O taxista de Barreiros
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 05 de febrero de 2026
Era a finais dos anos 70, estaba eu no restaurante Xoíña sendo o seu propietario Segundo Vázquez Álvarez.
Era á tardiña, máis ou menos en tempo de primavera, alí estaba eu tomándome un viño. Na mesma barra outros dous homes conversando entre si das súas cousas e eu tamén falando co camareiro. De súpeto entra pola porta un home de entre corenta e cincuenta anos que despois de observar o ambiente e de saudar ós presentes pediulle un viño ao camareiro dicindo ó mesmo tempo ¡bótalle a estes señores o que queiran tomar!.
Despois de beber o que tiñamos nos vasos, eu pedín outra rolda para o recen chegado e para min, pero cando quixen pagar o servido, aquel home non me deixou, dixo que pagaba el de novo. Eu non conforme con tal decisión insistín que aquela rolda a pedira eu e que polo tanto pagaba eu. O home miroume paseniño e díxome ¡rapaz, permíteme que pague eu e non só estas dúas roldas se non todas as que tomemos xuntos!. ¡Verás, xa sei que non nos coñecemos de nada, pero vouche explicar: Eu son taxista de Barreiros e quero convidar eu todo o tempo por que hoxe volvín a nacer, polo tanto quero celebralo con todos os que vexo que son xente de paz!.
A verdade é que me quedei moi sorprendido do que o taxista me comentou, pero a pesar de todo insistín na miña invitación, pero o home non me deixou e foi cando me contou o que lle aconteceu e en verdade tiña razóns máis que suficientes para celebralo.
Narrou o noso home que serian as seis da mañá cando o chamaron á porta da casa solicitándolle os seus servizos de taxista para levar a quen a aquelas horas chamaba. O taxista que estaba na cama a aquelas horas, asomouse á ventá e como aínda era noite só puido ver a tres rapaces ós cales lles preguntou a onde querían ir. A contestación foi curta ¡Á A Coruña!. A verdade é, dixo o taxista, que viaxes longos hai poucos e eses son os que máis interesan por que se gana máis, por iso non dubidei nin un segundo en responderlles: ¡Un momento, que me visto e xa vou agora!.
O taxista vestiuse, baixou do cuarto e saíu para fóra e díxolles ós rapaces que agardaran un momento que ía sacar o taxi do garaxe.
Disposto o coche para a viaxe, os rapaces montan nel, dous detrás e un diante, pero tan pronto subiron ó coche o taxista notou que cheiraban moi raro, como a humidade ou a salitre, pero xa viu ó mesmo tempo que mariñeiros non eran e moito menos desembarcados en San Cosme.
Comezada a viaxe rumbo a A Coruña, o condutor observou que as pintas dos seus clientes non eran de fiar, pero nun principio a sorte acompañouno porque os tres rapaces quedáronse totalmente durmidos.
Os quilómetros transcorrían e o taxista cada vez máis preocupado polos inquilinos de "á bordo" e durante moito percorrido analizando a situación intentou por todas de buscarlle unha solución para "descargar a mercadoría" sen sufrir males de ningún tipo.
¡Por fin, na súa mente fórxase unha idea, hai que parar en Vilalba a botar combustible!.
A estación de servizo de Vilalba era o punto da súa salvación se a súa estratexia non fracasaba, pero tiña que intentalo porque na cuestión estaba a súa vida, aqueles homes serian os máis honrados do mundo, pero as súas pintas dicían todo o contrario.
Os minutos facíanse eternos, pero xa se notaba como medraba o día cando por fin chegou á estación de servizo de Vilalba. Entrou na estación a modiño para intentar que os rapaces non espertaran, pero ó pisar o freo o de diante abriu os ollos, pero o taxista con voz suave disimulando a cousa díxolle ¡só bou botar combustible!.
Sacou as chaves do coche, e sen pechar a porta para non facer ruído mandou que lle encheran o depósito a cando entrou na oficina para pagar, deixoulle cartos de máis ó da estación pedíndolle ó mesmo tempo que ¡por favor, chama por teléfono á garda civil de Guitiriz e dilles que son un taxista que levo a tres rapaces para a Coruña, pero que sospeito deles e que me paren cando me vexan e que me multen ou fagan o que queiran, pero que me quero librar deles!. O da estación de servizo veuno tan preocupado que lle propuxo que en vez de chamar a Guitiriz se quería mellor que chamaba a Parga, pero o taxista insistiu en que chamara a Guitiriz para que dera tempo, tanto na chamada telefónica como en que a garda civil estivera preparada.
Así é como o noso home prosigue a viaxe rumbo A Coruña e co corazón metido nun puño, quizás incluso rezando, pedíndolle a Deus pola vida (algún día un tense que lembrar de rezar, e nestes casos faise de corazón). Mentres tanto o empregado de estación de servizo, facía a súa correspondente chamada á garda civil de Guitiriz.
¡Por fin... xa se divisa a recta de Guitiriz, e pode que aqueles vultos que se divisan ó lonxe sexa a garda civil!.
A medida que o coche avanza os nervios apoderábanse máis do taxista, pero si, si que é a garda civil. O taxista sen dubidalo un momento comeza a facer chiscadas coas luces e incluso ir en zigzag rebordando a liña continua para que se deran conta de que era o taxista en apuros, e se non recibiran aínda a chamada telefónica da estación de servizo, polo menos que o pararan para multalo polas parvadas que estaba facendo, que unha vez parado aínda que o multaran salvaríanlle a vida.
Meu dito, meu feito, a garda civil púxose no medio da estrada facendo sinal de alto coa man e o taxista reducindo a velocidade ó chegar a xunto de benemérita detivo o coche xusto no momento en que os tres homes espertaron.
Pedidas as pertinentes documentacións descubriuse o peor, a intuición do taxista estaba no certo, os tres rapaces eran grandes delincuentes buscados por varios xulgados de distintas autonomías, pero o máis curioso é que cando a garda civil lle preguntou ó taxista canto era a minuta da carreira, el díxolles que eran 5000 pesetas (uns 30 euros), pero a garda civil díxolle que os individuos entre todos só levaban 800 pesetas (Aínda non 5 euros), pero o taxista ía tan feliz de verse libre de tales elementos que non quería nin aqueles cartos.
Ó retornar para a costa, quixo ter un día libre para celebrar o éxito ó que el lle chamaba "o día que volvín a nacer".

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)