
A sombra vai declinando sombras que se suceden e acaecen ao longo do día e das noites de luar. A sombra aparece e desaparece facendo gala do ser que se debuxa da nada. Xorde bicando a terra e apreixándoa das maneiras máis increíbeis e delirantes pois é desvarío do ser, excitación dos corpos porque os altera na súa consciencia e fainos desdobrarse noutro ser inexistente pero visíbel, vindo a ser o bosquexo inanimado do animado, algo así como o primeiro ser que deu lugar ao outro máis completo e con vida.
A sombra é a prolongación da existencia animada ou inanimada, e a creación da luz, que non contenta cos seres creados, busca formas inconcebíbeis, arredondadas, unhas veces; outras, alongadas, como se pasasen polos espellos cóncavos de Valle-Inclán ou pola pintura de Goya, tamén hai formas arrepiantes e repugnantes que conviven no mesmo ser coas máis belidas e fermosas que a natura pode concibir.