Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bágoas de sangue en Agdaym Izik

Pinto Antón, J.A. - viernes, 13 de febrero de 2026
Coma sempre, a primeira asasinada é a verdade. E para que a verdade esmoreza o primeiro é silenciar ós xornalistas, eses molestos moscóns que aínda cren niso de "Vai, mira e conta a verdade".
Esa espiña do Sáhara cravada na nosa memoria. España cala. Entre valores e intereses non hai discusión. Importan os peixes e os miles de postos de traballo. Interesa o noso pulpo, que din polbo e cría abondosamente no banco canario-sahariano. Interesan os fosfatos. Interesa unha policía sen contemplacións que conteña a riada de negros escapando da invivible África, mater dolorosa. Interesa un gardián de ortodoxias fronte ó fanatismo islámico.
Paralizados polo medo ó veciño e ás súas armas de intimidación masiva, inmigración, Ceuta e Melilla, o terror islamista, deixamos que actúe coa impunidade do matón ó que non podemos contrariar. Velaí a foto sepia que conservamos: unha simpatía inútil para o maltratado pobo saharaui. E unha potencia colonial impotente que escapou correndo do conflito e aínda segue fuxindo, entre a memoria e a mala conciencia, da súa responsabilidade. A primeira: condenar o atropelo dos dereitos humanos e denunciar a mordaza contra a liberdade de expresión.
A historia da descolonización do Sahara Occidental é a crónica dun fracaso. Que mal o fixemos! Que pouco aprendimos dos erros. E como doe a parálise do goberno, a incapacidade da ONU, o silencio da Unión Europea. O antigo Sáhara Español nunca será a República Saharauí. Non interesa aos grandes, a Francia, potencia emerxente na zona, ou a EE.UU. Nin siquera interesa aquí que mandamos o exército a Líbano, a Afganistán que pouco teñen que ver con nós. O noso é a merluza e o pulpo, os fosfatos e un xigantesco encoro no Estreito que impida ás pateras remontar curso arriba o río da vida na busca dun futuro mellor. En troques traemos cada verán a nenos saharauis para que asistan ó asombroso milagre de bañarse nunha piscina que non sexa de area. Iso si, nas axudas ao desenvolvemento nunca esquecimos a partida para preservativos xusto alí onde máis necesarios son os fillos.
Hai un problema político ben complexo e detrás, coma sempre, intereses económicos. Hai un conflicto diplomático moi enrevesado. Pero, sobre todo, hai xente real, personas condenadas ao sufrimento que non aparecen nas axendas da chamada realpolitik. Só reivindican dereitos universais patrimonio de todos os seres humanos.
As imaxes mostran que os saharauis valen menos que o seu peso en area. Os mortos non teñen nome, pero todos teñen nai e o rostro de Al-Nagem, rapaz de 14 anos asasinado por armas marroquís. As bágoas da nai hai moito que secaron. Todas as bágoas, todo o sangue saharauí colle na area do deserto, en Agdaym Izik.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES