A inclusión social é unha tendencia que considera que todos os cidadáns poden exercer os seus dereitos. Na teoría, as persoas con diversidade funcional teñen dereito a unha inclusión plena na sociedade. A palabra, que a RAG define como "acción e efecto de incluír", está de moda. Hai uns días, ata o papa León XIV lanzou unha mensaxe de esperanza e inclusión para as persoas con discapacidade.
Promover a inclusión implica eliminar as barreiras que limitan ter as mesmas oportunidades. A accesibilidade universal é un factor clave para avanzar, pero a inclusión vai máis alá da accesibilidade física.

Necesita un cambio cultural e un compromiso que leve a valorar e recoñecer a diversidade humana, da que forma parte a discapacidade. Para que sexa completa ten que estar presente en todas as dimensións da vida cotiá e garantir o acceso aos mesmos recursos cunha participación en igualdade. Non é un favor, é un dereito que nos lembra que a dignidade non se negocia.
Dicía que está de moda, pero... temos unha sociedade inclusiva? Sen negar os avances, a realidade é que aínda hai moitos retos por superar. A diario convivimos con actos que discriminan e impiden acceder ás opcións necesarias para unha vida digna. Casualmente podo citar un tema moi recente nos medios de comunicación e que me chega de preto: no Día Internacional da Educación presentouse o ensino galego como un sistema educativo innovador, excelente, accesible e inclusivo. Os meus datos teñen matices ben distintos, como tamén se constata nas manifestacións de familias de A Mariña que reivindican apoios educativos imprescindibles.
Algúns exemplos máis do noso día a día en Lugo: pedir a rampla nalgúns comercios que anuncian dispor dela no interior, avisar con antelación para poder ir á piscina, situarse fóra do patio de butacas ou nos corredores dos auditorios, solicitar para acceder a un ascensor, non poder viaxar sen reserva previa, un ascensor que leva anos sen funcionar... Son "apaños" que manteñen a discriminación porque implican dependencia e non fomentan a autonomía. Seguimos a loitar por espazos nos que a diversidade sexa a norma e non a excepción.
Aínda que o 4 de decembro de 2017 remataba o prazo para que todo fose accesible, estamos á espera dunha accesibilidade universal e un deseño para todos que permitan exercer a nosa cidadanía sen sucedáneos. A accesibilidade non é unha opción, é unha necesidade; con todo a falta de instalacións adecuadas non preocupa. Para asistir a calquera evento nun lugar descoñecido, sexa unha cafetería, un restaurante, un local social... aínda temos que preguntar: "é accesible?". Tamén é frecuente que a resposta sexa... "si, só ten un chanzo". Chegamos a normalizar que unha persoa con diversidade funcional teña que facer estas xestións para vivir en sociedade. Aínda queda moito por aprender e lograr en materia de empatía e igualdade.
A inclusión verdadeira require vontade política que se traduza en medidas concretas. Estamos á espera da aprobación da reforma das Leis de Dependencia e Discapacidade, co temor de que se non vai acompañada do financiamento correspondente quedará de novo en papel mollado. Todos podemos ser axentes activos cambiando o discurso de "eles" por un "nosoutros" para construír comunidades inclusivas. Nun futuro calquera pode necesitalas. Unha sociedade que potencie a inclusión sempre será unha sociedade máis xusta, máis solidaria e, en definitiva, máis humana.