Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A febre do ouro

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 26 de enero de 2026
A febre do ouro A febre do ouro O 24 de xaneiro de 1848, unha descuberta aparentemente fortuíta alterou para sempre o rumbo dos Estados Unidos e deixou unha pegada imborrable na historia mundial. Aquel día, James W. Marshall atopou ouro mentres traballaba nun serradoiro en Coloma, preto de Sacramento, en California. O que comezou como un segredo local axiña se transformou nunha avalancha humana coñecida como a febre do ouro.

A noticia propagouse cunha rapidez sorprendente para a época. En poucos meses, milleiros de persoas abandonaron fogares, traballos e familias para dirixirse ó oeste coa esperanza de atopar riqueza. Agricultores, obreiros, comerciantes e aventureiros lanzáronse a unha viaxe perigosa, impulsados polo soño dun ascenso social inmediato.

California experimentou entón un crecemento explosivo. San Francisco pasou de ser un pequeno porto a unha cidade caótica e vibrante. Porén, a febre do ouro non só foi prosperidade: trouxo consigo violencia, desigualdade, explotación laboral e o desprazamento brutal de comunidades indíxenas, cuxas terras ocupáronse sen contemplacións nin miramentos.

O mito do "soño americano" cimentouse neste contexto. A idea de que calquera podía facerse rico con esforzo e sorte consolidouse como un relato fundacional que transcendeu xeracións. Pero a realidade foi moito máis dura: poucos atoparon fortuna, mentres que moito volveron coas mans baleiras ou non regresaron nunca.

Décadas despois, o cine encontrou na febre do ouro un filón narrativo inesgotable. Hollywood soubo transformar aquel episodio histórico nun símbolo de aventura, ambición e supervivencia. Un dos exemplos máis emblemáticos é "A quimera do ouro" (1925), de Charles Chaplin, onde humor e traxedia se entrelazan para amosar, con mestría, a miseria e a esperanza dos buscadores de ouro.

O western clásico tamén bebeu deste legado. Filmes ambientados en campamentos mineiros, localidades sen lei e paisaxes inhóspitas contribuíron a construír unha épica visual do Oeste americano. A febre do ouro converteuse así no escenario ideal para explorar conflitos morais, a cobiza humana e a loita constante contra a natureza.

O sábado cumpríronse 178 anos do descubrimento de Marshall, e a febre do ouro segue a brillar na memoria colectiva. Non só transformou territorios e economías, senón que alimentou relatos que aínda hoxe continúan proxectándose, unha e outra vez, na gran pantalla.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES