Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Compañeiro da alma, compañeiro!

viernes, 30 de octubre de 2009
Compañeiro da alma, compañeiro!

Amigos: Un saúdo agarimoso.

Compañeiros da alma, compañeiros,

en momentos dramáticos dixo Miguel Hernández,

e eu tamén digo.

Acabo de ler esta noticia.

E provocou en min un fondo desacougo.

Algo que hai tempo vos quero, como amigos, comunicar.



"Monseñor Vives glosa la figura de su antecesor.
Más de un millar de personas asisten al funeral de Martí Alanis.
Redacción Periodista Digital, 14 de octubre de 2009 a las 19:02

"Las exequias fueron oficiadas por el obispo de la Seu d'Urgell, Joan Enric-Vives,
concelebradas por obispos catalanes.
En la celebración litúrgica, Vives destacó el papel importante de Martí Alanis como defensor de la cultura catalana.
"Lo sabéis muy bien los que hoy llenáis esta catedral.
Joan Martí Alanis amó la lengua y la cultura catalanas".


Que envexa me dá esa Igrexa,

que teoricamente é a mesma á que eu pertenzo.

Lembro cando morreu Monseñor Araúxo.

Na súa Catedral de Mondoñedo e tamén en Ferrol,

funerámolo en alleo.

Para el nin unha palabra de quen e do que foi.

Nin unha alusión á súa Pastoral:

"A FE CRISTIÁ E A CUESTIÓN DA LINGUA GALEGA".

Nin o Concilio Galego foi quen de reclamar obediencia.

Hoxe, dia de Santa Tereixa de Xesús, a 15 de outubro de 2009,

a nosa Lingua e Cultura Galega, coma nunca, están ameazadas de morte

e con ela todos nós na nosa identidade máis nidia,

no noso ser de homes e mulleres no mundo.

E iso, ...., dicídesme,..., oín tantas veces...,

que nada ten que ver coa nosa forma de sermos cristiáns

ou crentes no mundo de hoxe,

nesta Galiza dos nosos gozos e tristezas,

como dixo o Vaticano II?

Que teoloxía ven ser esa?

Non son que de recoñecer nela a San Xesús de Nazaré.

Coa que está caendo,

u-la voz dos nosos Bispos, Teólogos, cregos e fieis, como tal Igrexa?

Sempre ollando cara a outro lado.

Mudos coma petos.

Non será que nós tamén somos todos deles?

Dos do bifidismo asoballante?

Así nos vai.

E aquel pecado, o do enterro de Araúxo, segue clamando hoxe.

E eu pregunto, se non molesto:

E a min faranme o mesmo ca D. Miguel?

Eu non son máis do que el?

Póñovos a todos por testemuñas.

Se non hai un crego que en galego me despida ,

como vivín,

rezade no silenzo un Noso Pai,

e levádeme á cova xa sen máis.

Así.

Xa Deus me acollerá na lingua NAI-PAI

e conto que en galego me perdoe,

e contra si me aperte e me salve,

como vós fixestes sempre

no decurso do meus andares,

nos que tamén houbo desacertos

e maldades .

Quero morrer coma as sinxelas xentes do meu pobo,

en galego e cun só sacerdote.

Non quero flores nin coroas,

Eses cartos para os pobres.

Non quero bispos ni cóengos

ocupando o lugar das miñas xentes.

E, se vindes os amigos,

para rezar non fan falta vestimentas,

que para iso xa está o crego que preside.

De non haber ninguén que en galego rezar saiba,

desde agora a todos lles pido que se absteñan.

Por testemuñas a todos poño.

Non me falledes.

"Os bos e xenerosos a miña voz entenden".

Erguede, daquela, a vosa voz en rouco son,

afirmando con forza a miña condición:

Vivín aberto a todo o mundo,

a todas as xentes e falares

pero para morrer, como nacín,

galego de fala e corazón.

Por iso dixo o raposo:

"O esencial é invisibel para os ollos".

En cousas tan serias:

"Só se ve ben cos ollos do corazón".

E se alguén

esta miña sagra e derradeira vontade,

así publicamente manifestada,

respectar non souber,

non vos enfadedes, que non fai ben.

A xustiza, por veces,

tamén está nos tribunais.

Sempre vivín con alegría e esperanza.

E tamén sei que hai moitas pequenas voces de minorías abrahámicas,

que ai están acendendo pequenos fachos de futuro.

A última palabra está sempre sen pronunciar.

Esas palabras, fan realidade a profecía daquel himno de vésperas

que con ledicia, un día, en Sobrado atopei

e logo, a miúdo, tantas veces eu recei

Si.

Cando iso sexa, recitádeme con fe esa pregaria:

Os días, cos seus gozos e as súas penas,
deixaron, ao pasar, marcas na i-alma
igualiño aos nosos pés,
cando deixan no camiño as súas pegadas.

Abrollaron nas silveiras do camiño
pequenas flores brancas de esperanza
e non afogaron as espiñas a tenrura,
nacida do amor que as chamara.

Afuxenta do teu pobo a zozobra,
se nube luminosa no deserto,
se forza recobrada no descanso,
mañá e horizonte sempre aberto.

Señor!...


Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES