Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soy un truhan soy...

Rubia, Xoan - viernes, 30 de enero de 2026
..."un señor/ y casi fiel en el amor/". Mesturando amor e sexo que para algúns éche o mesmo. Cantas mulleres veríanse e vense en situacións de abuso e acoso por parte dos seus xefes nos seus traballos? Bastantes, sen dúbida. Algunhas aguantan o intolerable e outras deciden denuncialo. Soy un truhan soy... Cando o acusado deses tratos vexatorios é unha celebridade o caso salta aos medios e provoca conmoción nos fans que saen a defendelo con uñas e dentes sen reparar que os comportamentos desprezables son inherentes á cidadanía de a pe e á xente famosa. E dende a política tamén, dependendo se o devandito é un dos "nosos" ou dos "outros". O exemplo témolo nas declaracións da presidenta da Comunidade de Madrid Díaz Ayuso que saíu en defensa incondicional de Julio Iglesias, acusado por dúas exempregadas de violencia sexual e trato vexatorio, e ao tempo, sen vir ao conto, aproveitou para criticar a Francisco Salazar, o que fora deputado e asesor do presidente Sánchez na Moncloa, denunciado por presunto acoso sexual a traballadoras do partido socialista. Dobre vara de medir. Tamén dixo que para mulleres vexadas e violadas as de Irán, das que a esquerda deste país non di nada. Cousas veredes en Ayuso que exceden a cualificación de sorprendentes. Para ela e para o alcalde da capital, Julio Iglesias malia ser o "noso" cantante máis universal debe ser a xenuína representación dese macho ibérico con patente de corso, adaíl dos valores eternos, que pode facer o que lle dea a gaña, merecente de ser mimado, consentido e protexido.
O antedito manifestou publicamente que lle gustan as mulleres e de feito esixe un perfil físico determinado para as empregadas que aspiran a un contrato para traballaren nas súas casas. Imaxino que nese documento non figurará o de "chica para todo", ou vaian vostedes a saber. Repasen os vídeos aparecidos estes días e verán o repertorio de bicos roubados que o Iglesias repartiu sen aparente consentimento. Por outra banda xa dou algunha pista musical respecto do que representan para él as mulleres. Di, nunha das súas cancións, que é un truhan (infame que vive de enganos e trampas, segundo o dicionario) e que: "Me gustan las mujeres/ me gusta el vino/ y si tengo que olvidarlas/ bebo y olvido/". Ala: pois viva o viño, e a vivir que son dous días!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES