Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 03 de febrero de 2026
Modificando o percorrido

Saín da casa con chuvasqueiro e gorra de sol. Ós dez minutos modifiquei o camiño, o traxecto, o percorrido. Tiña intención de coñecer outros mundos, outras terras, outras culturas, outras linguas, outras xentes. Mais retrocedín sobre os meus pasos e deixei caer o corpo sobre o sofá. Desde alí podía contemplar todo iso e aínda algo máis, a base de películas e máis películas.
Cando me canse, optarei polos libros que, se son de fantasía ou de ciencia ficción, tamén me levarán por lugares descoñecidos, aínda por descubrir. Coa lectura podo, ó mesmo tempo, xunguir a música. Sempre haberá temas que me proxecten cara ó infinito e máis alá: David Bowie co seu "Space Oddity", ou The Beatles con "Across the Universe", ou Coldplay con "A Sky Full of Stars", ou mesmo Zoé con "Arrolo de estrelas", por citar só uns poucos exemplos.
É certo que non é o mesmo descubrir novos mundos por televisión; mais, que carallo, soñar é bonito. E se algunhas imaxes ou lecturas ou sintonías axudan a soñar, que máis se pode pedir? Para que perder tempo. Co ben que se está no sofá: en pixama, con bata ou albornoz e coa mantiña ata o pescozo. E se chove, que chova.
Si, definitivamente, fixen ben en modificar o percorrido. Agora mesmo non teño idade para choutar de planeta en planeta, nin para aprender o idioma klingon ou vulcano, nin para escoitar os ritmos musicais que poidan saír das gorxas rotas dos extraterrestres. Seguro que hai xentes doutros mundos con eivas bocais e físicos esperpénticos. Mellor seguir no sofá.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES