Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da celebración do Domingo da Palabra de Deus
(25 de xaneiro)
Unímonos hoxe a toda a Igrexa para celebrar o Domingo da Palabra de Deus, unha xornada instituida fai sete anos polo papa Francisco. O obxectivo é axudarnos a reflexionar e a redescubrir a importancia que a Palabra de Deus ten na vida de fe, no camiño de cada cristián e no latexar da nosa comunidade eclesial.
A verdade é que vivimos nun mundo saturado polas palabras. A través das redes sociais, a publicidade, os constantes reclamos, os debates que nos enfrontan... vémonos envolvidos nun ruído incesante. Recoñecemos que, a miúdo, a nosa contorna está cargada de moitas palabra que feren, que enganan ou que nos utilizan como obxectos...
Con todo, tamén sabemos que a palabra ten un poder nobre: vincúlanos, permítenos profundar no coñecemento, axúdanos a desafogar os nosos sentimentos, bríndanos esperanza e ánimo. Tamén hai moitas palabras no noso mundo cargadas de amor, de paz, de esperanza.
O corazón humano sabe distinguir perfectamente cando unha palabra é un afago oco e cando é unha palabra que enche e fai crecer. No medio deste escenario, os cristiáns levantamos e ofrecemos a Palabra como a única capaz de alimentarnos, sosternos, iluminarnos, fortalecernos. Xesús mesmo é a palabra do Pai para este mundo como camiño de salvación.
O lema que se escolleu para esta xornada está tomado da Carta aos Colosenses: "A Palabra de Cristo habite entre vós" (Col 3, 16). É fermoso o verbo que se utiliza: habitar. Está cheo de suxestións e provocacións. Non se trata, por tanto, de coñecer ou estudar a palabra "desde fóra", senón de permitir que entre e quede, de que penetre na nosa vida ata que atope nela o seu fogar. Cando isto sucede, os nosos pensamentos, desexos, xuízos, palabras
son transformados por esta palabra nova que ten a potencialidade de explicarnos os misterios de nosa propia existencia.
Para que a Palabra chegue a habitar entre nós, ocórreseme un pequeno itinerario a practicar composto de catro verbos:
· A primeira cousa que se necesita é acoller. A vida cristiá comeza coa escoita. Acoller a palabra non é só ler un texto antigo, senón abrir a porta a unha Persoa: Xesucristo, o Verbo encarnado. Convídovos a que a Biblia non sexa un libro de andel, senón un compañeiro de camiño. Que ao abrir as Escrituras, fagádelo coa actitude de quen espera unha carta de amor dun Pai que coñece os vosos anhelos e as vosas fatigas.
· Necesitamos, en segundo lugar, coñecer. Non podemos amar o que non coñecemos. Convídovos a profundar no estudo da Escritura. Precisamente na Escola de Evanxelización que acabamos de iniciar na diocese quixemos dar un peso fundamental ao coñecemento da Palabra para que podamos situarnos adecuadamente nos cruces da vida.
· O terceiro paso é orar. Para nós a palabra é alguén que nos fala. Por iso, cando oramos con ela, a nosa oración deixa de ser un monólogo para converterse nun diálogo transformador. Non teñades medo de preguntar, de meditar e de deixar que o Espírito Santo ilumine o voso entendemento. Nese sentido, a Lectio Divina segue sendo un magnífico método para atoparnos co Señor.
· Por último, necesitamos practicar a Palabra. Esta non foi dada para quedar encerrada no intelecto, senón para encarnarse nas nosas mans. Unha fe que non se traduce en obras é unha fe que se murcha. Estamos chamados a ser facedores da Palabra e non só ouvidores (cf. Sant 1, 22).
Neste domingo, convídovos a ter unha Biblia na vosa casa, a ler todos os días a Palabra, a que ela sexa a fonte das nosas reunións e da nosa alegría. Que a Mesa da Palabra nunca nos falte e siga alimentando ao noso pobo: así poderemos saír ao mundo coas nosas candeas acesas e o aceite das nosas lámpadas ben repleto.
Que aprendamos de María, a Virxe da Escoita, a deixar que a Palabra habite en nós.
O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol