Solemne melonada
Piñeiro, Antonio - viernes, 23 de octubre de 2009
Antes de poñerme a escribir, estiven repasando a denominación oficial dos noventa e dous concellos que configuran o mapa provincial e fíxeno dándolle unha lectura en clave toponímica, tratando de buscarlle algún sentido -ou, cando menos, unha raíz- á palabra que os identifica.
O obxectivo non era outro có de definir un novo itinerario turístico chamado a complementar o triángulo máxico do Entroido, as festas históricas dos meses de xullo e agosto ou o as romarías marianas do mes de setembro.
O exercicio consistiu en ir mentando posibles celebracións seguindo a pauta da que nantronte deseñou a histriónica imaxinación do alcalde de Melón e o resultado foi o que segue:
Ós de Avión propóñolles que organicen unha parada aérea pola serra do Suído. Ós dos Blancos -para seren orixinais- unha merenda de negros. Ós de Calvos de Randín, un concurso de carecos e ós de Coles unha festa do repolo.
Os de Lobeira e Lobios poderían convocar, en comandita, unhas procesións nocturnas -con fachós e licandor- polas carballeiras do lugar á procura do lobishome. Os de Manzaneda, se cadra, estarían en condicións de pedirlles ós asturianos a receita e organizar unha festa da sidra de montaña. E os da Mezquita un ramadán apócrifo con concurso de cantigas de imáns dende os campanarios das igrexas e algunha que outra danza do bandullo.
Os de Muíños, pola súa banda, estarían habilitados para organizar a festa da fariña, controlando -iso si- que soamente fose de millo ou de trigo, non fora ser
Os de Nogueira de Ramuín, obviamente, deberían agardar ó outono para poder exaltar a noz. E os de Pereiro de Aguiar facer o mesmo, pero coa pera de pirifol.
O malo foi cando cheguei a Porqueira, pois por máis que tratei de espremer os miolos non logrei dar con ningún producto digno de celebración sen desmerecer ós seus veciños.
Entón pensei de novo no alcalde de Melón, pois seguro que, a nada que se poña a pensar, el si é quen de lles recomendar outra solemne melonada.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora