Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loitar contra a fame, construir a paz

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 09 de febrero de 2026
Loitar contra a fame, construir a paz
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Campaña contra a Fame 2026 de Manos Unidas

O 2 de xullo de 1955, un grupo de mulleres católicas fixeron público un manifesto baixo o título "Declaramos a guerra á fame". Tratábase dunha reflexión no ámbito europeo que pronto prendeu en España entre as mulleres de Acción Católica. De aí xurdiu en 1960 a iniciativa da Campaña contra a Fame que, desde entón, Manos Unidas convoca cada ano o segundo domingo de febreiro.

Declarar a guerra á fame é fundamentalmente traballar pola paz. "O mundo ten sede de paz", acábanos de lembrar o papa León. Sen dúbida, a paz é o ben máis necesario e buscado na nosa sociedade. Sabemos que a paz nunca é un agasallo, senón que supón un esforzo e un compromiso. É unha tarefa na que todos nos debemos implicar e construír. Porque a paz non é só a ausencia de guerra. Existe a violencia directa, pero tamén hai unha violencia estrutural (económica, política...) e cultural (ideoloxías, nacionalismos...) que a aprisionan.

Como declarar a guerra á fame, como construír a paz no noso mundo? O camiño pasa, evidentemente, empeñándonos pola xustiza e o desenvolvemento. Paulo VI, en diferentes documentos, acuñou dúas frases que describen perfectamente este horizonte. El dicía: "O desenvolvemento é o novo nome da paz". E noutro lugar afirmou: "Se queres a paz, traballa pola xustiza".

Non fai falta ser un gran investigador para descubrir que, detrás de todas as guerras, hai sempre tres movementos que se retroalimentan e se reforzan: dunha banda, as pretensións políticas que exercen o poder como dominio, autonomía, control absoluto. Xunto a iso, únense os factores económicos, relacionados co control das riquezas e os recursos naturais. Non fai falta máis nada que mirar o caso de Venezuela, Groenlandia, Ucraína e o resto dos cincuenta e nove conflitos armados activos hoxe no mundo. E xunto a estes factores, intervén tamén a situación de pobreza, fame e exclusión, en definitiva, de inxustiza, na que viven poboacións enteiras que se converten no caldo de cultivo favorable ao conflito e a violencia como solución aos seus problemas.

Por iso, se queremos traballar pola paz, facer a guerra á fame é un camiño que nos axuda a avanzar. Niso empéñase Manos Unidas cos diferentes proxectos de desenvolvemento que patrocina e nos que nos vincula. Porque a súa tarefa, ademais de levar o desenvolvemento en forma de iniciativas concretas que teñen que ver coa saúde, a educación, a promoción social, especialmente da muller, consiste en vincularnos. Así o expresa o seu anagrama de mans entrelazadas. Vincula, en primeiro lugar, ás persoas que viven no territorio. Os proxectos non os fan xente que vén de fóra e constrúe desde os seus criterios: son os que viven no terreo os que proxectan, promoven, constrúen, se implican no que se solicita. Hai un fermoso protagonismo dos empobrecidos na construción do seu propio proxecto e futuro.

E, xunto a iso, vincúlannos a nós no que supón o coñecemento da realidade social na que viven tantas persoas e que, moitas veces, non queremos coñecer. Implícannos tamén na nosa solidariedade xenerosa co noso donativo, que se fai permanente se damos o paso para ser socios ou voluntarios. E vincúlannos, tamén, cando damos o paso para interrogarnos sobre o tipo de sociedade, de economía e de política que estamos a construír e da que todos somos responsables. Por tanto, non se trata só de dar unha esmola, trátase de vivir un estilo de vida máis solidario, máis austero, máis comprometido coa xustiza no mundo.

Todos queremos a paz. Todos a buscamos: esa paz que hoxe é especialmente fráxil. Acollemos con esperanza esta nova chamada que Manos Unidas nos fai cada mes de febreiro a loitar contra a fame para que haxa máis paz no mundo.

O voso irmán e amigo,
Loitar contra a fame, construir a paz
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES