Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Si? A conto do problema da vivenda

Gregorio Montes, Antonio - lunes, 09 de febrero de 2026
Hai un par de días atopeime nun xornal cun titular (era unha sección dun artigo): "O que beneficia o dono beneficia o futuro inquilino". Asi, entre comiñas. Díxenme que debía ser un erro. Pero o titular fixo o que posiblemente era a sua función primeira: levarme a ler. E si, alí estaba citado de novo exactamente igual, en boca de quen falaba, cargo político na Xunta atacando o goberno (central, claro, non o seu propio). Para comprobar entón que non era eu o que estaba fiando mal o meu pensamento, o primeiro que se me veu á cabeza foi un contraexemplo: eu, propietario de varios pisos, subo o alugueiro. Poñamos de 500 euros a 550 euros. Se os pisos seguen a estar ocupados, saio gañando 50 euros brutos máis cada mes por cada piso, logo saio beneficiado. Saen beneficiados os meus inquilinos? Poderei venderlles a moto (por exemplo, dicindo que vou manter mellor as vivendas) pero non, non saen beneficiados, senón prexudicados. É un caso só a modo de contraexemplo, e en xeral (non digo que non poda haber algunha excepción, aínda que a min no se me ocorra) se o dono sae beneficiado, o inquilino non sae beneficiado en absoluto, senón prexudicado.
Por suposto, o problema da vivenda (prezos de compra e alugueiros altos, escaseza de vivendas) non é sinxelo de resolver, ao menos dende dentro do sistema de 'libre mercado' en funcionamento hoxe, considerando 'o mercado da vivenda', é dicir, a vivenda, como mercadoría nun 'mercado libre' e non como necesidade ou dereito. Dito doutro xeito, é un desenvolvemento 'sinxelo' nas causas, pero complexo na aplicación de posibles solucións sen cambiar esquemas xerais e cousas particulares ben diversas. Un problema en relación ó que, unha vez aceptado o funcionamento do mercado, un único propietario non pode facer case nada aínda que venda de saldo o seu pelello. Tampouco se pode enfrontar coma algo local (é internacional, e non só no noso entorno europeo) aínda que algunha medida/norma/lei poda mitigalo. Polo que parece, é un problema irresoluble sen ter presente que está causado por un fenómeno que non ten orixe no mercado da vivenda (a concentración extraordinaria da renda e a riqueza, que contribúe a agravar co seu funcionamento) nin solución limitándose só a aumentar o parque de vivendas que se ofrecen no mercado (que nunha proporción en aumento serán adquiridas pola demanda de alta riqueza, retroalimentando a suba de prezos e a concentración e en definitiva, o problema).
Un proceso antisistema? Ou sexa, é un problema que non se pode resolver dentro do sistema? Está comprobado ó longo da historia que o sistema capitalista, sen correccións, desequilibrase e remata por ter algún tipo de estoupido (social, guerra,...) que tenta corrixilo. Nese caso, como antídoto, preconízase o frear as desigualdades e a concentración de riqueza, e evitar que a vivenda siga sendo usada como investimento sen considerar a súa necesidade. O considerar prioritarios os beneficios dos donos, sen máis, non vai nese sentido.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES