A cocaína dos pobres
O outro día, lendo o libro "Askja", do escritor de Pontedeume -máis en concreto de Nogueirosa- Antonio M. Fraga, atopeime cunha frase que me fixo lanzar, coma un lóstrego, o pensamento cara a Baños de Molgas. A frase en cuestión dicía que o licor café é a cocaína dos pobres.

Vaia por diante que son abstemio e que nunca me tirei ós toxos; nin sequera pasou xamais un porro polos meus beizos. Mais iso non é óbice para que non coñeza o poder e a atracción que exerce o licor café. Se pensei en Baños de Molgas foi porque, nos anos da miña infancia -e case podería asegurar que desde que o mundo é mundo-, a miña vila era a patria potestade desa bebida dos pobres. E tamén dos non tan pobres, porque, como a cocaína, o licor café tampouco distingue entre clases sociais.
Sabíase que desde o propio Ourense e desde todos os puntos cardinais, cando menos da xeografía galega, se desprazaba xente para tomar unhas copiñas de licor café xunto ó Domarco, tío do coñecido humorista e showman Moncho Borrajo.
Hoxe, se un pasa por xunto ó balneario, xusto enfronte da casa do Domarco, pode ver coches aparcados na estrada. Antigamente, os que ocupaban aquela recta eran as xuntas de vacas cos seus carros e arados, ou os burros atados ás árbores da beirarrúa, mentres os donos, os labregos facían parada na tenda do Domarco para tomar a súa copiña de licor café, o seu almorzo.
Se para Antonio Manuel Fraga era a cocaína dos pobres, para os de Baños de Molgas era, ademais, o almorzo. Ver aquela ringleira de carros aparcados constituía unha estampa auténtica, desas que non pasan desapercibidas e que quedan gravadas na memoria.
Límite: 48 horas
"Límite: 48 horas" é unha película que o director estadounidense Walter Hill realizou en 1982 e que protagonizaron Nick Nolte e Eddie Murphy. Non está nada mal: ten os seus gags e sen máis pretensións ca pasar o tempo. Límite: 48 horas son tamén as que eu teño... para non erguerme do sofá. Tal como soa. Así, sen trampa nin cartón. É un deses retos que me impoño a min mesmo simplemente para saber se serei capaz de cumprilo ou non.
Estar no sofá 48 horas tampouco sería unha esaxeración: coa televisión enfronte e uns libros á beira, poderían resultar incluso amenas. Mais o meu reto non vai por aí. Vai polo lado contrario, pola outra banda... a de non facer absolutamente nada: nin televisión, nin lectura, nin rabo de gaitas. O desafío consiste en quedar quietiño e pensar -iso si- nos biosbardos ou nas ideas que vaian xurdindo por calquera recuncho do cerebro, ese territorio repartido entre a codia cerebral ou materia gris (onde se agocha a memoria a longo prazo), o lóbulo frontal (no que se sitúan os procesos de pensamento ou planificación) e o hipocampo (encargado da memoria a curto prazo).
Tampouco podo durmir durante esas 48 horas, nin comer, nin asubiar, nin cantar, moito menos bailar, nin tan sequera pechar os ollos. O que se adoita dicir: estar a velas vir e sen que pase absolutamente nada. Si teño a opción de escoitar, porque non me queda outra. Menos mal que, como tamén se dixo sempre: a palabras necias, oídos xordos.
Estas 48 horas semellan poucas, pero hai que atravesalas, hai que vivilas da maneira en que eu as vou vivir. Non é cousa dun día. Non, a verdade é que non: van ser dous. E aquí sigo, pois, firme no reto, entregado ó desafío.