Sermón de Entroido 2026
Santalla, Iago - miércoles, 11 de febrero de 2026
Moi boas miña xente!
Xa vos chega don Carnal.
Venvos poñer as pilas
que o mundo anda mal.
Este ano, meus amigos,
levastes un hostión:
parecía a fin do mundo
e só era un apagón.
Nesas horas de incerteza
algo íamos aprender
pero volveron os medios
para facernos esquecer.
Conservade o de antes!
Ollo coa electricidade:
un bo día córtanvola
e venvos a mendicidade.
Todo o ían investigar
para falar con dignidade.
Os meses van pasando
e non se sabe a verdade.
Tamén eses listos de Altri
quedaron sen conexión.
Se xa se dan por vencidos
bendito sexa o apagón.
Este apagón ilumina
unha terra ben fermosa.
Ulloáns que a defendestes:
a Ulloa só pode ser vosa.
O noso papa Francisco
tomou o camiño do alén.
Fica a súa humanidade
que nos fixo tanto ben.
Defendeu Palestina,
tamén a emigración.
Toda a humanidade
batíalle no corazón.
Pois logrouvos algo
que a verdade non vos tapa:
aquí tedes un descrido
despedíndose dun papa.
Na honra do gran Francisco
clamamos por Palestina:
non queremos colonos
nin xente de caste fina.
Palestina libre e única.
Terra do Xesús soñador.
Mereces ser pobo ceibe
sen o cruel colonizador.
O mesmo que Ucraína
que se vaia o Putin langrán.
Mais que se afaste dela
esa gran besta de Tran.
Sonvos a mesma merda
que só queren diñeiro.
Cando saquen o que queren
Aí fica o pobo enteiro.
Tran foi por Venezuela
e xa vos caeu ese Maduro.
Non vos foi pola liberdade
que foi por levar o crudo.
Venezuela, miña xente,
ben merece liberdade
e decidir o seu destiño
en paz e con dignidade.
O futuro destes pobos
garda unha gran verdade:
nin liberdade sen medios
nin medios sen liberdade.
AÍ vai o señor Donald
como un gran pacificador.
De súpeto saca a forza...
...xa parece o gran ditador.
Ollo co que queres dicir.
Non lle caias ao señor mal,
que xa non o dá parado
nin a orde internacional.
Os amigos que se gasta
este noxento emperador,
inclúen todo o ruín.
Ata vos hai un violador.
O seu gran amigo Epstein
unha gran mansión tiña.
Onde, para pasalo ben,
o emperador sempre viña.
Como gran diversión
tiñan estes pervertidos
unha mansión secreta
para actos non consentidos.
A esta clase de cabróns
ben se lles pode desexar
unha cova fría e fonda
para podelos olvidar.
De volta á nosa España
Ábalos, o cantante:
predicaba feminismo
polos puticlubs adiante.
Este non vos é o peor
e xa vos está pagando.
Outros, coma el,
séguenvos veraneando.
Mais, cada un que cae,
devólvenos dignidade.
Vaia con el a súa soberbia
e tamén a súa vaidade.
Logo está Julio Iglesias:
que vos é un truhán e un señor.
Disque tamén é un gran xefe
algo vicioso e cravador.
Se o que se di é todo certo
Julito, valo ter ben cru.
A cabra, con tanto vicio,
xa che dá cos cornos no cu.
Tamén me teño que meter
con esa recua fascista
que alá en Torre Pacheco
fíxovos unha cacería racista.
Os inmigrantes, xentiña,
fan o que non queredes facer.
Quizais mirando cara arriba
vedes quen vos vai foder...
Se tedes bo corazón
debédelos acoller.
A falla de humanidade
Havos botar a perder.
Valencia case afogando
España ardendo está.
A culpa vai de oca a oca
ou que a leve o cha cha cha.
Os mortos non votan.
Nós pedimos dimisión.
Mais, ata este momento,
tan só se foi Mazón.
Os incendios, parroquia,
apáganse polo inverno.
Botades as cuadrillas
e o verán é un inferno.
Investide xa no rural
e fixade poboación.
Se todo queda a monte
évos unha perdición.
Seica ese exército do BBVA
lanzouvos unha gran opa.
O Sabadell deulle uns fideos
para que fixera unha sopa.
Desta voltiña, meus amigos,
xa vos gañou o pequeno.
Se cadra precisa o grande
tomar un ibuprofeno.
Alá na urbe parisina
tamén quixeron roubar
esas belas xoias do Louvre
mais non lograron entrar.
O noso gran patrimonio
témolo que protexer!
Évos un herdo dos pobos
que debe prevalecer.
Nas terras de Monforte
foise o meu amigo Antón:
cantor de auguiña fresca
e galego de corazón.
Sempre bo e xeneroso,
solidario e comprometido.
Xente de bo facer
e monfortino convencido.
Moito lle queres a Monforte,
do Marroxo á Compañía,
onde o viño ribeirao
flúe en soños de regalía.
Ai! Meu amiguiño Antón
que atopes boa parcería:
un avesío cheo de música
e un verso de Manuel María.
Xa me vou despedindo.
Nada me queda por dicir.
Póñedevos todos en pé
que xa vos vou bendicir:
Só ti, meu querido pobo,
tes a gran forza de ser.
Protexe a túa liberdade
non lla deas ao cruel poder.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora