As matemáticas son humanidades
Pinto Antón, J.A. - viernes, 06 de febrero de 2026
Ciencias ou letras. Matemáticas ou Humanidades. Ciencias e disciplinas científicas para os que teñen a cabeza máis organizada, humanidades para os que pasean entre mapoulas, aconsellaba retranqueiro o vello profesor.
Pero, onde empezan e onde acaban as disciplinas relacionadas co coñecemento humano e coa cultura? Non hai arte na química? Non hai matemáticas na música? Non hai medida e ritmo nos versos? Non hai imaxinación e poesía na arquitectura?
Cómpre recobrar a importancia da educación humanística, humanizar as Humanidades. Ninguén pode emprender a viaxe da vida sen transitar por etapas de felicidade e de dor, grandeza e miseria humana, exaltacións e depresións. Na moeda da vida está o reverso da morte. Non é posible ter unha vida plena sen mergullarse na literatura e na música, sen tinguila de arte. A filosofía, a relixión son dimensións que ocupan anacos importantes da vida de moita xente.
Miramos ó redor. Estamos rodeados de novas tecnoloxías, palabra grega que según Toynbee serve para designar un saco de ferramentas. A educación técnica ocupa cada vez máis horas de formación. O mercado que demanda máis técnicos, máis enxeñeiros e informáticos parece dictar os currículos. E semella que cada vez queda menos espazo para historiadores, músicos e filósofos.
Os estudos técnicos teñen máis futuro, e con máis cartos. O resto, din, é inútil. Tamén é certo que os cartos non o son todo, e que a súa cor cada vez é máis sucia. Unha cousa é ter moito e outra ben distinta, gozar do que se ten.
Non hai máis grandeza humana nun Madoff ladrón que nun médico que pasa as vacacións curando ollos enfermos en Tinduf. Non é máis quen moito berra e insulta nun programa de televisión idiota, cobrando máis que o goberno enteiro!, que o monxe que regala silencio nun mosteiro. Nin hai máis humanidade nunha estreliña de fútbol por máis que gane mil veces máis que o investigador que queima as cellas loitando contra unha rara enfermidade. O mesmo país que expulsa a científicos da universidade porque non pode pagalos, avergonza a todos malgastando seiscentos mil euros en cada futbolista se ganan o Mundial en Suráfrica.
As Humanidades non están mortas e teñen moito que aportar. A filosofía non son elucubracións de xente ociosa. Eminentemente práctica, axuda a vivir máis e mellor. Máis Platón e menos prozac. A música non é adorno prescindible senón que nos fai mellores. Unha obra de arte non é taxidermia para o espíritu colgado da parede ou ocupando unha paisaxe. A arte afina a sensibilidade e mellora a pegada de homes e mulleres na terra e na historia.
A fin de contas, as técnicas son obra humana. As ciencias teñen rostro humano. E as matemáticas tamén son Humanidades.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora