O poeta, narrador, ensaísta e profesor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, recibiu o pasado 3 de febreiro de 2026, na Facultade de Filoloxía, o internacional Premio Babel de Literatura ao diálogo intercultural de mans do escritor e doutor albano-estadounidense Gjekë Marinaj, director de Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas que concede o galardón. O acto foi inaugurado e clausurado polo decano da Facultade de Filoloxía, Elías J. Feijo Torres, e contou coa participación auxiliar dos estudantes universitarios Claudia Seivane, de Filoloxía Hispánica, e Fernando Apolinar, de Filoloxía Inglesa.
O poeta e humanista Gjekë Marinaj pronunciou en inglés unha moi sentida e eloxiosa laudatio de Claudio Rodríguez Fer como poeta e como intelectual de proxección mundial, que puido lerse en pantalla traducida ao galego pola vicedecana de Cultura da antedita Facultade de Filoloxía e profesora anglicista Elsa González Álvarez, así como escoitarse nesta mesma lingua na voz de Fernando Apolinar. Este egresado traduciu ao galego o resto das intervencións do doutor Marinaj, director da revista estadounidense Mundus Artium, cuxo próximo número contará cun artigo sobre o galardoado, así como cunha entrevista con el traducida ao inglés por Adina Ioana Vladu.
O Premio Babel de Literatura, que recoñece a escritores cuxo labor literario inverta o antigo mito da Torre de Babel, premia a autores de todo o mundo que nas súas vidas e nas súas obras procuren na tradución a superación do solipsismo persoal e do illamento social en beneficio de valores tan profundos como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas.

Esta distinción internacional, que se entrega anualmente a escritores que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas, concedeuse a Claudio Rodríguez Fer, voz destacada da literatura de vangarda, pola calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo no campo intercultural, pois se trata dun defensor da paz e dos dereitos humanos, que influíu no discurso literario global a través da súa poesía, dos seus estudos e das súas publicacións multilingües.
Entre estas salienta sen dúbida A cabeleira, cuxa primeira edición políglota tivo lugar en 1995 contando con catro versións: o orixinal galego e as traducións do mesmo ao inglés (por Diana Conchado), ao francés (por María Lopo) e ao castelán (por Olga Novo). A última edición en libro consta de 70 idiomas, pero na súa web conta xa con máis de 80 versións nas máis diversas variedades lingüísticas dos cinco continentes habitados da Terra, sendo con moito o texto máis traducido da historia da literatura galega:
https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html
Tras a entrega do Premio Babel e o discurso de agradecemento do autor, tivo lugar o recital multilingüe de A cabeleira en máis de tres decenas de linguas por parte de moi diversas persoas vinculadas á literatura, á filoloxía ou ao propio poeta, tal como el mesmo foi explicando e recolleremos aquí. O vínculo máis persoal foi o da primeira intervención, pois consistiu na lectura en galego da versión orixinal do autor a cargo de Mariña Rodríguez Blanco, enxeñeira superior de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid e, precisamente, filla do poeta.
Seguidamente, foi lido en diversas linguas iberorrománicas: en portugués, por Isabel Morán Cabanas, doutora e profesora de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Claudia Murici; en asturiano, por Nieves Herrero, doutora e profesora de Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Xuan Bello; en castelán, por Olga Novo, poeta, ensaísta, profesora e doutora polas Universidades de Santiago de Compostela e Rennes, con tradución dela mesma; en xudeo-español, ou ladino, por Manuela Aira, articulista cultural, profesora e licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Graciela Tevah de Ryba; en catalán, por Dolors Perarnau, doutora pola Universidade Autónoma de Barcelona e profesora de Lingua e Literatura Catalás na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Marta Pessarrodona, e, en catalán valenciano, por Mar Sasha Kuitenbrouwer Cuéllar, estudante no Centro Público de Educación Básica de Grandas de Salime, con tradución de Carmina Santamaría. Ademais, noutra lingua ibérica pero non románica, o éuscaro, foi lido por Larraitz Urruzola, actriz e titiriteira, con tradución de Ane Marcellán Arantzamendi, Antton Juaristi e Yurre Ugarte.
Das linguas románicas non ibéricas, foi lido en occitano por Francisco José Fernández Campo, doutor en Filoloxía Románica e ex-profesor de occitano na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Eric Fraj; en francés, por María Lopo, ensaísta, catedrática de Francés e doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña, con tradución dela mesma; en italiano, por Claudia Seivane, estudante formada en Lingua e Literatura Españolas e Italianas na Universidade de Santiago de Compostela e na propia Italia, con tradución de Ana Rosso; e en romanés, por Adina Ioana Vladu, poeta, tradutora políglota, doutora en Lingüística pola Universidade de Bucarest e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Ion Deaconescu.
Das linguas clásicas da Antigüidade, foi lido en latín por Xosé Carracedo Fraga, doutor e catedrático de Filoloxía Latina na Universidade da Santiago de Compostela e autor do primeiro dicionario latín-galego, con tradución de Aurora López e Andrés Pociña, e en grego antigo por Amelia Pereiro, doutora e profesora de Filoloxía Grega na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Stathis Papakonstantinou. Ademais, foi lido en interlingua (idioma auxiliar planificado a partir do latín, das linguas romances, do inglés e, en menor medida, do alemán e do ruso), pola citada Adina Ioana Vladu, con tradución dela mesma.
Das linguas xermánicas, foi lido en inglés por Laura Lojo, tradutora de Inglés e doutora e catedrática de Literatura Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela, con

tradución de Diana Conchado; en alemán por Katharina Heiber, máster en Alemán pola Universidade Friedrich Schiller de Jena e lectora de Alemán na Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Regina Goerger, e en neerlandés por Gideon Kuitenbrouwer, arquitecto, creador en madeira e rehabilitador con autosuficiente sostibilidade dunha aldea na boscosa comarca asturiana dos Oscos, sobre tradución de Germain Droogenbroodt.
Das linguas eslavas, foi lido en ruso por Ekaterina Yakobleva, licenciada pola Universidade Estatal de San Petersburgo en Interpretación e Tradución de Idiomas e máster en Lingüística Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Serguey Stepanov, e en checo e eslovaco por Barbora Valentová, formada na Universidade Médica de Viena e alumna Erasmus Plus da Universidade de Santiago de Compostela, con traducións de Katerina Vlasáková e Lucia Biznárová, respectivamente. Ademais, foi lido en albanés por Gjekë Marinaj, escritor e tradutor albano-estadounidense establecido en Texas que exerce tamén como profesor na Universidade Nacional de Uzbekistán, con tradución de Bashkim Shehu.
Dos idiomas orientais, foi lido en turco por Pepa Baamonde, tradutora, ex-docente e primeira persoa represaliada oficialmente por utilizar o galego como lingua vehicular nas aulas, con tradución de Írfan Güler e ela mesma; en curdo, armenio, sánscrito, persa, urdu e árabe por José Virgilio García Trabazo, doutor e profesor de Lingüística Indoeuropea na Universidade de Santiago de Compostela, con traducións de Urfan Kenî e Remziye Alparslan, Sarkis Mahserejian, Dilip Jaiswal, Tahereh Arabsaeidi, Rocío Moriones e Fatiha Benlabbah, respectivamente; en xaponés por Noriko Fukushima, hispanista licenciada pola Universidade Seisen de Tokyo e máster en Edición pola Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de Asaka Takekazu; e, en tagalo e ilocano por Marilette Eusebio, graduada en Inglés pola Universidade de Bulacán en Luzón Central na República de Filipinas e lectora de Inglés no Instituto Lois Peña Novo de Vilalba, con tradución dela mesma e de Anzella Casica, respectivamente.
E como tamén se quixo dignificar con aprecio anticlasista as populares variedades gremiais das xergas, xirias, jergas, argots, slang ou como se prefira chamalas, foi lido en barallete por Laura Paz Fentanes, narradora, articulista e doutora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, con tradución de José Manuel Bouzas. Finalmente, en solidariedade coa lingua planificada máis universal ata agora, foi lido en esperanto por Cristina Fiaño, poeta, xestora cultural e graduada en Enxeñería de Deseño Industrial pola Universidade da Coruña e en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural pola Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo o máster en Servizos Culturais, con tradución de Diana Conchado.
Por último, nesa linguaxe visual absolutamente universal que é a arte, Carmen Blanco, escritora, profesora, doutora de Literatura Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, autora do debuxo e do caligrama de A cabeleira e, por certo, tamén musa do poema, explicou o fondo e a forma de ambas obras, visibles nas cubertas das sucesivas edicións ampliadas de A cabeleira, todas elas así mesmo ilustradas pola artista Sara Lamas.
Entre o público asistente salientou a presenza de dous profesores e investigadores especialistas na obra literaria de Claudio Rodríguez Fer, ambos doutores pola Universidade de Santiago de Compostela: o crítico Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, e o poeta Saturnino Valladares, docente na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil).
Así mesmo, salientou tamén a presenza de colegas do homenaxeado en distintos momentos da súa traxectoria profesional, dende o emérito José Manuel González Herrán á vicedecana Alejandra Ulla Lorenzo, pasando polos catedráticos Santiago Fernández Mosquera e Juan Casas Rigall. A paixón polos libros do poeta tivo correlación na presenza da directora da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, Pilar Díaz Jambrina, e a melomanía de quen é autor de Lugo blues e de A muller sinfonía tívoa na comparecencia do profesor e músico de jazz Marcos Pin.
De fóra de Galicia, asistiron os editores e galeristas arxentinos Claudio F. Pérez Míguez e Raúl Manrique Girón, responsables do Museo del Escritor de Madrid e editores de cinco libros de Claudio Rodríguez Fer: os ensaios Borges y todo e Poetas concatenados: Cavafis, Cernuda, Valente y Gamoneda; a edición bilingüe de Icebergs (Micropoemas reunidos), traducidos ao galego por Tera Blanco de Saracho e publicados con ilustracións do pintor surrealista Eugenio Granell; a plaquette de poesía visual e obxectual Criptografías, prologada por Antonio Gamoneda, e a versión castelá de Cinepoemas con deseño gráfico de Cristina Fiaño.
O inesquecible acto foi glosado e fotografado por varios periodistas, así como gravado integra e excelentemente en vídeo polo Servicio de Medios Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (SERVIMAV), que dirixe Olga Fontán Maquieira, polo que de inmediato e por fortuna para quen ame a poesía, a filoloxía, o multilingüismo e a interculturalidade ecuménica ficou accesible no canal de YouTube da propia USC:
https://youtu.be/rKPXwVKi_Z0