Demasiado triste
É triste, demasiado triste, entrar no centro de Ourense e atoparte con ducias de tractores aparcados, en sinal de protesta, nas súas rúas. O cometido dos tractores é estar nas leiras, na terra, non no asfalto, no cemento. Traballando. E a labranza é deses oficios, desas profesións nas que hai que traballar sempre: domingos, festivos e festas de gardar. E sen horarios.

É triste, moi triste, ver como a administración, como os gobernos seguen coa mesma rutina desde que o mundo é mundo: non apoiar ó sector primario. Nin no pasado, nin no presente e, entendo, que nin no futuro. Sempre se lle deu para atrás á agricultura. Sempre se lle puxeron pexas ós gandeiros. Sempre.
É triste, moi triste, ver como o labrego está cada vez máis atado por esa administración que come grazas a eles, por ese goberno que manduca grazas a eles. Tanto uns coma outros son moi propensos a facer "comilonas", banquetes, lupandas coas escusas das reunións nas que se falará, por exemplo, sobre a problemática do sector gandeiro, que, como en todas as xuntanzas, quedará en auga de castañas.
É triste, demasiado triste, ver que na defensa do labrego (defendereino sempre porque fun labrego e considerareime sempre labrego, aínda que non volva coller nunca máis un sacho... non tardarei en botar as patacas), digo que na defensa do labrego hai tamén un pero. Pódese dicir contundentemente que en todo existe sempre un pero. Neste caso que nos ocupa, o campesiño, a comunidade rural votou, maioritariamente, a quen está gobernando. Quen está gobernando son os que lles poñen os atrancos, os que fan que teñan que levar os tractores ás rúas en vez de ás leiras. Como dicía aquel: a bo entendedor, curto falador. E non digo nada máis.