Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 27 de enero de 2026
Caen os tempos

Caen pingas de orballo sobre as conciencias dos escritores. Teñen conciencia os escritores? Non deberían. O escritor debe facer cribles as mentiras ou trolas e sementar a dúbida ou falsear as verdades. O escritor debe ter a conciencia sucia, merdenta, ruín, mesquiña, vil. E o corazón nobre, iso si. Pode dicir que chove a mares en plena canícula e ten que convencernos de que é real, verdadeiro.
Pingas de Orballo Caen alustros sobre as flores dos toxos. Pode o toxo asumir que tras a tempestade chega a calma? O toxo asimila todo; desde vestir de colorido as ladeiras da esperanza ata servir de colchón baixo uns feixes de palla. A flor do toxo é como a curva melancólica do arco da vella. A flor do toxo é fermosa, aberta, cunha luminosidade aberta que se impón.
Caen os minutos sobre o leito da soidade. Pode a soidade durmir sobre a cama mol, branda da noite pecha? Se non dorme, inventa. Se non dorme, soña. Se non dorme, envólvese no silencio ata que o baleiro se enche, pouco a pouco, de anhelos. O tempo pasa lento; e con tanta lentitude nada sucede.
Caen os versos sobre un poema sen fin. Cada verso par é unha esgazadura que se abre, que sangra, que doe, que fai dano. Cada verso impar é unha ferida que se pecha, que se limpa, que se cura. Os versos pares e impares seguen unha rima equilibrada, natural e melancólica.
Caen os tempos sobre min. De cando fun. De cando estiven. De cando tiven ilusións. De cando a nostalxia se empreñou das aventuras da infancia. De cando a señardade pariu tardes de silencio no monte Medo. O tempo pasa, todo cambia e a miña novela segue a lóxica das épocas. Rematará a novela, rematará o tempo, e a conciencia, e os toxos, e a soidade, e o poema. Rematará a vida porque... todo principio ten a súa fin.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES