Resulta que se suspendeu sine die ese evento chamado "Letras en Sevilla" onde un dos invitados, o novelista David Uclés, vendo que na lista de participantes estaban José María Aznar e Espinosa de los Monteros, decidiu retirarse do evento xunto a dous poñentes máis, cousa que propiciou o cabreo de Arturo Pérez Reverte, un dos coordinadores, ao que lle faltou tempo para cualificar ao autor de "La península de las casas vacias" de descortés, sectario e ignorante, cousa por outro lado normal no académico cando as cousas non van por onde a el lle gusta que vaian.

Disimulen que me meta na polémica pero desexo dicir algo ao respecto. Verán: xa o titulo de "La guerra que perdimos todos" soa raro, ademais de tramposo, porque a verdade é que a guerra do 36 a padeceron todos si, pero non a perderon todos por moito que o señor Reverte e Cía desexen branquear o asunto. A guerra a gañou Franco e os seus prosélitos e a perderon os republicanos coas consecuencias que todos coñecemos. ¿A que ven iso de que a perdemos todos? Aznar dixo publicamente que non a condenaba porque nela participou o seu pai á beira dos vencedores, e nesas estamos. Así as cousas penso que a decisión de David Uclés de retirarse dese evento eticamente é axeitada. Acusalo de sectarismo polos revisionistas é recorrer a unha interpretación típica dos que desexan pasar páxina e abondar na equidistancia dos dous bandos. Perverso argumento. Os que gañaron enterraron as liberdades perante corenta anos neste noso país chamado España, a democracia foi anulada por todo ese tempo, e os que perderon quedaron sen todo iso, así que non nos veñan dicindo agora que perder perderon todos. A historia vai de vencedores e vencidos e non che hai outra.
Nese foro chamado "Letras en Sevilla" parece que se buscaba unha ficticia reconciliación que semella difícil de acadar. Complicado que se dean a man fascistas e demócratas. Sempre haberá gañadores e prexudicados, pero será desexábel que as vitorias sexan sempre pola forza da razón, confrontando ideas e votándoas, e non pola razón da forza. Ese debe ser o camiño.