De neno fascinábame ver nos mapamundis a enorme illa boreal de Groenlandia, que imaxinaba totalmente cuberta de neve e moi próxima xa ao Polo Norte da Terra. E tamén me fascinaban os seus habitantes humanos, daquela coñecidos como esquimós, termo que por entón identificaba ao pobo inuit e que foi repudiado por este ao tratarse dun estranxeirismo que significa devoradores de carne crúa e co que por suposto non se identifican.

Claro que tamén me fascinaban os seus habitantes animais, sobre todo os osos polares, os renos, os caribús ou as focas desprazándose pola branca tundra, beleza viva que tantas veces vin no cine, na televisión e sublimada nas artes.
Publicacións e películas alimentaron así mesmo a miña fascinación arquitectónica polo iglú, a vivenda circular, con teito de cúpula, construída con bloques de xeo, pero capaz de proporcionar abrigo térmico polas súas propiedades illantes do frío e pola súa resistencia ao vento, optimizando a circulación do aire e sendo por tanto moi eficiente para sobrevivir naquelas zonas xeadas. De feito, iglú foi a primeira palabra inuit que coñecín, como tantas outras persoas no mundo, pois significa casa en inuktituk, a lingua do pobo inuit en Canadá.
Andando o tempo, tamén me fascinarían os inuksuit, montículos de pedras, xeralmente antropomórficos, que marcan rutas de viaxe e lugares de caza ou pesca en todo o territorio ártico, polo que se converteron no máis identificativo emblema cultural do pobo inuit. O singular de inuksuit é inuksut, palabra na que inuk significa persoa e -suk imitación, xa que a maioría destes escultóricos milladoiros imitan en efecto figuras humanas cos brazos abertos. Eu tiven ocasión de ver varios inuksuit construídos en Canadá, de onde trouxen reproducións como recordo e como regalo, así como, en Inglaterra, no moi interesante e ben documentado Museo Polar de Cambridge.
Xa na adolescencia me interesei pola historia de Groenlandia, milenariamente habitada polos inuit co nome de Kalaallit Nunaat (Terra dos Kalaallits), pero denominada na Idade Media por colonos viquingos procedentes de Islandia como Grønland, topónimo que paradoxalmente significa terra verde en danés. No mesmo Medievo pasou a depender de Noruega e, dende o século XVIII, de Dinamarca, aínda que goza dunha ampla autonomía dende 1979. A lenda do mariño medieval viquingo de orixe noruegués Erik o Vermello explorando a illa ou as aventuras do decimonónico capitán Hatteras navegando pola súa contorna na homónima novela de Jules Verne excitaron sen dúbida a miña fantasía adolescente, pero non tanto como para imaxinar que algún día un poema meu sería traducido ao idioma groenlandés dos inuit.
Segundo explica o antropólogo e lingüista quebequés de orixe bretoa Louis-Jacques Dorais, no seu moi instrutivo e integral libro The Language of the Inuit: Syntax, Semantics, and Society in the Arctic (2010), o inuit que se fala en Alaska, Canadá e Groenlandia é un único idioma con distintas variantes. A lingua inuit caracterízase por ser moi polisintética, ou sexa, aglutinante de palabras compostas por unha raíz á que se agregan moitos morfemas como afixos (sufixos ou prefixos). Por isto moitas das súas verbas son extremadamente longas e resultan equivalentes a frases enteiras doutras linguas. A variante de Groenlandia é a chamada kalaallisut ou groenlandés, que se escribe en caracteres latinos, a diferenza da inuktitut do Canadá, que dispón dunha orixinal escritura silábica propia.
O moi activo antropólogo catalán Francesc Bailón, especialista no pobo inuit de Groenlandia e entusiasta da súa cultura, coñeceu o meu poema "A cabeleira (Fragmentos)", traducido a numerosas linguas do mundo, e, parecéndolle, moi xenerosamente, "maravilloso", quixo contribuir ao colaborativo proxecto multilingüe do que é protagonista facilitándome o contacto cun inuit nativo amigo seu que lle deu clase de groenlandés en Cataluña, Jan Frederiksen, quen efectivamente realizou a tradución ao kalaallisut.

Jan Frederiksen, nacido en 1957 nunha pequena cidade groenlandesa, coñeceu en carne propia e repudiou axiña o afán colonial e aculturizador danés. Estudou Maxisterio en Dinamarca e, logo de estadías diversas en Estados Unidos, Alemaña e Suíza, o que lle permitiu ser un gran políglota, afincouse na cidade catalá de Vic, onde exerceu como recoñecido cociñeiro macrobiótico ata a súa prematura morte en 2016. Esta foi a razón de que non chegase a ver editada a súa versión en kalaallisut do meu poema, "Nujat ilingasuut (Ilamininnguaat)", publicada precisamente no ano do seu falecemento. Por isto na introdución da seguinte edición de A cabeleira, de 2023, fixen recíproca a preciosa despedida en kalaallisut que me remitiu na súa derradeira mensaxe, significando moitísimas grazas: "Qujanarssuaq, Jan Frederiksen".
Agora, neste 2026 de ameaza imperialista e de preocupante desestabilización en Groenlandia, síntome dobremente honrado e solidario do seu pobo inuit por ser o único galego, que eu saiba, traducido ao kalaallisut, lingua oficial de Kalaallit Nunaat, polo que reproduzo a continuación o meu poema en galego e na aglutinante lingua groenlandesa coa fin de contribuír tamén a aglutinar toda a solidariedade posible cunha Groenlandia libre e respectada:
A CABELEIRA (FRAGMENTOS)
Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas.
Incerto fillo son das tribos móbiles que só se detiveron cando se lles acabou o mundo.
Non teño outras raíces que as da espora nin outra patria habito que a do vento.
Síntome da estirpe daqueles pobos nómades que nunca se constituíron en estado.
O noso espírito coñeceu o abismo e o sentido telúrico do contorno natural.
A nosa historia é a dun pobo que perdeu o norte e se confundiu cos bois.
Pero eu recuperei o norte no medio do naufraxio fluíndo sensualmente da cabeleira da lúa.
E a inmensa cabeleira é labirinto no que soamente falo a quen eu amo.
NUJAT ILINGASUUT (ILAMININNGUAAT)
Inunngorsimavunga nunarssuup qorsorpaluttup tunuatingut
nersussuit angalaarlunga paarillungit.
Erningaanga inuiaqatingiit uninngisaannartuniit kisiat nunarsuatta tunua tikikkaangamikku unittarsimasut.
Uvanga inuiaqatingiinniit angalasaannartuniit pinngorsimavunga, taakkulu nunassiaminiit namminersortumik pinngortittisimanngisaannartuniit.
Uvangut tarnitta nunap nakkartarfiata aamma ilisimassattinni eqqaarmiortattinnut Pingaartittarsimavaa.
Oqaluttuarfissattinnut inuiaqatingiippungut ulloriaq ilittisarfipput sumunnassangaluarutta.
Tamaassimallungu taavalu nersussuit akornaanni paattiveeruussimangaatingut.
Kisianni ilittisarfinga avannamukassangaangama naaqqippara qaammatitta soorluluunniit nujaasaani ilingasuni akornanni ikkarlissimasoq.
Qaammatillu nujasaini ilingasuni labyrintiupput asasannut
Kisimiilluga oqalussangaangama.
(Nutterisoq kalaallisuumut Jan Frederiksen)