Sucesos incríbles (8)
Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 28 de enero de 2026
Respondeume a miña costela, pero tamén desde a súa inocencia:
-¡Si, desde logo, que todo isto é un paraíso, que para eles o quixesen eses de Alá, sequera fose en foto! ¡Oh, Deus, só Ti es grande e poderoso; só Ti fixeches as marabillas do Universo, este universo tan mal repartido, e o que é peor, pesimamente compartido! ¡Sorte Mulana...!
-Handu-li-lah! -E leveime a man do peito á cabeza, liturxicamente, para confirmarlles que tamén eu lle daba as miñas grazas a Deus, de pensamento, palabra e obra, por estar a tal momento na cota dos mellorados, dos morgados.
Aquilo, que para nós só foi unha broma, unha reminiscencia dos nosos anos de africanismo activo, impactou á señora, que se puxo coma un tomate:
-Alfredo, mira por onde atopamos cunha moura..., ¡das de verdade, e non esas do Castro de Samoedo!
-¡Cala, muller, non digas parvadas!
Aquela represión en público dun señor que parecía tan pulcro e tan correcto intrigoume de mala maneira:
-Señor..., Alfredo; don Alfredo, que así se chama, ¿non é?
-Servidor, si; en efecto; e a miña dona, esta muller, esta Eva divina que Deus me puxo de compañeira, chámase, Etelvina.
-Para servir a Deus e a vostedes. -Confirmou ela, tan educada que se non fose pola súa idade tomaríaa por unha noviza franciscana.
Tales finuras esixían unha reciprocidade cordial:
-Pois aquí a miña Estrela, para máis lucir, chámase Xosefina. ¡Iso a pesares do que ten de moura! Eu, igual de servidor, Xosé María, que engadirlle o de Xesús pareceulle moito ao meu padriño. Vexo que á súa..., Etelvina, ¿Etelvina, non si?, chocoulle atoparse aquí cunha..., ¡musulmá! ¿Vostede é militar...? Retirado, supoño. ¿Estiveron en África?
-¿Quen son vostedes? -Espetoume Alfredo, como bo galego, retrucando; visiblemente receoso, como poñéndose nunha garda discreta, se cadra alarmado coas nosas enquisas.
-Son directivo dunha Entidade Financeira, aí na Coruña; ¡o que se di un bancario, pois banqueiro xa sabe que é outra cousa! A miña muller, ou máis exactamente, a miña dona, que mulleres son tódalas que levan saia, amén dalgunha usurpadora de calzóns!, é Mestra, pero exerce na casa, comigo e cos fillos, dous, que andan por aí dentro..., ¡precisamente nesta finca! Coido que ás mazás... ¡Si, ás mazas, que os estou vendo, subidos naquela maceira; alí ao fondo, á esquerda!
-¿E logo, como é que estiveron en África; ou pasouse a Destinos Civís?
-Non exactamente. O meu Banco era a única entidade financeira, daquela, na África Occidental, e por iso exercía os servizos de tesourería do Goberno da A.O.E. Naquelas circunstancias africanizámonos bastante, ou máis exactamente, moito, pois eu tiña que tratar cos mouros e cos cristiáns, con todos, asemade, e con igual deferencia. Xa sabe, aquela cousa de, polo Imperio cara a Deus, ¡así fose un imperio de infieis!
Foi Etelvina quen volveu a..., ía dicir, a mete-la pata, pero deixémolo, asepticamente, en, meter baza:
-Entón, vostede..., ¿sabe árabe? ¡Polo que dixeron denantes...!
-Os dous sabemos algo; si. Iso é o que máis abunda en África, a lingua árabe..., ¡despois da area! Pero bastante impura, chapurreada co bérber!
-Quero dicir..., ¿se o sabe ler; iso, o árabe? ¡E perdoe pola curiosidade!
Asentinlle co mellor dos sorrisos, pero aquel Alfredo estaba noutra onda, que volveu a olla-la súa dona con cara de asasino:
-¡Etelvina, muller, non te enlegues, que nós temos présa!
Escorreuse con visible torpeza. A miña costela, que sempre lle deu ao seu rol do cireneo, argumentoulles, calmosa:
-Non se vaian tan axiña, ¡co ben que se está aquí! ¿Queren que demos un paseíño por este prado...? ¡Ata que volvan os nenos, digo, que vostedes tamén chegaron en coche, e é saudable un paseíño a estas horas! ¿Non si?
Etelvina nin o dubidou e tiroulle do brazo ao seu home:
-Alfredo, que xa te entendo, meu amor, pero estes señores, polo que contan, nin son militares nin..., da policía, e daquela podemos fiarnos deles, que ademais diso, teñen cara de honrados. ¡Seguro; fíxate que ollan de fronte! Ben sabes a de anos que levamos en busca dunha persoa de confianza que saiba árabe..., ¡e se cadra xa non atopamos outro, no que nos reste de vida!
O señor quedouse un intre dubitativo, pero acabou cedendo:
-¿Vostedes...? ¿Dannos palabra de que canto lles digamos, ou ensinemos, quedará entre nós, polo menos ata que morramos, aquí a miña señora e mais eu?
-Don Alfredo, vostede non me coñece, pero, pola miña profesión, xa se decatará que levo ao lombo mil secretos, a cal máis comprometido.
O señor fretouse as mans nun aceno de ledicia, de congratulación:
-¡Esa é unha razón que convence ao galego; si, señor, iso é razoar! Etelvina, ti que estás máis afeita a falar coa xente, cóntallelo, que eu, de tantos anos no mar, con pouca xente ao meu redor, se empezo a falar logo canso. Non saben como acovarda iso de pasarse media vida na soidade do mar...; ¡para esta cousa das relacións sociais, quero dicir!
-¿Alfredo, ves como tiña razón? ¿E vostedes..., teñen présa?
-Ningunha, pois agora que volveron os cativos, e como este auto ten halóxenos, a onde non cheguemos de día, imos de noite, ¡coma os morcegos!
O señor ofreceunos, propuxo, chiscándolle un ollo á súa dona:
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.