Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homilía Domingo III T.O.

A - domingo, 25 de enero de 2026
Dende hai algúns anos este domingo terceiro do tempo litúrxico ordinario leva o nome de "o domingo da palabra", da palabra de Deus que é Xesús e da nosa palabra que recibimos e anunciamos con humildade ó mundo enteiro, a toda a creación.

Así pois, as lecturas fálannos sobre todo de Xesús Cristo como "luz" e como "centro" do seu reino, é dicir, de cantos nos chamamos cristiáns e de canta persoa existe de boa vontade. No Evanxeo de Xoán (8, 12) pónsenos en boca de Xesús estas palabras: "Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida". O profeta Isaías anunciara xa dalgunha maneira esta luz, tal como se nos amosa na 1ª Lectura, cando nos fala de que "o pobo que camiñaba na escuridade viu unha gran luz". Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a Xesús como "luz": "Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras e na sombra da morte" (Lc 1, 78-79), "luz para alumar as nacións" (Lc 2, 32), etc. Se El é, pois, luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen luz andamos desnortados. Por iso de noite, se non dispoñemos dalgunha pequena luz feita por nós, ficamos normalmente na casa ata que volva raiar o rei sol pola mañá. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña aldea en Terra de Montes, lembro ben o que ocorría cando era de noite. Se algún veciño nos visitaba entre lusco e fusco e marchaba entrada xa a noite despois de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, procedía deste xeito: collía unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa dun lado para outro. A acha facía as veces de pequeno sol pola noite. Deste modo non tropezaba no camiño ata el chegar á súa casa, momento en que a metía entre as achas no lume da propia lareira.

Ben sabemos da importancia que o noso sol ten como fonte de luz, de calor e de vida para canto está onda nós. Os faros do mar (ese pequenos soles nocturnos coma o da Torres de Hércules) para iso están: para orientar os mareantes contra os perigos dun mar embravecido. Agora ben, ser luz é ser tamén centro de atracción e de conxunción. Como as bolboretas se amorean de noite arredor da luz, así deberiamos tamén sentir Xesús como foco de atracción e centro das nosas vidas. Por iso non lle gustaba a Paulo, na súa carta ós Corintios, que aqueles que recibiran a gran nova de Xesús deixasen logo de consideralo como o seu verdadeiro e único centro ó diciren uns e outros: "Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, etc.".

Un seguidor e amigo de Xesús Cristo terá que ser sempre, alén de comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de unidade, de amor e de paz entre irmás e irmáns. Pois Cristo, tal como di Paulo, tampouco "está dividido". El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai, na forza e no poder do Espírito Santo, formando así entre todos un mesmo corpo, como tantas veces Paulo nolo repite. Por iso lles pide ós de Corinto que "se axeiten todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento". A luz atrae, crea unidade e amizade. E así o deberon percibir aqueles catro pescadores da ribeira do mar de Galilea (entre eles o noso Santiago) cando decidiron seguir a quen os convidaba a seren "pescadores de homes", deixando barca, redes e pai.

Iso de ser pescador, de mar ou de río, é cousa que vén sendo case como unha pequena vocación. O famoso frade bieito Martín Sarmiento, que no século XVIII foi un incríbel defensor da cultura e da lingua galega desde a súa cela do mosteiro de Madrid, dicía nunha das súas cartas: "Vivindo en Asturias no ano 1721 ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo que a el me dedique". Efectivamente, na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de ilusión.

De todos modos, os reconvertidos en apóstolos (Pedro, Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar, unha vez convertidos en "pescadores de homes", as mesmas virtudes que dalgún xeito xa practicaban. É porén importante decatármonos de que sempre é Xesús quen chama. Coma o sol. É el quen ilumina e abre camiño á nova vida daqueles pescadores que agora van ser reciclados en apóstolos da Boa Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre novas posibilidades e realidades ós que por ela son iluminados. E Xesús quen sempre leva a iniciativa. Nós (non só os apóstolos) estamos chamados ó seguimento de Xesús. Deste xeito poderemos ser tamén luz nun mundo que precisa de persoas que saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu Fillo Xesús. Dicíanolo o papa Francisco na súa grande Exhortación "A alegría do evanxeo" con frases coma estas: "Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría".

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
A
A


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES