Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 30 de enero de 2026
Un algo no estómago

Só sei que non sei nada. O carallo do Sócrates tiña poucas luces. Sempre se sabe algo. Sempre. Ata os máis burros saben que son burros. Isto lévame a lembrar un rapaz nos Milagres ó que lle chamaban O Burro e que, sinceramente, sempre me deu pena.
Pingas de Orballo Había un cura, O Eguren, que de tanto tirarlle do pelo acaboulle deixando unha boa zona da cabeza completamente calva; tamén tiña os brazos cheos de marcas, de cicatrices provocadas polos beliscos que lle metía. Estou seguro de que O Burro non era tan burro; simplemente que era vago. Seguro que sabía algo. Polo menos sabía que, se non aprendía a lección ou non contestaba ben, O Eguren ía a pelalo aínda máis.
Só sei que non sei nada. Naqueles tempos, na década de 1970, sabiamos que a disciplina era o punto máis álxido da educación, incluso por riba dos propios estudos. A proba é que algúns pais confesaban, ás veces sen rubor, que metían ós seus rapaces cos curas "para que os endereitasen". Isto, antes e agora, sabemos o que significa. Naqueles tempos sabiámolo e padeciámolo.
Tamén lembro os luns dalgún ano -non sei cal- nos que se me formaba un nó, un algo estómago, porque a primeira clase que tiña era co Eguren. E como sabía como as gastaba... a conclusión era sinxela: ese nó, ese algo no estómago, era medo.
Por sorte, a min nunca me pegou. Por sorte, non; máis ben pola miña timidez e covardía, que me facían ser un bendito (e tamén polo pánico lle tiña á miña nai, por se chegaba a saber dos meus malos comportamentos). Menos mal que O Eguren case nunca me preguntaba nin me facía saír ó encerado. Pero ese nó, eses nervios no estómago, non desaparecían ata que remataba a clase.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES