Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sucesos incríbles (12)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 03 de febrero de 2026
-Xa sei, xa, que esa escribanía permanente pode parecer un luxo, impropio dos da miña raza, pero é que, conserva-las raiceiras é tanto como conserva-la propia vida. ¡Nada menos! Pero volvendo ao caso de Ourense, que estes galegos parecen estar interesados niso, voulles engadir que: Un antepasado meu foi á Gallaecia...; ¡si, si, de verdade, coas tropas de Augusto, aqueles que superaron o río Lima, o do Esquecemento! A súa actividade, a do meu antepasado, consistía en anticiparlles moedas aos milites, aos xogadores, no entre tanto chegaban de Roma, ou da ceca máis próxima, outras remesas de munises. Cando pasaron por Ourense aquelas cohortes de Antistio, o meu entrego, Absalón, quedouse, estableceuse, naquela poboa; e dise no rolo primeiro que se quedou máis ben pola prosperidade aurífera, pero tamén por culpa de goza-las augas termais, esas burbullas que tanto abundan por esa parte do país galaico.

Tempo adiante, o seu fillo, que xa se romanizara un tanto pois noméase Absalóm, Absalóm Secundus, foi a Ierusalem, pola Pascua. Alí coincidiulle, e presenciou, o axustizamento de Xesús de Nazaret... No mesmo rolo dise que Absalóm Secundus afiliouse á seita dos Zelotas, e que estivo por Palestina algún tempo; que foi amigo do Saulo de Tarso, e que este lle propuxo converterse ao cristianismo, pero iso non debeu ocorrer, ou non foi definitivo, suposto que volveu para Ourense, ¡e seguimos sendo hebraicos!

Eu, a tal momento, xa estaba abraiado, coa boca aberta, papando Historia, absorto naquela reconstrución xenealóxica inusual, ancestral. Moisse debeu entender que quería preguntarlle algo, así que me dixo:

-¡Si, si, por favor, interrompede, que se vos conto a historia, toda, enteira, daquela non acabamos hoxe!

Non lle ía dicir que me tiña pasmado, así que saín por onde puiden:

-Iso, iso do Absalóm Secundus..., ¿non sería que viñese a España acompañando a San Paulo, ao de Tarso?

-Nada se concreta, nin nese rolo nin nos seguintes. Pois ben, e sigo: O paragrafo inmediato ao que deixo exposto mencionaba que aquel Absalóm, o Secundus, aprendeu en Roma, por onde pasou tanto a ida como á volta, as artes do cicel, e tamén as do buril, así que cando aqueles cristiáns de Ourense, os primeiriños que lle creron ao señor Iacobe, lle preguntaron que como era o físico do tal Xesús, aquel Axustizado tan famoso, en particular se se parecía ou non aos demais homes, entón aquel milmañas, o Segundo, botou man das súas ferramentas, e fíxolles un Cristo perfecto; ¡idéntico, con chagas e todo!

Con esas, o pasmado foi o Padre Pais, que intentou aproveita-la ocasión para facer apostolado:

-¡Oh, que cousa, que nin que fose aquel lenzo da Verónica! Mira ti por onde é ben certo que Deus ara dereito, pero coas liñas torcidas! ¿Con eses antecedentes na familia, non se lle ocorreu, a vostede, si, a vostede, iso, facer crucifixos, que daquela..., daquela estaría máis cerca de nós, dos cristiáns?

Pero Moisse deulle unha boa finta, pois a dialéctica xa se sabe que é unha das virtudes xudías, das primeiriñas:

-¡Cerca de vostedes xa estou! ¡Non ve que lles conto a historia máis íntima dos meus antepasados, cousa que seguramente é a primeira vez que tal fagamos! ¿Onde estaba? ¡Ah, si; naquela escultura en madeira, naquel Cristo que lles fixo o meu antepasado, aquel Absalóm!

A perfección da imaxe foille posible porque aquel avó estivera presente no propio Calvario, no Gólgota, e lembrábase do Nazareno con todo detalle, impresionado daquel crime absurdo. Tiña na retina, tanto no anatómico como na súa expresión agónica, aquel cadro verónico, que se lle representaba a todas horas.

Pasaron moitas xeracións, moitas, cada unha con nomes enxebres do xudaísmo, e con profesións diversas, case sempre de ourives, ou relacionadas coas finanzas e coa menciña, e o Cristo de Ourense podrecera, picado da couza, supoño, así que presentouse a ocasión para que os cristiáns lle encargasen ao Samuel das Burgas que lles reproducise, tamén en madeira, aquela obra do seu antepasado.

Consta no rolo undécimo que, efectivamente, Samuel intentouno, pero non foi quen de imita-lo Cristo vello. Entón os de Ourense tomáronllo a mal porque coidaron que o xoieiro non llelo quería dar por feito, así que lle encargaron a imaxe do Crucificado a non sei que escultor dos deles, dos cristiáns, pero non sen antes propinarlle unha malleira ao avó Samuel. Daquela os meus ausentáronse, para..., ¡iso, para Ribadavia!, pero deseguida volveron, pois o negocio no burgo de Ourense, ao parecer, era máis frutífero, de máis clientela…

Alí, na Cidade das Burgas, estiveron, concretamente, ata o ano 1780 da Era Cristiá, sen ser molestados nunca máis, que esa é a verdade, pero neste tempo, segundo se refire nos rolos últimos, foron converténdose todos, ou case tódolos xudeus de Ourense, ata que chegou un día en que os varóns da miña casa non tiveron con quen casar; de aí aquel traslado familiar para Sebta, que foi, como antes dixen, por aburrimento!

Tardamos todos en falar, introvertidos, pois aquela historia era asombrosa, impresionante; en tódolos aspectos. O que primeiro se decidiu foi o Padre Pais, que lle dixo a Moisse:

-¡Non me falte á palabra de contarlle todo iso ao Padre Gonzalo, que xa lle dixen que é da parte de Ourense; ademais, un gran estudoso da xente do Libro! ¡Asegúrolle que iso será grato, moito, para ámbolos dous!

-A miña palabra sempre foi de lei nos negocios; ¡así que, nisto, nestas cousas do espírito, do intelecto, comprenderá que non poda ser doutra maneira!

Aínda seguimos un cacho nestes temas, pois a enfermeira tardou en chegar co seu recado do Sanatorio, pero o resto foron disquisicións sobre o xa falado, así que as omito por brevidade, que iso do laconismo é unha virtude, cada vez máis apreciada, ¡aínda que teña pouco de santidade e moito de egolatría!

A conclusión que tirei desta historia é que moita vida se arranxa falando con franqueza coa xente de polo mundo adiante. Doutro xeito, a vida da persoa confundiríase coa do caramuxo, que boa desgraza ten con iso de esconderse na súa bucina, nese antro insolidario, tan pequerrecho e tan escuro. ¿Por que haberá racismo se tan enriquecedor e tan divertido é escoita-los veciños, cara a cara, en boa harmonía? E logo que a beleza máis auténtica está por dentro, ¡na nobreza dos feitos! Outro pensamento que se me ven á cabeza é que eses xudeus, tan deostados dos cristiáns de tódolos tempos, conservan as historias familiares con todo respecto e con toda veneración, ¡como se fosen ouro, en pano sedán!, e vanas pasando, e repasando, con orgullo, de xeración en xeración. Pola contra, aquí, neste país noso, maiormente desde que desapareceron as lareiras, o maior pracer é botarlles enriba unha boa pedra aos antepasados, ¡a poder ser, de gra, ou de mármore, que son as máis pesadas!

Coido que non se perde o tempo ollando un pouco pola ventá, racismos á parte, pois se a vaca do veciño non é mellor cá miña, igual é doutra cor, e con iso xa se rompe, algo, a monotonía do noso cortello!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES