Jesús Cageao Padriñán (Papaíto)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 12 de febrero de 2026
Este texto foi escrito e redactado fai moitos anos (1962/1963) por Alfonso Toimil Salgado, dito texto titulouno "CAGEAO como institución focense".
Comeza así: "Fai tempo que veño madurando a idea de traer ás columnas desta revista (imaxínome que se trataba da revista editada pola Peña A Rapadoira e que levaba o mesmo nome), certas facetas da vida dun home cuxo tránsito quedou selado por múltiples e diversas actividades que non deben de ser ignoradas pola xuventude focega.
GAGEAO sempre tivo para min certo parecido con esas personaxes das obras de Rudyard Kipling. Entendo que na súa vida houbo dous fracasos de sabor vocacional. Un deles foi o non haber nado por terras da Fisterra francesa.
Cageao tiña pinta de armador galo e a súa barriga daba as dimensións necesarias para ser propietario dunha compañía de veleiros en ruta permanente por mares do Islam. Cageao mereceu a honra de haber cuberto a súa loura cabeza co signo de mando dunha gorra con áncora e barboqueixo dourado.
Tamén un podíao imaxinar de distinta maneira. Eu quixera poñer nas súas mans a dirección dun circo monumental dun enorme espectáculo humano, coas súas ilusións arroupadas ao socairo dunha gran lona. Naceu para querer aos demais e por iso entendo que o mar e o risco da altura eran valores moi afíns co seu bondadoso carácter.
Alá polos seus anos mozos paseou latíns e humanidades polos claustros do seminario lugués. A súa vocación non chegou a consolidar, pois Cageao non era home propicio á regra severa. Un bo día puxo a sotana a ventilar e alá se foi a terras de gauchas e paiadores coas súas ilusións de emigrante imberbe metidas nunha pequena maleta de cartón. E aquí onde dous datos que teño da súa vida non son suficientes para poder contar todo o que fixo na capital bonaerense. Teño entendido que exerceu de caixista (tipógrafo nunha imprenta) na redacción do diario "La Prensa". Contraeu nupcias e moi de contado dixo adeus para sempre á beira lamacento do River Plate.
A miña amizade con Cageao data dos anos cando era empresario de cine na Sociedade de Socorros Mutuos e logo organilleiro nas tardes de verán. As películas eran uns rolos tremendos. Recórdome dunha "La Ciudad de los Espectros" repleta de "suspense", que sempre remataba co home malo colgado dun lixeiro arbusto que se dobraba moi lentamente sobre do baleiro.
Cando Cageao me concedeu a honra da súa verdadeira amizade (podía un en tales circunstancias chamarlle Papaito), permitiume, algunha que outra tarde, darlle voltas ao manubrio do seu desafinado organiño. O fin da tocada tiña que cadrar necesariamente coa regaña do cilindro na parte superior. Eu non coidaba moito de tales esixencias e este despiste levaba consigo que ao volver a empezar de novo se podía oír dúas composicións ao mesmo tempo. Non había norma fixa na duración dos bailables. Se algún amigo ía ben colocado coa parella elixida podía prolongarse a tocata sine die ata que Federico levantaba a man con certo desdeño.
Non foi alleo Cageao ao sabor mariñeiro do seu pobo adoptivo: non lembro certo balandro de fermosas liñas mariñeiras, pero si unha motora chamada "PIF" cuxo alcume veulle polo ruído característico que facía o motor ao parar, cousa que sucedía con frecuencia. Alá por terras do Occidente asturiano estivo encarcerado dúas ou tres noites coa súa tripulación completa por habelo tomado certa autoridade como un adiantado da pesca da "ardora". O cariño de Papaito polas cousas do mar levouno a coidar de certo congro que se movía preguiceiro nunha peixeira de cemento, cuxa auga era renovada por medio dunha centrifuga. Máis tarde prodigou a súa bondade a unha tartaruga que foi número de feira e que un mal día morreu dunha intoxicación de auga doce. Culpou deste feito ao seu fillo varón. Son de onte aínda os famosos viveiros de mariscos: Restaurantes asturianos e de Euskadi nunca pagaron a Cageao a delicadeza de haber agradado os padais da súa clientela.
Papito andou tamén metido en temeridades automobilísticas. O seu foi o primeiro coche que rodou polos dificultosos focegos. Os meus anos impídenme lembrar as súas incipientes proezas, pero teño na miña fraca memoria, a fotografía dun fotingo alcumado "Jardinera", que se adornaba a xeito de corsé apertado, cun balconciño demasiado coquetón.
As primeiras "carolas" que chegaron a Foz en plan motorizadas, débenlle a Cageao semellante favor. Non lembro se foi un Dion Bouton quen sufriu a primeira trasnada dunhas eleccións políticas. O caso foi que o bo do "popó" cun cilindro repleto de certo líquido que cheiraba fatal, non se resignou a quedarse no garaxe e contribuíu eficazmente ao triunfo electoral do seu candidato.
Cageao por ser de todo foi tamén empresario de cuplé. Certo día no café de Amalio charlamos sobre a Fornarina e a Méller. Díxome que había alternado no salón Japonés e podo afirmar que sabía de corrido a letra e música de varios cuplés. Os seus preferidos eran El Relicario e o Ven y Ven.
Andaba o que isto escribe por terras de Andalucía cando souben do seu pasamento. Non puiden render ao amigo intimo o tributo da miña gratitude e a ofrenda da miña derradeira compañía, meu adeus sería con estas palabras: O que hemos deixado neste lugar sagrado é algo máis que a persoa de Cageao: Hoxe hemos soterrado cincuenta anos da historia de Foz.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora