquela morreu súa nai. Con posterioridade habería unha excelente relación co seu pai, de xeito que a familia que formou Serafín pasaba os veráns en Vigo, onde na madrasta atoparon un especial agarimo.
Aos catorce anos pasou á escola do Sr. Manuel, na Casa de Cedrón de Vilar, con quen prepara o ingreso de Bacharelato, que cursaría nos Maristas en Lugo. Cos seus compañeiros do bacharelato xuntaríase cada ano desde mediados do século pasado.
Pero por irse a estudar a Lugo, non se reduciu o máis mínimo o vencello coa parroquia, porque os mozos todos formaban unha unidade que se foi reforzando mentras medraban, acudindo xuntos aos bailes de Nadela, ás festas da contorna, con calquera disculpa para xuntarse, agardando uns polos outros, indo e volvendo a pé polos camiños e chousas, de noite e ás escuras... mesmo podería ser que xuntos escorrentasen o medo. Estas palabras non son miñas; son dun amigo meu e del. É de Recimil, e tampouco se foi nunca -residindo en Lugo- da súa parroquia.
Os veciños da infancia lembran que seu pai lle mercara unha bicicleta de carreiras, que naquel tempo era un agasallo incrible. O que podería ser unha fonte de envexa por parte dos amigos, coa súa xenerosidade seguro contribuí a reforzar a unión entre eles. Como seguro contribuiu a que os rapaces considerasen "un dos nosos" a quen lles axudou a poñer fentos verdes na vía que cruza Recimil para comprobar que lograban facer que o tren patinase, e seica o conseguiron.
Era do rural por convicción, traballo, presencia, sentimento. Porque no rural aprendeu paso a paso, os segredos, o misterio da zona rural, que ninguén nace aprendido e por iso non lle funcionou a que quizais foi a súa primeira aventura... Poucos anos tiña que ter cando coidou que podería acelerar o crecemento dos pitos... por un razonamento básico, poderoso: Se as patacas medraban na terra, se as coles, o millo, o trigo, medraban sementándoos... por que non probar cos pitos, plantándoos de pequenos na horta?
O certo é que os pitos non medraron, quizais porque as patiñas non funcionan como raíces... Non hai noticia de que volvera equivocarse nos negocios. Pero no campo seguíu traballando cos animais: tiña cans, gatos, ocas, pavos reais, galiñas, ovellas, con gran pena cando algún se lle morría.
E, o que parece un contrasentido no rural: non tiña afección pola caza, senón devoción polos animais. Nunha ocasión levou para a casa un cocho bravo ferido, intentando curalo, o que resultou imposible.
Recordo da época da nenez, quedaba por Recimil xa hai anos a pintura dunha faciana de home, feita por Serafín nun chanto do peche dunha finca en Tras dos Praos.
Puiden falar onte cun compañeiro de Serafín na súa etapa de estudante lucense, amigo e compañeiro político posteriormente, que me comentou que era un bo estudante, de notable en todo, que xa daquela era moi amigo de José Porto, de Albares, que logo foi da empresa La Directa e Laboratorios Bellopel, e os tres vivìan na pensión da Sra. Herminia, en Santo Domingo, onde as pacíficas trastadas que orixinaban merecerían estudio e historia á parte. Moi amigo asimesmo de Eulogio Pallín, de Conturiz, que de seguro o animou a entrar en política, e foi decisivo para que en San Xoán de Pena se montase un Hogar Xuvenil do que Pena e Porto se responsabilizarían.

Continuará...
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES