A busca do condón perdido
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 29 de enero de 2026
En certa ocasión, uns rapaces de Foz organizaron unha cea nun restaurante da localidade. A cea era desas anuais relacionadas coa empresa na que eles traballaban.
Todos eles eran rapaces novos en que as súas idades roldaban os trinta anos. A maioría estaban solteiros aínda que polo medio aparecía algún casado ou recentemente casado como é o caso do rapaz da nosa historia.
Chegado o día da cea, un deles, que xa dixemos que estaba recentemente casado, tivo a ocorrencia de mercar unha caixa de condóns coa idea de se ó volver á casa cedo el e a súa muller poderían "xogar á biscuriña" (coido que xa me entendedes).
O caso é, que se xuntaron todos antes da cea para tomar uns viños como manda a tradición e unha vez chegados ó restaurante pasaron ó comedor e dispuxéronse a cear.
Entre bromas e risas a cea foi transcorrendo nun ambiente cordial e sen nada que dicir do menú que era excelente e cun servizo por parte do restaurante ó que se podía cualificar de "impecable".
Por suposto que no menú entraba o champaña, polo que unha vez rematada a cea e despois dos cafés, comezaron a abrirse varias das botellas de champaña co que poder facer un brinde por todo o alto. Copas nas mans, todos en pé, as copas chocaron entre si e de varias bocas xurdiu a tradicional frase de ¡de hoxe nun ano!.
Despois do gran brinde, comezaron a saír os primeiros chistes dos que sempre neste tipo de reunións aparece o que máis está ó día e que xa leva para a ocasión un bo feixe deles.
Nun momento de pausa da esmorga, o noso amigo lembrouse da caixa de preservativos que poucas horas antes había mercado e tivo unha ocorrencia a cal lle expuxo ós compañeiros, a de encher un preservativo con champaña para saber se todo o líquido de botella collería nel. Todos de acordo co experimento, o noso home abre a caixa e saca un preservativo e procederon a botarlle o líquido da botella quedándose pasmados ó comprobar que colleu todo o líquido dunha botella e aínda collía máis e que por certo, non llo botaron, para experimento xa abondaba aquilo.
O noso home, foise para o baño e tirou polo retrete todo o champaña, pero como se debe facer por civismo, non tirou o preservativo polo retrete se non que o tirou na papeleira.
Rematada a troula da noite, saíron do restaurante e cada un foise para onde lle pareceu, pero o noso home como bo esposo foise dereitiño para a casa, pero cando chegou xa comprobou que de "xogar á biscuriña" coa muller, nada de nada, pois estaba totalmente durmida.
Sacouse a roupa e meteuse na cama, e veña, tamén a durmir.
Ó día seguinte a muller ergueuse antes que el e pasou a recollerlle a roupa que sacara a noite anterior para metela na lavadora, pero antes de nada, e como se debe facer, hai que mirar os petos que non vaian levar cousas que se podan estragar e mira ti por onde a muller atopa no peto da chaqueta a "famosa" caixa de condóns, pero iso non foi o malo, o malo foi de que a caixa xa non tiña o precinto ce celofán e que dentro faltaba un condón.
¡Miúdo Cristo que se armou!. Os berros da muller fixéronlle saltar da cama e a cantidade de preguntas que ela lle facía era imposible contestarlle a todas e moito menos pola orde en que ela llas facía.
El pedíalle que se serenase e así poder darlle unha explicación, pero o estado de nervios da muller non lle permitía acougar nin un só intre.
Cando se tranquilizou un pouco, el contoulle a historia do condón e o champaña, pero a ela non lle colaba tal asunto.
Mandoulle chamar por teléfono ós amigos que pasaron a noite con el para que lle contaran a verdade do que pasara, pero ó ver que todos lle contaban o mesmo ela pensou en que todos estaban postos de acordo co home e que se aprenderan todos a mesma mentira para encubrilo.
Despois de varias horas pelexando coa muller para convencela de que non lle mentía, tivo unha ocorrencia, a de chamar ó restaurante para saber se xa habían tirado o lixo da noite anterior, pois decatouse de que o camión da recollida pasara estando eles aínda no restaurante. Por suposto que el chamou por teléfono diante dela para demostrarlle que non manipulaba as respostas. A contestación do restaurante nun principio era alentadora pois como el supoñía nin varreran nin fregaran ata que eles marcharon, e como o camión xa pasara antes, tiñan o lixo gardado en bolsas, e aí tedes ó noso home diante da súa muller sacando das bolsas papeliño tras papeliño ata que despois de moito tempo ¡por fin... apareceu o condón que efectivamente ela comprobou que cheiraba a champaña!.
A pesar de que a proba da inocencia apareceu, ela aínda estivo varios días de morros.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora