Sucesos incríbles (14)
Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 05 de febrero de 2026
Reprendeume:
-¡Afina a orella, chacho, que eu dixen, in-cu-ria!
De sorpresa en sorpresa, fómonos achegando ás ruínas, e daquela vimos unha velliña, toda sorrisos, evidentemente pobre de solemnidade, sentada, ou por mellor dicir, escrouchada no que fora pórtico deste santuario:
-Señora, que llo digo polo seu ben, levante de aí e mándese mudar, que lle poden vir enriba esas beiras que quedaron no tellado...; ¡no que foi tellado!
A vella non se moveu, pero riuse de nós, con certa suficiencia:
-¡Bobadas! ¡Estoulle en boa compaña, coa miña comadre, con Santa Isabel...!
-¡Si, si; Santa Isabel! A Santa
, Deus sabe a onde se foi, pois aquí está visto que non a queren; ¡e Manuel María vive en Monforte...! (Vivía daquela, cando tivemos esta entrevista).
-¡Que cegos son vostedes, que por algo levan espejuelos, todos, sen excepción! Casualmente, aquí a Señora estábame dicindo que esta capeliña, tal e como está agora, parécese moito á cachopa onde viviu ela, daquela, en Hebrón, Xudea, cando criou ao Bautista... ¿Coñecen Terra Santa? ¿Que non? ¡Onde hai un Santo, a Terra é Santa, sen excepción que valla, que sempre foi así!
Co que vimos e non vimos, o noso abraio foi total. Eu xa ía de volta para o coche, pois aquilo, ou era meigallo ou tolería, pero a miña dona e mailos rapaces deron en conversar coa mendiga, e incluso lle preguntaron se quería merendar connosco, alí mesmo, ás beiras do Miño, ¡do Miño irimeño, que é o puro, pois, dos Peares para abaixo, un terzo é sidra, e o resto, viño do Bierzo!
-¡E non hei querer! Miren o que son as cousas, que neste país tan rico, a min téñenme por pobre, e iso é porque canto me dan, fóra da comida se entende, traspásollelo aos pobres de Lugo, eses de por xunto da Catedral. Aí en Lugo moito presumir de muralla, e de catedral, ¡pero nin carballos teñen onde abeirarse! ¡Iso de vivir na Cidade é unha pobreza! A propósito, ¿saben por que se encortellaron
, os de Lugo?
Contesteille eu, dándome de gracioso:
-¡Seica foi para que non os arroubasen...!
-¡Mentira! ¡É que lles dá vergoña que os vexan os aldeáns sen árbores de seu, así, paupérrimos!
A mendiga, con estes razoamentos, convenceume de que tola, o que se di tola, non estaba. Entón, co aquel da confianza de comparti-lo noso pan e mailo noso viño, pregunteille:
-¿De que máis falan, vostede e maila Isabel? ¡Digo, se pode saberse!
-¡De moitas cousas, que ela está soa, pois o seu fillo ándalle de bautizos, acotío, no Xordán, e de paso tenta converter aos árabes, e tamén aos xudeus, por aló adiante, por eses desertos arábigos, por esa terra do petróleo, mais o perigo está en que por aló haille moitas Salomés, e tamén Herodías, que se dan coma fungos, pero ela, a Santa, prefire estes verdes, cabe do Miño, que de figos chumbos, de insolación e de areas asiáticas, quedou farta!
-¡Ai, logo, si! ¿E quen máis vén por aquí; aos faladoiros, quero dicir! -Seguinlle a corrente, que por algo estabamos ás beiras dese fluír do Miño.
-¡Se eu lle contase: da Santa Compaña para arriba..., todos! A que menos asiste é a Virxe María, pois con tanto trasfego de influencias, como ela fai os favores de balde, ¡non dá atendido as peticións! ¡Figúrese! ¡Se chega a reinar en España...!
-Os que virán por aquí, e supoño que a miúdo, serán eses de Lugo, eses das merendolas, que ben se ve que o deixan todo ciscado, plásticos, papeis...
A patroa mudou de cara e púxoa de noxo en vista das miñas alusións un tanto descritivas:
-¡A eses nin caso lles facemos, que xa ve o goldres que son! Aquí os máis conversadores son os Xacios; ¡os Xacios e mailas Xanas do Miño! Son un exemplo para a xuventude, pois estes cásanse..., a perpetuis! Como lles ía contando...
Interrompeuna a miña nena, que se criou un tanto retranqueira. ¡Naceu en Lugo!
-Vostede quere referirse ás ras, ¿non é?, que cando croan, semellan piteiras.
-¡Anda esta, por onde sae, que agora non hai feiras..., agás en Maastricht! ¿Ti non coñéce-los Xacios; nin os Xacios nin as Xanas? ¡Claro, natural, pois esa Coruña é un territorio salgado, propio das Sereas!
A nena, ante aquelas evidencias, calou, pero a mendiga, o que é en palabras, ¡de pobre, nada!
-Como lles ía dicindo, os Xacios gustan de agatuñar aos amieiros, e desde aló arriba cántanlles endechas ás Xanas...; ¡unha cousa parecida aos galos no poleiro!
-¿De que viven? A miña infanta matinando na economía, sempre. ¡É o seu signo!
-¡Como Deus te críe, vas ser tan pescudeira coma o propio Ministro da Facenda! Vívenche..., ¡de troitas, que as comen cunha ensalada de espadanas! ¡Están boísimas! -E pasouse a lingua polos beizos.
-¿E logo, como é que non se ven? ¡Estou ollando eses amieiros, un por un, pero, de Xanas, nin rastro! -Insistiulle a cativa, máis pícara cás cobras.
-Muller, ¿viches algunha vez ao Estado, e mais é un xigante; tan descomunal, que nos aplana!
-¿Por que di iso do Estado; que mal lle fixo? -Machucou a nena.
-Muller, é que estes do Outeiro, cada vez que teñen unha desas xuntanzas para repara-la capela da súa Santa, da súa Sabela, sempre acaban invocando ao Estado. ¡Xa vés, nada; nada de nada!
-¿Así que o Estado oprime, pero non gratifica? ¿Cobra, e despois auséntase, máis ou menos como facía o Burlador de Sevilla? -A cativa quería chegar ao fondo da cuestión, e de paso demostrarnos que merecía aquelas matrículas que lle viñan dando os de Económicas.
-¡Ao parecer, si! Xa lle dixen aquí á miña Santa que non fai falta que pida ningún milagre á súa prima, pois habendo carballos e ameneiros, ¡a santidade, debaixo destas árbores, está abeirada, mellor que nunha casa ruinosa, ou mal feita, que tamén as hai! ¿Non lles parece?
Como non había petos para reconstruí-la igrexa, deixámoslle á mendiga todo o diñeiro dispoñible, que só nos reservamos o imprescindible para gasolina; ¡séxase, moito! Ela non o quería pero despois dunha porfía tediosa, díxonos:
-Voume quedar con estes cartos, si, pero coa condición de dárllelos aos pobres de Lugo, pois eses, moito bosque sagrado, pero non teñen unha carballeira onde abeirarse; ¡nin onde abeirarse, nin onde rezar! Unha pobreza iso de Lugo, que todo o fan de formigón... ¡Cansaron de carrexar as pedras desa canteira de Lapio! ¡Unha pobreza, que llelo digo eu!
¿Estaba louca, ou era realmente unha Xana...? ¿Naquel sitio, con tales coñecementos, aquelas críticas mordaces, aqueles falares...? ¡En todo caso, aquela criatura razoaba ben, bastante ben, tanto coma calquera dos mortais!
Tempo adiante volvemos ao Campo da Santa Sabela, ¡por enésima vez!, e incluso lle preguntamos ao Muiñeiro; ou máis exactamente, á Muiñeira. ¡Nada, nada de nada, que nunca tal muller viran, nin dela oíran falar! Outro suceso incrible, deses que non se poden referir porque a xente rise dun, como fixo a Muiñeira, pero o que é pasar, ¡pasou! Debe ser que hai xente que non se decata do que ocorre ao seu redor..., ¡e se quen pasa é un mendigo, daquela menos, moito menos, case nada!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.