Sucesos incríbles (10)
Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 30 de enero de 2026
No nome de Deus escríbese este Relatorio dos feitos que acaeceron na mocidade dos meus pais, que Alá garde.
Esta é a historia de como noso pai, o Gran Mussa, grande entre os fillos de Alá, descendente do Califa Abu Bakr, aquel que recolleu tódolos escritos que contiñan as verbas do profeta, encontrándose de navegación fronte ao Seo Brigantino, que era onde proxectaba desembarcar cos seus mil guerreiros nautas para corta-la retirada por mar daqueles nativos temerosos e incrédulos, para así convencelos de que podían vivir en paz, en recíproca tolerancia, connosco, co Islam, albiscou na bruma mañanceira o reflectido dourado dunha raiola de sol que bicaba os cabelos dunha serea...
Fixo vira-lo seu cárabo de tres velas en pos da mesma, decatándose entón de que non era tal senón unha naufraga fisterrá, que cabalgaba briosa enriba dun madeiro, mexida polas ondas.
O barco daqueles fuxidos fisterráns non puido coa Marola, de tan abarrotado de vacas coas que aquela xente navegaba. Mussa rescatou, persoalmente, á princesa Mira, pois Mira, a dos cabelos roxos, non resultou ser una serea estéril senón unha princesa corúnica, descendente do seu excelso Breogán.
Namorouse dela segundo a viu, e chegado que foi á terra firme relegou o mando da súa expedición en seu irmán Abdul-lah, reservándose, para si e para os seus, o castro-castelo do Samoedo, con suios arredores, de ría a ría, desde o Faro Herculino a Betanzos, que tamén era seu, por occupatio bellica.
A princesa Mira sempre quixo estar soa, lonxe do pazo musulmán pero cerca da ría betanceira, que foi por onde se quedaron eles, seus irmáns de raza, en particular seus curmáns, Eteria e Remismundo, convencidos de que os árabes non éramos depredadores senón conquistadores, sempre tolerantes coa xente do Libro.
Ante a súa insistencia, noso pai Mussa, ¡que Alá sexa loado!, fixo construír para a súa Mira o pazo mariñao, tamén coñecido como Paraíso de Alá, con tres torres de dez alximeces, con suios xardíns e fontes, arraiáns e moreiras. Maiormente moreiras, que nosa nai aprendera a fiar na seda con nosa tía Aisa, vida de Damasco por petición de meu pai.
Lembrándose Mussa de que os fillos de Israel quixeron ter vacas na terra prometida, pediulle ao curmán Remismundo unha parella delas, para inzar destoutra banda da ría. Trouxéronllas pardas, vacas e touro, pero Mussa, evocando a sura 2, aleias 64/69, díxolles que tiñan que ser de cor amarela, ¡para que aledasen a Mira, nosa nai, cando as vise pastar deste lado da ría betanceira!
Estas foron as orixes da miña raza e da miña riqueza, sen razzia ningunha, que eu nacín aquí mesmo, no propio Mariñán, e meu pai, ¡que Alá sexa loado!, nomeoume Al-ben-al-Mar, séxase, fillo do mar, ¡xa que no mar atopou el á súa princesa!
A loanza sexa para Alá, señor dos mundos, desde o Atlas á Fisterra. Só Alá é grande, e por debaixo del está Muhammad, o noso Profeta. Despois de Muhammad correspóndelle a Mussa, meu pai, que me xerou dunha serea, de Mira; en terra, Princesa Breoganí. ¡Loado sexa Alá!
-.-
Daquela, cando fixen este anosado, que diría Cunqueiro, asombreime do medo que pasaran aquelas xentes de Bergondo, Alfredo e maila súa Etelvina, ¡por un simple título de propiedade! ¿De propiedade? ¡Pois claro, que aquel documento só evidenciaba os dereitos da familia que o tivese ou conservase para ser, simbolicamente, dona e señora das terras deste Al Magreb brigantino!
Alguén poderá dicir que aquilo era pouca cousa..., ¡que todo é relativo! Por exemplo, para quen fose dono e señor de vidas e de facendas de toda España, Meirás incluído, aqueles pergameos da biblioteca de dona Emilia eran só iso, unha peza do museo, ou da biblioteca; ¡doados, para máis inri, segundo tiñan de costume!
Aquí, neste país, temos a tradición de evoca-los mouros cada dous por tres: Esta cova, esta muralla, tal castelo..., pero desde que nos dixeron aquilo das cen doncelas, aquel roubo das campás de Compostela, e que Santiago se levaba a matar con eles, moito descrédito lles caeu enriba. ¡Pois non, non señor, que se picardías nos fixeron eses veciños, nós, a eles..., máis de catro!
¡É incrible a de cousas que temos esquecidas, cando que non hai curro nesta arcaica Galicia dos arcanos sen a súa historia romántica, e a maiores, doutrinal!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.