Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amigos, en los momentos de dolor todos somos Adamuz con vosotros

Campo Freire, Xaquín - miércoles, 21 de enero de 2026
Narón. (A Coruña). 19-01-2026.

Cando hai unha traxedia, se somos persoas ben nacidas, non podo entender que permanezamos impasíbeis ante a dor allea. E solidarizámonos.
Calquera que sexan as circunstancias ou o lugar. Si, a ti, a vós: "Coma a un irmán che falo".
E xa non digamos cando esa dor é producida pola crueldade doutros seres humanos, p. ex., o xenocidio de Gaza ou de calquera guerra ou persecución ás persoas polo delito de seren pobres, por xenreiras de raza, credos, fanatismos, politiqueiradas, ambicións de negocios suxos, inxustos e degradantes das persoas e da natureza.
Como non conmoverse ante a morte de anciáns desamparados, p. ex. cando o COVID en Madrid, mesmo na Galiza e noutras latitudes. Xa non falemos de inocentes, de meniños e meniñas ou de mulleres asasinadas cada día por violencia de xénero: Eu son fillo dunha muller! Finou por morte natural na nacenza do noso último irmanciño. Sei canto doe a orfandade e a falta "dela".
Acaba de suceder o accidente de Adamuz. Canta dor! Cantos medos! E o que queda por xestionar, tan fondo e por moito tempo.
Cando o balbordo volva "ao seu", cando novamente todo empece a sumirse no silencio, cando cheguen os procesos xudiciais, etc., vós seguides aí, "compañeros del alma, compañeros".
Curtido nesa sensibilidade pola dor desde a infancia, tamén nas catástrofes naturais ou os accidentes individuais ou colectivos, abro ben os "ollos do corazón", como lle dixo o Raposo ao Principiño. E, daquela, quérome próximo das familias e das vítimas. Porque só desde aí se ve o esencial da vida, do amor e da esperanza. Vibran estridentes as cordas da alma ante esa meniña que perdeu os catro familiares que ían con ela! Como será de difícil para todos superar unha situación tan sen razón! Nada nos pode ser indiferente. "Solo le pido a Dios que la guerra, el dolor, la vida, los otros, no me sean indiferentes." E se sandamos a mirada sempre aparece un vínculo moi persoal.
Dá certo ánimo ver, polo menos desta vez e ao parecer, hai concordia entre os diferentes para unírmonos todos no esencial de verdade cando dicimos. "Acompáñote no sentimento". Ou para que sintades a calorciña dos abrazos das almas xemeas que vibramos ao unísono cando toda a existencia se nos está derrubando. Se é certo o que lles atribúen os medios, parece que Vox non saben ben aínda o que queren ser de maiores. Mágoa! Danme pena!
Se sabemos unirnos a todos, sen excepción, sempre vai haber unha parte da noticia que me "vinculará" emocionalmente dun xeito particular. A min pásame nestes intres: "El tren descarrilado en Adamuz iba lleno de opositores. Casi un centenar de personas se habían desplazado desde Huelva a Madrid para hacer los exámenes para ayudante de Instituciones Penitenciarias. Dos profesores de Huelva de una academia de oposiciones a funcionario de prisiones y un alumno, entre los desaparecidos del accidente del tren" (ABC).
Levo dezasete anos indo semanalmente ao cárcere, nun labor de "aprender a acompañar soidades". Escoitar. Sen preguntar. E poñer os corazóns ao mesmo compás. E non dicir nunca contra un irmán ou irmá esa blasfema incivil: "Que apodreza no cárcere". Nin falar mal, sen saber en vivo e directo, o que fan esas e eses funcionarios. E non xustifico se alguén se pasa na súa función. Pero cómpre, primeiro, examinarme a min mesmo e a fondo por ver se non eu que me extralimito de pensamento, palabra, omisión ou comisión. Iso si que é o que me toca arranxar.
Seguramente, dentro de moi pouco tempo, abrazarei a algunha ou algún de vós en Teixeiro, nesa primeira etapa de familiarización coa profesión ou co encontro persoal con eses nosos "accidentados" da vida, os nosos queridos reclusas e reclusos. E descubriredes neles, in situ, que "o seu tren vital" tamén descarrilou en tantas reviravoltas de enfermidades mentais (40%, segundo as estatísticas oficiais), ou polas pobrezas crecentes das contornas onde se criaron ou polas políticas, tipo Sr. Trump, por citar só un de fóra, para non pasar por España, etc. "Yo soy rebelde porque nadie me amó", cantaba Jeanette. Nas vosas mans vai estar, tamén, o que a sociedade non sempre sabemos facer: rehabilitar, resocializar, reinsertar, acompañar, etc. (Constitución Española. art, 25, § 2). Que esa sanación integral se produza en vós, amigas e amigos.
En vós, para cada persoa, para toda Andalucía, para todas esas familias, sen excepción, e para todos cantos nos movemos nos tránsitos viarios ou agardamos nas casas unha feliz chegada, todo o mellor de todos nós, desde esta Galiza que temos un corazón moi grande e sabemos, desde Angrois, o que é un accidente ferroviario que aínda está sen cerrar, curar e atender. E sabemos, ..., da vida toda.
Querémosvos. E queremos acompañarvos con toda solidariedade e esperanza. Biquiños. Xaquín.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES