Para Pepa Lombao!
Dá título a un novo libro de MERO, Baldomero Iglesias Dobarrio. Publicado por Xermolos e a Irmandade Manuel María ao frente das que se atopa o grande benfeitor das nosas letras e venerable Alfonso Blanco.
Cando vemos un cacharro de Bonxe parécenos como se remoésemos a cultura con sabores diferentes, mais sempre con sabor a padal antigo, un padal que xorde do ancestral, da continuidade dos séculos que desde o Neolítico os viñeron facendo os cacharreiros de Bonxe, xurdindo dunha masa informe de barro que acaece nunha arquitectura de saberes, porque os cacharros son casiñas arredondadas sempre, e pequenas, para gardar os sólidos e líquidos dos que nos alimentamos ao longo da nosa existencia.
Esa arquitectura saída dos tornos ornou a nosa vida, fomentou os nosos coidados e deu sabor á nosa existencia,

por iso, Mero, en conxunción coa terra busca o espírito artesán desa xente, de Indalecio e Josefa e agora da súa filla Pepa Lombao e tamén de tantos outr@s que tiveron asignado o valor da creación que o mesmo que os poetas, músicos e pintores levan a súa arte no pensamento e nesas mans coas que forman e deforman esa terra suave que se eleva en contornos delicados, de enfeite, facendo as curvas e contracurvas necesarias para despois oficiar como cacharros dos nosos quefaceres cotiáns.
Pepita continúa co seu Obradoiro en san Mamede de Bonxe, oficiando de cacharreira, como druida do barro, seguindo coa tradición e coas técnicas ancestrais, herdeira dese saber infinito da creación, patrimonio etnográfico da terra da que saímos e á terra á que imos, pero pasando sempre riba dela por ser a vida un continente arquitectónico no que domina a auga e a mesma terra. Como unha raíña, sentada, dándolle pé á roda fondeira que roda e roda, xira e xira, arrodea e cerca cando o eixo da creación se pon en movemento e a súa maxia comeza o camiño das andadeiras espirituais do torno, do círculo da vida que vai sementando entre o barro que se deixa acariñar agradecido e despois coa media lúa da canaveira axuda a erguer esa nova vida que se crea e descrea entre os dedos "encaramados" erguendo ese novo ser que xorde "ribereteado" de antoxos e para rematar, o mesmo que para cantar hai que saber repenicar, subindo e baixando a voz, ao son do "pau de repenicar", o mesmo que se repenican as campás dando toques máis altos e máis baixos á vasilla na roda do torno, como se fose unha campá, dándolle ao badalo no labro da vasilla para acendela de ledicia e bo estar aos ollos e para despois "aselarse" e poñerlle o "picho" para que verta pola súa boca de piñón ou polas comisuras levantadas, caídas, redondas, alargadas... pois as bocas dos cacharros son como as bocas das persoas, cada unha cun aspecto único e estético que realza a beleza destes pequenos seres con alma e corpo que tamén teñen boca e labios, redondos, largos, anchos, pequenos, estirados, asimétricos, con comisuras caídas en sinal de tristeza ou levantadas de dita e felicidade, por iso a alma que fai o ser do cacharro queda concibida segundo o estado de ánimo que percorre o seu ser ou o estado de ánimo de Pepa segundo se veña acaendo a súa "mellorada" vital, creativa e estética que persiste entre as mans da deusa creadora e namorada das súas formas que van e veñen da súa cabeza e do seu alento desbocado, sen pensar nun mañá, porque o barro mantén unha unidade anímica coa terra da que saímos e á terra á que tamén imos.
Pepa Lombao é a intermediaria entre a terra que pisa, a terra que extrae e a terra que se deixa crear para volver ser terra, volver ser barro nun ciclo vital desde a orixe dos tempos mentres todo xira, a vida tamén é un torno como o de Pepa e na súa mesa ou volante están as figuras amadas e creadas e con elas tamén estamos nós que nos imos moldeando cos anos coma elas, imos cocéndonos no forno da vida coma o barro porque ao fin somos iso, BARRO enlamado e cocido para volver ser barro, mais como dixo Francisco de Quevedo... pero "barro namorado".