Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 28 de enero de 2026
Hoxe chove. Mañá...

Hoxe chove. Mañá Deus dirá. É un dicir. Deus no di nada. Se dixera algo, saberíase todo. E saberiámolo todos. Seica está en todas as partes. Mesmo onde non debería estar. Pero como é Deus... seméllase a Donald Trump.
Hoxe chove. Mañá máis seguro que tamén. Se non quere chover que non chova. Aquí, por sorte, sabemos o que é a auga. Sabemos como cae, canto dura, onde se pousa e por que insiste. Sabemos que, a miúdo, chove sobre mollado.
Pingas de Orballo Hoxe chove. Mañá incluso pode caer pedra. Iso si que amola, que molesta, que xiringa. Iso si que pode doer. A pedra non avisa: desfai, esmendrella, arrasa. A pedra é mala. Onde cae, esgaza. Onde esgaza, racha. Onde racha, escaralla. Onde escaralla... a pedra non deixa memoria, non deixa nada, só baleiro.
Hoxe chove. Mañá comentan que pode nevar. A neve é branca. A neve é fría. A neve é bonita. Na nosa cidade é complicado ver a neve. E un non sempre pode ir ó seu encontro. Ás veces non queda outra que mirala desde lonxe, pola televisión, nunha fotografía, ou soñala cos ollos abertos, aínda que, con eles cerrados, é como mellor se ve.
Hoxe chove. Mañá pode que non pase nada de extraordinario, é dicir, que nin chova, nin caia pedra, nin neve. Mañá, se cadra, tan só estará nubrado. Ou sairá, a cachos, o sol. Ou haberá vendaval. Ou un aire frío que, iso si, lembrará que estamos vivos. Ou simplemente alustrará.
Hoxe chove. O que faga mañá importa pouco. Ó final, un ten que facer o que ten que facer... con sol, con chuvia, con pedra, con treboada ou con neve, mollado ou a cuberto. O mañá é futuro. O futuro intuímolo, pero non o coñecemos. Vivamos hoxe, aínda que chova. Ou como dicía aqueloutro: vivamos como galegos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES