Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á Beira do Camiño: Un xeito razoable de crer no Ceo

viernes, 30 de octubre de 2009
Na Festa cristiá de “Todos os Santos” (incluídos “Os nosos defuntiños” que tamén son santos aínda que non fosen recoñecidos pola Igrexa oficial onde están tamén todos os nosos santos familiares, amigos, veciños...) fago propias e mesmo comparto cos lectores desta sección, todas as ideas dun cristián adulto e coherente que acaba de nos regalar un fermoso testemuño de fe. Coido que pode servirnos aos que adoitamos andar pola vida despistados ou embarullados. Ven a ser unha reflexión oportuna e necesaria en tempo de crise moral máis profunda e contaxiosa cá económica (que xa é dicir!) e ca gripe A.
Velaí o que nos di o amigo que moitos van a adiviñar o seu nome con só ollar o xeito de escribir e o estilo directo de dicir as cousas. “Vouvos dicir como entendo eu a vivencia da miña fe na vida eterna. Quen coñece e segue a Xesús/Cristo vai entenderme moi ben. Pois, crer no Ceo é para min resistirme a aceptar que a vida de todos e de cada un de nós sexa apenas unha cativa paréntese entre dous inmensos baleiros. Apoiado en Xesús intúo, presinto e creo que Deus está conducindo para a súa plenitude o desexo de vida, de xustiza e de paz que hai na creación enteira e no corazón da humanidade.
Crer no Ceo é para min rebelarme con todas as miñas forzas a que esa inmensa maioría de homes, mulleres e nenos, que só coñeceron nesta vida miseria, fame, humillacións e sufrimentos, quede enterrada para sempre no esquecemento. Confiando en Xesús, creo nunha vida” onde xa non haberá pobreza, nin dor, ninguén estará triste, ninguén terá que chorar....”. Por fin poderei ver aos que veñen nas barcas do mundo chegar á súa verdadeira patria.
Crer no Ceo é, para min, aproximarme, con esperanza, a tantas persoas sen saúde, enfermos crónicos, inválidos físicos e psíquicos, persoas afundidas na depresión e no desespero, cansadas de vivir e de loitar. Seguindo a Xesús, creo que un día coñecerán o que é vivir con paz e saúde total. Escoitarán as palabras do Pai:” Entra para sempre no gozo do teu Señor”.
Non me resigno a que Deus sexa para sempre un “Deus oculto”, de quen non podamos coñecer nunca o Seu ollar, a Súa tenrura e os Seus abrazos e apertas. Non podo maxinar non me encontrar nunca con Xesús. Non me resigno a que tantos esforzos por un mundo máis humano e ditoso se perda no baleiro. Quero que un día” os últimos sexan os primeiros” e que ”as prostitutas nos precedan no seu Reino”. Quero coñecer aos verdadeiros santos de todas as relixións e de todos os ateísmos, os que viviron amando no anonimato e sen esperar nada.
Un día poderemos escoitar estas in/cribles palabras que o Apocalipse pon na boca de Deus: «Ao que teña sede, Eu heille dar de beber gratis, da fonte da vida». Gratis! Sen merecelo. Así saciará Deus a sede de vida que hai en todos nós”. Puro Evanxeo!
Para os que aínda non descubriron o autor, trátase da reflexión desta semana que, todos os domingos nos regala, por medio de “Eclesialia Informativo”, o profundo, claro e valente amigo, Xosé Antonio Pagola, ex/vigairo do anterior bispo de San Sebastián. Pola miña banda só engadir que o camiño da santidade (á que todos estamos chamados, sen excepcións) xa comezamos a percorrelo neste mundo actual no que compartimos vida (loitas, angustias e esperanzas!) co resto dos 6.200 millóns de irmáns/ás. De todas as razas e relixións! Feliz día tamén para todos os santos e santas que aínda andan (andamos) a peregrinar por este mundo, á espera do noso tránsito definitivo, a propia Pascua de Resurrección que ten de pasar, ineludiblemente, pola morte física! Día de ledicia e de acción de grazas a Deus por nos mandar a Xesus/Cristo, noso Salvador.

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania