Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sucesos incríbles (17)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 10 de febrero de 2026
Fíxose esta Crónica bretonante (bretona, do país bretonante), por mandato de Dom Mailoce, Princepts Eclesiae Britannia Monasterium Maxime, glorificando ao seu tío Murdoc, de felice memoria.
Saiban cantos a vexan e entendan como é ben certo e sabido que os pastos do Campo de Oso foron gañados polo noso Murdoc, á perpetuidade, loitando coa asistencia de Deus contra eses godallos de Sisnando Meirego. Florinda Meirega, que Deus a garde onde a teña, sendo doncela de quince e filla de Sisnando Meirego, Tenente do Castro de Meira por mandato de Galaor, conde de Superata, foi requirida de amores polo noso Murdoc, co escalamento das tres cercas do castro, na noite máis pecha deste século, e con só acariñarlle as meixelas e con só bicarlle os seus cabelos liros, combados en mil bucles, Murdoc tivo por certa a extraordinaria beleza que dela proclamaba o bardo Rairiz da Pastoriza nas súas trobas.
Descuberto por unha sentinela do forte meirego, Murdoc non puido fuxir, non quixo fuxir, sen levar consigo á doncela, como é de lei nas regras de conquista, así que aquela noite, avisados tódolos guerreiros que oíron o corno de Murdoc, presentáronse no conventus, onde Mailoc os declarou, de iure, marido e muller, se ben de facto non puido ser, obrigados como estaban a cumpri-las sete noites de Tobías. Florinda, aceptando os usos e mailos costumes bretóns, deitouse na tenda de Isolda, nai do seu desposado Murdoc, e daquela, sabéndose amada do seu raptor, ¡nin sequera chorou!
Esta que aquí se relata é a verdadeira historia de Murdoc, bretón ilustre, que non tería que escalar a torre meirega de haberlle concedido Sisnando aqueles esponsais coa Florinda, segundo lle pedira Mailoc en nome do seu tío, de paso que pretendía en dote as pasturas do Monte Verde, con cuios campos, abas e vales, en troco de recoñecer a Florinda como princesa electa da tribo bretona, que así se decidira, e así se escribira, no Concilio dos anciáns.
Malia sexa, e que Deus confunda, a Galaor, indigno conde e conde indigno de Superata, que con tres mulleres vivas, e todas cabe del, pretendía xacer coa Florinda Meirega, en pacto secreto habido co Sisnando Meirego, home vil e pai desnaturalizado, que por tal o temos.
...
Alancando nas vacas bretonas que, polo nevarío, baixaban pastar ao Crecente Minio, os criados e demais foreiros de Sisnando Meirego fixeron nelas gran mortaldade, así que a pobreza bretona clamou contra da beleza de Florinda, que tales desgrazas lles ocasionaba; mais non consentiu Murdoc que as nosas xentes pasasen privacións, nin lle era posible, nin quería, rompe-lo vínculo bendito polo seu propio sobriño, Mailoc, cumpridas como estaban as sete noites de Tobías, así que, nunha daquelas de lúa minguante, con dez dos seus homes máis esforzados, encordou vinte vacas e un touro da gandería meirega, que estaban pastando nos campelos da Irimia. A cabalo do boi cabestro púxose Murdoc, domado e arramalado cun viorto de xestas, que así lles foi posible trae-lo gando arroubado en vindicación, para estes currás da Bretoña.
Pasaran seis meses, seis meses pasaran, e Florinda, sentíndose nai, quixo visita-la súa, para que a acollesen en paz, que así, de paso, non perdía os seus dereitos, que ela outros irmáns non tiña, e tampouco sería xusto que fosen herdar aqueles estados meiregos os seus curmáns, nados e criados no territorio de Polux.
A Meira foi soa, sen escoltas, e de Meira novas non viñan, nin as sentinelas do feroz Sisnando lle deixaban cruza-los foxos ao cabalo de Murdoc, impoñéndolle a humillación de que tiña que pasar a pé, desmontado e sen armas. Nin valeu a mediación do bispo Mailoc, así que seu tío quedouse incomunicado da súa Florinda, xa proclamada e recoñecida como princesa bretona.
Tempo adiante sóubose que nacera un meirego de dúas razas, que así o cantaron aqueles pastores do terrorífico Sisnando, daquela que subiron aos magostos da Bretoña por indicacións da súa princesa, que non renunciaba a ser bretona adoptiva. O neno foi baptizado de Vermudo, que para os meiregos significa "xabaril, porco bravo", por un anacoreta da Irimia, que era coñecido como Bubdelio o Eremita, alí mesmo, nas frías augas do Pedregal, augurándolle rexo e forte.
Murdoc, no ínterim, desesperado polo secuestro en que tiñan á súa dona, e tamén ao seu fillo, chamado a ser príncipe bretón, que mal o podía ser sen cambiarlle de nome, que lle querían dicir Biniaouer, que en bretón significa "gaiteiro", "harmonioso", ¡todo o contrario dun xabaril!, dispúxose a reta-lo Sisnando, pero Mailoc, seu sobriño, máis prudente có tío, aconselloulle que non era propio da nobreza bretona lidar cun vello, por feroz que fose e por mal que se portase. En vista diso, Murdoc retou a tres cabaleiros escollidos polo propio Sisnando, establecéndose naquela ordalía, naquel xuízo de Deus, que se sobrevivía Murdoc, Sisnando daríalle, ademais da Florinda e do seu fillo, tres veces dez vacas, así como a dote de tódalas terras que estaban gozando aqueles foreiros cos que ía lidar.
Un por un, á forza de golpes, en nobre lida, rapidamente, Murdoc rematounos no campo da pelexa, mesmo diante do Castro Meirego, ¡como corresponde a un cabaleiro bretón! Naquel intre, mentres se refrescaba Murdoc, xa disposto a subir á fortaleza para levarse consigo á súa familia, achegóuselle polas costas o pérfido Sisnando, con intención de segalo polo gañote. Quixo Deus que a espada do bretón aínda non estivese na súa funda, así que daquela mesmo, apercibido do perigo polas olladas da xente que estaba enfronte, revirouse Murdoc, feito un lóstrego, e dun tallo gadañoulle unha perna ao Meirego, que no inferno estea, polos séculos dos séculos, amén.
Tempo adiante, morto o noso Murdoc, á idade de corenta anos, das feridas que recibiu nestes campelos do Monte Verde pelexándose cun oso branco que nos tiña aterecidos, todas estas ribeiras, ata a mesmísima fonte do Eo, pasaron á tribo bretona, en comunidade de pastos, xa que, morto tamén o seu fillo, aquel Gaiteiro, a nobre princesa Florinda herdeiros nos fixo a tódolos seus vasalos, en común.
...


A data deste documento estaba tan borrosa que non lle foi traducible ao Filólogo, pero o resto valeu a pena; ¡valeu un pipote de viño, sen IVE, que non mo cobrou Gavín! Valeu, e vale aínda, para demostrar que os preitos de veciñanza..., ¡pérdeos aquel que os gaña! ¡Cantos misterios da Historia andarán por aí, perdidos, empoeirados, como pasou neste caso; rexistrados en pelellos que desaparecen coa podremia nos faiados das casas! Estou seguro de que se os Museos pagasen por eles unha arroba de viño…, ¡daquela reaparecerían, todos, a borbollóns, coma o Guadiana!
-.-

Notas:
1.- O Filólogo francés, aquel señor que me fixo esta tradución, para máis lucimento, supoño, ata me pasou algúns parágrafos directamente, ou sexa, en bretón, explicándome as queixas que tiña o Murdoc en contra dos frades de Meira, protexidos e/ou conselleiros do tal Sisnando, -indubidablemente anteriores aos do Císter, -que as omito nesta segunda tradución por brevidade, deixándovos tan só o seguinte parágrafo, que me resultou especialmente divertido: "C'hweh merh gwerh war c'hweh marh kalloh ha c'hweh manah war o lerh". Deumo anosado, e significa: Que as mozas sexan virxes, e que os seis frades (de Meira) sexan uns godallos, ao de hoxe non me desacouga.

2.- Superado o seu paganismo, á bisbarra de Polux chámaselle, simplemente, Pol.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES