Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Álvaro Lamas In Memoriam

Rubia, Xoan - jueves, 22 de enero de 2026
Era esa hora na que se mergullaba o sol no mar, aló no horizonte, cando a vida acochábase nos recunchos da escuridade da noite, e xusto nese intre é cando recibo a mala nova de que Álvaro Lamas nos deixara case con sixilo, discretamente como se non quixera molestar aos seus seres queridos e aos seus amigos. Álvaro Lamas In Memoriam Sóubeno polo meu amigo Maximino Rivas, xerente da sala "La Room" que lle dou a Alvarito o primeiro premio que leva ese nome, en recoñecemento a súa traxectoria musical. Quedei abraiado pois non sabía que Álvaro estaba enfermo.

Coñecín a Álvaro hai moito tempo, cando eu andaba tratando de dar proxección polos escenarios as miñas cousas e necesitaba músicos que me acompañaran. E aí apareceu "Azúcar", unha doce compaña cuxos compoñentes eran Manolo (baterista), Cris (baixo eléctrico), Pepín (Teclados) e Álvaro (guitarra). Comezou entón un período de colaboracións que eu lembro con moito agarimo. De todos eles quizaís fose Álvaro o mais reservado no trato, o mais calado, pero sempre disposto a facilitar as cousas e a deixar coa súa guitarra esas frases que lle dan certo sentido a unha canción. Pasada esa etapa de andar subindo e baixando dos escenarios non nos viamos moito, pero con todo seguiu colaborando esporádicamente nas miñas cousas, por exemplo nos estudos de gravación onde bastaba unha frase da súa guitarra para deixar esa sinatura inconfundible, persoal e única. Cando se decide tocar a steel guitar a todos asombrou pois en España era el e outro máis os que podían facelo con solvencia. Soia dicir que a steel, malia nacer co country era polivalente e podíase utilizar noutros estilos musicais. E demostrouno con creces.

Cos "Limones" acadou esa sona á que é tan difícil chegar, pero el seguiu instalado nesa modestia que o caracterizaba, con esa disposición que caracteriza á boa xente. Polas cordas das súas guitarras, hoxe tristeiras, estaranse deslizando unhas bágoas doidas. Foise un músico irrepetible, deixando un gran baleiro que será difícil de encher. A música de Ferrol hoxe está orfa porque marchou un dos grandes. Gloria haxa para Álvaro Lamas!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES